Por Galicia Confidencial | Tui | 09/11/2016 | Actualizada ás 13:00
Nenos e nenas de 34 centros educativos de Galicia e do norte de Portugal poderán achegarse ao mundo do xornalismo radiofónico e, mesmo, participar na creación de programas educativos. E que a asociaciópn Ponte nas ondas! está a preparar un portal das radios dixitais escolares que será o soporte de difusión dos centros que teñan esta vía de comunicación e con vocación de punto de encontro das escolas da lusofonía.
Este portal será presentado publicamente no mes de febreiro coincidindo coa celebración do Día Mundial da Radio. Os obradoiros están destinados á formación do alumnado na creación e realización de podcasts para a súa inserción nunha plataforma dixital de difusión que poden ser as radios educativas de cada centro onde se desenvolva.
Nocións básicas para traballar nunha radio dixital
Entre outros contidos, abordaranse nocións básicas de vocalizacion e dicción, dramatizacion de textos, exercicios de roll play, analise de podcasts, aprendizaxe de escritura de textos para ser locutados, aprendizaxe de uso das ferramentas de gravacion e edición de son e como subir o podcast a un audioblog, nube, etc. e como compartilo nas redes sociais.
Os obxectivos que se perseguen son fundamentalmente o fomento de radios dixitais realizadas polo alumnado e a integración en plataformas sociais de comunicación para a difusión dos contidos.
Ponte...nas ondas!, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, será o encargado de realizar estes obradoiros logo da gran demanda que deixou a moitos centros sen poder participar no programa anterior debido ao límite dos recursos para a súa realización. Durante os próximos cursos seguirase ofertando esta formación para as escolas da Eurorrexión.
A partir de xaneiro de 2017 Ponte...nas ondas! realizará o segundo curso de formación para profesorado sobre a creación de podcasts e a posta en marcha de radios dixitais. Este curso será impartido por un profesional da radio a través de Internet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.