Un consorcio galego deseña un robot para asistir a pacientes con dano cerebral

Un consorcio de empresas e institucións galegas desenvolveu un prototipo de robot consistente nun brazo robótico que se ensambla ao brazo de pacientes con dano cerebral para asistilos nos seus déficits motores.

Por E.P. | VIGO | 19/12/2016 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

Un consorcio de empresas e institucións galegas desenvolveu un prototipo de robot consistente nun brazo robótico que se ensambla ao brazo de pacientes con dano cerebral para, mediante un sistema de realidade virtual, asistilos nos seus déficits motores e permitirlles realizar "diversos exercicios" cotiáns, ademais de facer o seguimento dos seus progresos.

Prototipo de brazo robótico que se ensambla ao brazo de pacientes con dano cerebral
Prototipo de brazo robótico que se ensambla ao brazo de pacientes con dano cerebral | Fonte: Europa Press.

Este proxecto, chamado 'Recupera', baséase en que o paciente segue os movementos a través dun monitor e, cun sistema inmersivo de realidade virtual, sitúase en escenarios ficticios ou habituais para mellorar a súa autonomía persoal. Así, o usuario intenta realizar virtualmente unha actividade concreta, como cociñar ou asearse, e o robot asísteo cando é necesario para completar os seus movementos.

Se ben o sistema presenta "dificultades, como a de reproducir con exactitude os complexos movementos fisiolóxicos humanos", permite que o usuario poida realizar "moitas repeticións de movementos sen erros e sen fatiga", e facilita que poida alongar os adestramentos sen necesitar a participación directa do terapeuta.

Este proxecto é liderado pola empresa do sector TIC Balidea, en colaboración co Hospital Povisa, Aimen Centro Tecnolóxico, e as empresas DGH, i3Te e Ficción; conta cun orzamento de 1,33 millóns de euros e un prazo de desenvolvemento de 34 meses.

Durante o próximo ano perfeccionarase o prototipo, en 2018 espera a súa instalación en Povisa, e, unha vez que este sistema sexa validado, "pasará a formar parte dos ximnasios de rehabilitación, onde completará o labor de fisioterapeutas e terapeutas ocupacionais para favorecer a recuperación neurolóxica", avanzaron os promotores durante a presentación deste luns.

Esta iniciativa permite asistir a pacientes de ictus que sufriron lesións en áreas motoras do cerebro e presentan unha situación de minusvalidez crónica. Entre os signos clínicos que mostran estas persoas inclúese debilidade muscular, perda de control articular ou rixidez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta