A Xunta traslada a máis de 500 estudantes de Primaria as claves para un consumo seguro en Entroido

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou este venres no CEIP Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo nunha actividade na que alumnos de Primaria puideron aprender as claves para un consumo responsable dos produtos de Entroido.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2017 | Actualizada ás 18:18 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, participou este venres no CEIP Benigno Quiroga Ballesteros de Lugo nunha actividade na que alumnos de Primaria puideron aprender as claves para un consumo responsable dos produtos de Entroido.

A iniciativa forma parte do programa de actividades centradas no Entroido organizadas pola Escola Galega de Consumo, na que está previsto que participen estes días máis de 500 escolares galegos.

Estas xornadas céntranse nos distintos disfraces, perrucas, pinturas e demais artigos que se poden atopar á venda en calquera establecemento comercial e buscan ofrecer pautas e consellos para unha compra e un uso idóneo e seguro desta clase de produtos. Os alumnos poden traballar directamente con mostras reais para aprender a recoñecer, identificar e evitar os seus riscos.

Con esta actividade formativa achégase tamén aos máis novos o traballo do Instituto Galego do Consumo nas súas tarefas de vixilancia do mercado e de retirada de produtos inseguros. O IGCC ten en marcha, un ano máis, unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras.

INSPECCIÓNS

Así, nas últimas semanas intensificáronse as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia.

A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está analizando unha primeira partida de vinte mostras, informou a Xunta.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticio (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

O ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional 11 produtos relacionados con disfraces que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa.

CONSELLOS EN DISFRACES

Desde o Instituto Galego do Consumo recoméndase facer un "consumo responsable" ao comprar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos.

Neste sentido, lembran que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a indicación CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias de utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e dirección do fabricante ou importador.

Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia. Tampouco se permiten cordóns ou cintas que colguen por baixo de dóbralas inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta