O xefe do Lexislativo galego trasladará a Felipe VI a evolución do Parlamento nos seus 35 anos

O xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, aproveitará a súa audiencia deste xoves coa Súa Maxestade o Rei Felipe VI para "explicalo e comentar" a evolución e os cambios no Parlamento autonómico nos 35 anos transcorridos dende a súa sesión constitutiva, que tivo lugar no Pazo de Xelmírez de Santiago o 19 de decembro de 1981.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2017 | Actualizada ás 19:53 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, aproveitará a súa audiencia deste xoves coa Súa Maxestade o Rei Felipe VI para "explicalo e comentar" a evolución e os cambios no Parlamento autonómico nos 35 anos transcorridos dende a súa sesión constitutiva, que tivo lugar no Pazo de Xelmírez de Santiago o 19 de decembro de 1981.

Así o trasladou, en declaracións a Europa Press, o presidente da Cámara autonómica, quen será recibido por Felipe VI ás 13,15 horas no Pazo da Zarzuela.

Este encontro coincide co 35 aniversario da constitución do Parlamento de Galicia, unha conmemoración que a institución quere aproveitar para divulgar o seu traballo e as funcións que ten asignadas no conxunto da sociedade.

A audiencia chega tamén poucos meses despois do arranque da X Lexislatura. Precisamente, o pasado 10 de novembro, tras a elección de Alberto Núñez Feijóo como presidente da Xunta, o xefe do Lexislativo comunicou o resultado da elección ao Rei e ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, por correo electrónico, ademais de enviar os documentos orixinais.

Entón, a comunicación a Felipe VI non se puido efectuar en persoa por razóns de axenda do xefe do Estado. Agora, Santalices trasladaralle as actividades nas que a Cámara autonómica se centrará nesta X Lexislatura e tamén os actos que prevé para conmemorar os seus 35 aniversario.

"Dende o respecto e a lealdade institucional", o presidente da Cámara subliñou que acode ao encontro coa mente "aberta" e disposto a abordar os asuntos polos que se interese o Rei, "un home de conversación agradable e fluída".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta