Telefónica controlará a transición dixital na CRTVG

Esta multinacional será a encargada da implantación de contornas de traballo dixitais en toda a estrutura do ente público e se ocupará, ademais, do mantemento do sistema e da subministración de equipos de cámaras ENG, da dixitalización do arquivo histórico e da formación de 700 profesionais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2017 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

Telefónica, a multinacional sobre a que pesan numerosas críticas polas famosas "portas xiratorias" da política, controlará a transición dixital na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) tras resultar adxudicataria recentemente do concurso convocado para a renovación da plataforma de produción dixital. 

Sala de control da TVG
Sala de control da TVG | Fonte: CRTVG.

Telefónica de España, a través de Telefónica Servizos Audiovisuais (TSA), a empresa do grupo Telefónica especializada en ofrecer servizos e solucións para o sector audiovisual, será a encargada de integrar a nova tecnoloxía dixital nas instalacións de CRTVG. Tamén se ocupará do seu mantemento e da subministración de equipos completos de cámaras ENG, así como da dixitalización de ao redor de 1.500 horas de imaxes do arquivo histórico da Televisión de Galicia.

O proceso de implementación abarca todos os elementos da cadea de produción televisiva  -redacción de informativos e programas e delegacións territoriais, sistemas de edición, documentación e arquivo- e supón un profundo cambio no actual modelo de traballo. Permitirá a adaptación do ente público aos cambios xurdidos no sector nos últimos anos, coa irrupción da TV conectada a Internet, as segundas pantallas ou o uso das redes sociais para acceder e compartir contidos multimedia. 

Segundo informa a propia empresa, o primeiro ano de traballo destinarase á posta en marcha do novo sistema dixital, cuxo principal obxectivo é avanzar na transformación tecnolóxica da Corporación, "facilitando así o seu labor informativo ao dotar aos traballadores de novos instrumentos que axilicen o acceso á información, permitan a compartición instantánea de materiais audiovisuais e garantan a preservación dos fondos documentais".

Formación dos traballadores

"Trátase dunha plataforma de produción dixital de alto rendemento e gran fiabilidade técnica, dotada con mecanismos de redundancia e seguridade de datos, e que se integrará de forma estrutural en todas as áreas da Televisión de Galicia, tráfico de materiais, xestor de contidos da web corporativa, etc", indica nun comunicado. Un sistema, di, que mellorará a organización de recursos, automatización de contidos, redución dos tempos de traballo ou xestión de permisos.

TSA encargarase tamén de formar a máis de 700 profesionais da Corporación no manexo dos novos programas, a través dun completo programa formativo. O que non queda claro é se esta nova adxudicación a telefónica e o impulso dos contidos dixitais vai supor traballo adicional para os empregados da CRTVG ou a especialización dalgúns deles neste eido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta