TVE dispara o interese na palabra ‘esmorga’, con rexistros históricos en Google

A emisión no programa 'Versión Española' de La 2 do filme 'A Esmorga' —adaptación de Ignacio Vilar da novela de Blanco Amor— produciu unha marea de consultas no buscador en liña, conseguindo volumes nunca antes vistos. «Esmorga» tamén se converteu no termo máis consultado da semana no diccionario da Real Academia Galega, trala súa estrea na canle pública estatal.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 12/12/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O programa 'Versión Española' de La 2 de TVE estreou o pasado 4 de decembro o filme A Esmorga, adaptación dunha das grandes novelas da literatura galega. No coloquio, moderado por Cayetana Guillén Cuervo, participaron Ignacio Vilar, director do filme, e os actores protagonistas: Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán 'Morris'.

Cayetana Guillén Cuervo con Ignacio Vilar, Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán 'Morris'
Cayetana Guillén Cuervo con Ignacio Vilar, Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán 'Morris' | Fonte: TVE.

A Esmorga é a adaptación da novela do mesmo título de Eduardo Blanco Amor. Trátase dunha das obras cumes da literatura galega, prohibida pola ditadura franquista e que dende a democracia é obra de obrigada lectura nas escolas galegas. En 1977, Gonzalo Suárez levouna ás pantallas de cine baixo o título de 'Parranda', pero foi co filme de Ignacio Villar co que a novela atopou a súa axeitada adaptación ao cinema.

O filme foi candidato ao Goya ao Mellor Guión adaptado e a súa estrea en Galicia, o 21 de novembro de 2014, supuxo todo un acontecemento, manténdose 16 semanas na carteleira. Porén, foi grazas á súa proxección en TVE que a película e a palabra «esmorga» espertaron un interese inusitado, nunca antes visto, disparándose as consultas no Dicionario da Real Academia Galega (RAG) e as buscas deste termo en Google en toda España, acadando rexistros históricos.

A palabra «esmorga» converteuse no termo máis consultado no Dicionario da RAG a pasada semana, o cal indica o enorme interese que suscitou entre os galegos a emisión do filme en TVE e a curiosidade que espertou a palabra.

Ademais, en Google —talvez o maior termómetro para medir a temperatura do interese que esperta calquera tema na sociedade rede— produciuse unha marea de buscas para esta palabra sen precedentes.

A palabra «esmorga», a máis consultada no Dicionario da Real Academia Galega na semana da estrea do filme de Ignacio Vilar en TVE.
A palabra «esmorga», a máis consultada no Dicionario da Real Academia Galega na semana da estrea do filme de Ignacio Vilar en TVE.

DATOS

Os rexistros de tendencias en Google amosan que 'Versión Española' tivo un enorme impacto na popularización do filme e da palabra «esmorga», acadando o maior volume de buscas o día da súa emisión. 

As buscas con esta palabra disparáronse o 4 de decembro —día da estrea na canle pública estatal— até acadar o maior volume histórico de consultas dende que hai rexistros de datos, é dicir, dende xaneiro de 2004. Nunca antes este termo fora buscado tantas veces, nin sequera cando se estreou nas salas de cine. 

Google Trends amosa as estatísticas do volume de buscas para un termo concreto en comparación co total de buscas realizadas ao longo dun tempo determinado, dándonos unha medida do interese que suscita un tema. Os datos non representan cifras totais do volume de buscas, xa que os datos se normalizan e preséntanse nunha  escala do 0 ao 100. Así, un valor de 100 indica a popularidade máxima dun termo, mentres que 50 ou 0 indican unha popularidade que é a metade ou inferior ao 1 por cento, respectivamente, en relación ao maior valor. 

Para o termo «esmorga» Google Trends amosa o valor  máximo 100 o 4 de decembro. É dicir, a emisión do filme de Ignacio Vilar en La 2 suscitou un interese nunca antes visto sobre esta historia e o termo. De feito, é moi relevante ver que o segundo maior pico de interese que se produciu nas buscas en Google sobre «esmorga» data de novembro de 2014, coincidindo coa estra do filme nas salas de cine, pero o valor acadado foi de 29 sobre 100, moi por debaixo do conseguido coa estrea en TVE.

A análise xeográfica destas buscas para a última semana tamén amosan o enorme interese que espertou a emisión do filme entre os galegos, xa que Galicia é a a rexión onde acadou o maior volume de buscas en Google, acadando o máximo valor (100). Pero tamén causou un importante impacto noutros puntos da xeografía do Estado español, sendo as máis destacadas Castela e León (33), Asturias (27), Cantabria (24) e Aragón (22).

Por localidades, Ourense é onde se produciu o maior volume de buscas na última semana, con valores máximos (100), seguida por Lugo (76), Santiago de Compostela (73) e Vigo (69).

Cabe salientar que a primeira entrada que aparece destacada nos resultados da busca para o termo «esmorga» en google.es é a páxina dedicada á novela na Wikipedia en español, mentres que en google.com é a entrada desta enciclopedia en inglés para o libro de Blanco Amor. É dicir, a popular enciclopedia en liña colaborativa e aberta da Fundación Wikimedia é a principal fonte de información que atopan os internautas ao introducir o termo «esmorga».

QUE É UNHA ESMORGA?

A palabra galega «esmorga» non ten unha tradución literal en castelán. Aquí recollemos a definición que lle dá o Dicionario da Real Academia Galega:

esmorga

 PARA TODAS AS ACEPCIÓNS SINÓNIMO pándega

substantivo feminino1Diversión buliciosa e esaxerada.Pasou toda a noite de esmorga. SINÓNIMOS algueiradacaralladachola2festafoliada
gandainarexouba,riolaruadatroulatrouleoxolda
 CONFRONTAR garulada
2Comida abundante que toman varios amigos xuntos.Xuntábanse os xoves á noite para faceren unha esmorga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

2 Javier Merlo

Pobres estos gallegos. Ponen una palabra en su idioma...y todos al diccionario.

1 xDDDD

jaajaj pero que ignorante eres amigo

1 Españolistas dades noxo

Somos tan españois que nin coñecen unha palabra obvia

1 nostrus

O problema é que tampouco a coñecen os ultragalegueiros, pero "juerga", "cachondeo" ou "parranda" coñecenas tododios. Ao mellor o galego non é tanto a lingua propia como se dice.

2 edn

Claro que si, o autoengano tamén che vale, querido costrus