Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2017 | Actualizada ás 13:44
A CIG-Ensino e A Mesa pola Normalización Lingüística esixiron un novo marco xurídico que remate "coa actual exclusión do galego" nas aulas a consecuencia da aplicación da LOMCE e do decreto do plurilingüísmo.
Segundo explicou o sindicato nacionalista, unhas 50 persoas acudiron este mércores ás dependencias de Política Lingüística en Santiago de Compostela para "conseguir unha reunión" co secretario xeral, Valentín García, e o "o compromiso de ser recibidos" polo conselleiro do ramo, Román Rodríguez.
A CIG destacou que este "encerro" rematou xa esta mesma maña tras ser recibidos por Valentín García. O titular de Política Lingüística trasladoulles, segundo indicou a GC, que "se estaba a preparar unha circular para adaptar o decreto de plurilingüismo á LOMCE", pero non que teña recoñecido que a situación do galego "sexa ilegal e irregular pola aplicación da LOMCE", tal e como apuntou o responsable da CIG-Ensino, Anxo Louzao.
"Dende A Mesa e dende a CIG-Ensino deixamos claro que isto é totalmente insuficiente e que a única saída é derrogar este decreto e abrir un debate dirixido a elaborar outra norma coa que se camiñe cara á plena normalización lingüística", manifestou.
Ademais, indicou que solicitaron unha reunión co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para trasladarlles as súas propostas. A este respecto, apuntou que conseguiron "ser citados o 15, 16 ou 17 de febreiro". Este extremo foi confirmado polo departamento autonómico, que explicou que si terá lugar este encontro para o que aínda non hai unha data fixa establecida.
POSTURA DO CONSELLEIRO
Pola súa banda, preguntado ao respecto nun acto en Rianxo (A Coruña), Román Rodríguez asegurou que "se demostrou socialmente e xuridicamente" que o decreto é "absolutamente viable" e que posibilita que "partindo dun equilibrio lingüístico" todos os galegos teñan "un maior coñecemento" tanto "a nivel oral como escrito" da lingua galega.
"En principio parécenos unha medida de presión que quizais non sexa a máis axeitada e sempre temos que apostar polo diálogo e por entendernos entre nós", sinalou sobre a protesta levada a cabo este mércores pola CIG e A Mesa.
Neste sentido, insistiu en que este decreto "está a cumprir a súa folla de ruta que é garantir o coñecemento pleno a todos os estudantes do sistema educativo". "E iso estase a cumprir sen ningún tipo de problema", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.