Feijóo rebaixa os danos dos temporais: “Foron menos dos previstos”

O presidente fixa en cinco millóns os danos nas infraestruturas dependentes da Xunta á espera de avaliar os danos ao patrimonio. Evitar confirmar multas ás eléctricas e apunta que o expediente informativo aberto ditaminará as súas responsabilidades nos cortes do suministro.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/02/2017 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Galicia é un pais acostumado ás grandes tormentas e temporais pero había tempo que non sufría estes fenómenos atmosféricos adversos. Tanto que xa os galegos se estaban acostumando a unha prolongada seca que non é típica destas latitudes. E, precisamente, grazas a esa seca, os efectos dos últimos grandes temporais foron “menores” dos agardados.

Na Coruña o acceso a varios parques está restrinxido por mor do temporal
Na Coruña o acceso a varios parques está restrinxido por mor do temporal | Fonte: Eloy TP twitter

Ese foi, cando menos, o argumento utilizado este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. “Houbo menos danos dos que tiñamos previstos”, dixo ao suliñar que, desta volta e a diferencia doutros grandes temporais, “non houbo desbordamentos de ríos pola seca persistente que padecemos, e a afección ás infraestruturas foi menor”.

Hai ou non hai responsabilidades das eléctricas?

Cando menos, e para o Goberno galego, foi menor no que respecta ás infraestruturas públicas, non así ás privadas, que aínda están sen avaliar. Por iso, o presidente galego evitou precisar o custe dos danos en negocios e vivendas e, sobre todo, a responsabilidade das compañías eléctricas por deixar sen suministro eléctrico a milleiros de familias, moitas delas, durante máis de tres días. “Haberá que agardar o que di o expediente informativo aberto”, suliñou.

E é que aínda non está claro para a Xunta que sexan as eléctricas as que teñan que pagar os danos causados aos particulares e empresas pola falla continuada de electricidade. “Para iso hai seguros contratados que tamén se fan cargo. Haberá que ditaminar de quen foron as responsabilidades”, indicou.

Árbore caída por mor dos temporais
Árbore caída por mor dos temporais | Fonte: Alén Pérez

Neste expediente analizarase o tempo de interrupción da electricidade, o número de usuarios afectados, o tempo de solución da avaría e o persoal destinado polas compañías eléctricas para tentar solucionalo. Unha vez se coñezan estes datos, a Xunta abordará as responsabilidades pertinentes. 

Pero, polo momento, os afectados poderán pedir compensación ás compañías aseguradoras ou facer uso das axudas habilitadas polo Goberno central para paliar as consecuencias dos temporais. “Logo xa se verá se pagan as eléctricas ou as aseguradoras”, indicou.

Menos incidencias que noutros temporais

Feijóo quixo restar gravidade aos numerosos cortes de luz que sufriron os fogares galegos e suliñou que,  tras os temporais da pasada semana houbo 180.000 puntos afectados, un 10% do total da rede eléctrica. “E son datos moi inferiores aos 500.000 puntos que houbo en temporais pasados”, engadiu ao suliñar que isto é debido aos 120 millóns investidos na mellora da rede eléctrica.

Sen embargo, o que non confirmou Feijóo é se o número de incidencias e o empo de caída da liña eléctrica de anteriores ocasións foi o mesmo que nesta. “Haberá que ver se é un problema de medios das compañías eléctricas  ou se tamén houbo outras responsabilidades de Red Eléctrica, a distribuidora, por caída de torretas”, indicou.

Danos en infraestruturas públicas

O Executivo galego xa realizou un informe da valoración dos danos dos temporais nas infraestruturas públicas que foron de entorno a cinco millóns de euros. Así, os portos foron os máis afectados. 39 dos 122 de titularidade autonómica resultaron danados, especialmente, os da Guarda e Corme. O total de danos estimados é de 1,2 millóns.

Nas estradas houbo 435 incidentes, especialmente, por caída de árbores. Un total de 500.00 euros farán falla para as reparacións. Tamén resultaron afectados 133 colexios e institutos para os que se destinarán entre 1,3 e 1,5 millóns de euros. Ademais, os temporais afectaron a 23 centros dependentes de Política Social, 30 centros de saúde e 8 hospitais por valor dun millón de euro. AXunta tamén destinará 1,2 millóns de euros a reparar danos ocasionados nas Illas  Cíes e nas de Cortegada, Sálvora e Ons. 

Por outra banda, nas infraestruturas privadas as máis afectadas foron as do medio rural. Así, non foron poucas as explotacións que sufriron danos nas súas estruturas e tamén cortes eléctricos. Tamén resultaron afectados 18 explotacións agrarias do Baixo Miño e a cooperativa Orsal, do Salnés, na que o 20% da súa produción de leituga quedou afectada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta