Visto para sentenza o caso dun edil de Narón que denunciou ao INSS pola súa alta mentres esperaba probas médicas

André Abeledo (EU) estima que a decisión tomou "porque esgotara o ano de baixa"

Ferrol | 17/01/2017 | Actualizada ás 20:03 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Xulgado do Social número dous de Ferrol deixou visto para sentenza a vista celebrada na mañá deste martes por unha denuncia interposta por André Abeledo concelleiro de Esquerda Unida (EU) no Concello de Narón (A Coruña), contra o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), por recibir a alta médica a pesar de estar á espera de realizar novas probas no seu cóbado esquerdo, como unha electromiografía, resonancia e radiografía.

En declaracións a Europa Press, Abeledo relatou que "as diferenzas de criterios" xurdiron cando se cumpriu o seu ano de baixa médica, "hai aproximadamente dous meses", e tras acudir á revisión médica se lle trasladou pola facultativa que o explorou que xa estaba recuperado da súa lesión, realizándolle "unicamente unha valoración visual".

Isto, engadiu, motivou que "decidise recorrer". "Porque a min se me dá de alta porque simplemente esgotara o ano de baixa e non porque teña realizadas todas as probas, nin a miña enfermidade se teña curado", manifestou.

André Abeledo tamén trasladou que a única proba que se lle practicou para dalo de alta foi mandarlle "sacar a camisa e facer unha inspección visual" e que ante esta decisión non lle quedou "máis remedio que se reincorporar" ao seu posto de traballo nun supermercado.

OUTROS CASOS

O tamén voceiro do grupo mixto do Concello de Narón aproveitou para criticar que "este tipo de situacións se están a dar con moitas persoas que se atopan nun estado moito peor" que o seu, "con persoas que teñen mesmo o 80 por cento de invalidez recoñecida e os están a chamar para recoñecelos" e colocalos no "30 por cento".

Abeledo tamén denunciou o caso dun traballador do sector da construción, "de 56 anos, ao que lle instalaron unha prótese de cadeira e lle dan a alta por melloría porque entenden que pode traballar noutra actividade", o que lle valeu para criticar a actitude do INSS.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta