Científicos de Galicia, Xapón, Australia e EE.UU. colaboran para protexer a biodiversidade mariña

Iria Fernández Silva, do Campus do Mar, participa nun proxecto internacional que aportará unha "avaliación sen precedentes dos procesos de especiación, hibridación e introgresión nos ecosistemas mariños".

Por Galicia Confidencial | VIGO | 16/01/2017 | Actualizada ás 13:34

Comparte esta noticia

Un equipo pluridisciplinar de investigadores das universidades de Vigo, Ryukyus (Xapón), Curtin (Australia), Berkeley e da California Academy of Sciences (Estados Unidos) están colaborando nun proxecto científico para entender mellor a biodiversidade mariña e mellorar os mecanismos de protección.

Peixe anxo anano en Christmas Island
Peixe anxo anano en Christmas Island | Fonte: Luiz Rocha.

“O noso traballo constitúe unha avaliación sen precedentes dos procesos de especiación, hibridación e introgresión nos ecosistemas mariños e os resultados que academos permitirán comprender mellor os procesos evolutivos e ecolóxicos que manteñen a biodiversidade mariña e os patróns xerais da evolución molecular”. Así describe a investigadora do Campus do Mar, Iria Fernández Silva, responsable da liña de Xenómica Mariña, o proxecto de investigación que acaba de iniciar, un traballo para o que acaba de recibir unha axuda do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia de 60.000 euros.

Baixo o epígrafe 'Especiación e hibridación en peixes mariños: combinando estudos de xenómica, ecoloxía e comportamento fronte ao cambio global', a realización do proxecto corre a cargo dun equipo internacional no que Fernández, investigadora do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo, veu desenvolvendo a súa actividade nos últimos anos como beneficiaria dunha bolsa Marie Curie. “Imos empregar unha metodoloxía de investigación punteira, na que a xenómica se combina con estudos de ecoloxía e comportamento”, explica a investigadora, que fai tamén fincapé na importancia de estudar este tipo de procesos “para entender como se xera a biodiversidade e aprender a protexela”, engade en declaracións recollidas por D. Besadío no DUVI.

PEIXES ANXO ANANOS 

O obxectivo deste proxecto é estudar en peixes mariños a especiación, “proceso evolutivo polo que se forman novas especies, xeralmente a partir dunha soa que se fragmenta”, e a hibridación, “cando dúas especies xeralmente próximas entran en contacto e se reproducen entre si”. Para logralo estudarán un complexo de peixes anxo ananos (xénero Centropyge) que viven nos arrecifes de coral dos océanos Índico e Pacífico, especies que se parecen moito entre si pero que se distinguen polas súas rechamantes cores.

Por que os peixes anxo ananos e non outros? A investigadora explica que este xénero de peixes teñen unha gran diversidade de especies que se distinguen polas súas cores, un aspecto “moi interesante”, xa que a cor é comunmente empregada polos peixes de arrecife de coral para recoñecer individuos da mesma especie no apareamento.

“En concreto nós estámonos centrando en tres especies de peixe anxo anano emparentadas pero que se diferencian polas súas cores, que sabemos que hibridan nos lugares onde se sobrelapan, e que hibridaron durante a súa historia evolutiva.

"Queremos estudar o seu uso do espazo, o seu comportamento e os seus xenomas para saber que é o que as mantén separadas, que é o que leva a que hibriden, e comprender mellor o impacto da hibridación e da especiación nos seus xenomas”, salienta Fernández, que fai fincapé en que aínda que se centrarán no estudo destes peixes, as conclusións do traballo permitirán entender máis sobre estes procesos na xeneralidade de especies mariñas.

Primeiro secuenciarase o xenoma do peixe anxo anano C. vrolikiii, que servirá como referencia e, despois, secunciaranse a baixa profundidade os xenomas completos de individuos das especies parentais en zonas onde non teña habido sobrelapamentos (“para representar os tipos puros”) e de zonas de hibridación.

Para levar a cabo o traballo realizaranse observacións de campo para estudar os mecanismos ecolóxicos e de comportamento conducentes ao establecemento de poboacións híbridas e o rol dos taxons de orixe híbrido nos ecosistemas. Haberá observacións de campo en Micronesia e Vanuatu, no Pacífico, e tamén en Christmas Island, no océano Índico, onde hai numerosas poboacións híbridas deste tipo de peixes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta