Temas: LOBO

“A xestión do lobo en España é un espectáculo dantesco”

A Asociación Anadel critica duramente a lexislación sobre esta especie e o seu "exterminio", a "desidia das Admisnistracións" e o papel dos medios de comunicación.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/02/2017 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

"A xestión do lobo en España é un espectáculo dantesco". Esta é a denuncia que fai a ONG Anadel (Asociación Nacional Animales con Derechos y Libertad), que sinala directamente as Administracións públicas, a Xustiza e aos medios de comunicación como responsables principais da mala fama desta especie e dunha xestión "circense" do Canis Lupus.

Lobo
Lobo | Fonte: Anadel.

Para Anadel, existen varios factores que están a levar ao lobo a unha situación crítica. Por unha banda, a lexislación á que a figura do lobo é sometida, diferente nos territorios ao norte e sur do Douro e mesmo comunidades autónomas. Segundo a ONG, hai "unha especie de limbo normativo, a falta dunha lexislación homoxénea, que facilita a diferente interpretación segundo a quen lle conveña". Así, prodúcese unha  "ambigüidade" que "abre moitas posibilidades á manipulación".

"DESIDIA" ADMINISTRATIVA

En concreto, refírense en primeiro lugar á "absoluta desidia das Administracións en querer solucionar un conflito e afianzar a poboación de lobo ibérico".

"Lembremos que en Portugal está xa totalmente protexido; nalgo van por diante os compañeiros lusos", apuntan dende Anadel.

Porén, en España o lobo "só atopa esta estrita protección por baixo do río Douro agás excepcións". Porén, estas excepcións, "marcadas pola Directiva Hábitats desde Europa non teñen nada que ver coa interpretación que se fai en España desta directiva, co cal o noso país incorre na ilegalidade cando mata lobos por baixo da liña do Douro unha e outra vez (o último en Ávila este mesmo mes)", denuncian.

Segundo Anadel, estas excepcións "convértense en norma infrinxindo varios Anexos" da directiva europea, xa que "non existe un estado favorable de conservación do lobo baixo o Douro como dita e esixe a Directiva Hábitats". 

EXTERMINIO

A ONG salienta ademais que "o hábitat non é favorable, nin existen estudos a longo prazo dos grupos que o confirmen". Así, denuncia que "os lobos son sistematicamente exterminados de forma ilegal e con capturas 'legais' inxustificadas, posto que nunca se demostra que sexan necesarias e que haxa ausencia doutras medidas satisfactorias".

"Todo isto impono a normativa europea e non se cumpre", sinala a asociación, que tamén sinala directamente á Xustiza como promotora deste "espectáculo" e a cal "dificulta o intento de buscar obxectividade e responsabilidades nas mortes ilegais de lobos", din.

"Hai asociacións inmersas en procesos xudiciais para dar castigo aos furtivos que acaban coa vida de lobos, incluso os estritamente protexidos, ás que a Xustiza obstaculiza o proceso pedindo fianzas desorbitadas ou alegando que non hai probas a pesar de que o Seprona confirma esas mortes", detalla a Asociación Anadel.

RESPONSABILIDADE DOS MEDIOS

Na súa denuncia, Anadel tamén sinala os medios de comunicación como "parte do circo", pois considera que, en xeral, "están empeñados en seguirlle o xogo aos sindicatos gandeiros e ao sector cinexético", os cales "levan parte do 'botín' do lobo, xa sexa en forma de indemnizacións ou trofeos", critica a ONG.

Neste "xogo" participa tamén a Administración "de forma indirecta" e "en forma de proxectos LIFE", prosegue a asociación, que matiza: "Por suposto, non quere dicir que non haxa que pagar indemnizacións xustas, pero é importante que saia á luz a picaresca existente en casos como o dos máis de 300 gandeiros imputados por estafa en Asturias hai un par de anos".

Anadel láiase ademais das "escenas de cans sangrando abatidos en cacerías confundidos con lobos, cabezas de lobos colgadas de pontes, sinais, outros aparecidos baixo coches en aparcadoiros ou lobos decapitados que se 'regalan' aos axentes ambientais", e critica duramente as informacións manipuladas en determinados medios.

"Hai temas recorrentes na prensa como a inseguridade (falso) ou o desmesurado crecemento da poboación lupina (falso). Segundo a comparación dos dous censos nacionais do 86/88 e do 2014/16 as mandas só aumentaron en tres grupos. Os censos son outra pata importante do banco, pois asumen un número elevado de lobos por manda (7 a 10 ou máis lobos), algo erróneo, posto que non se teñen en conta nin a época na que se realizan (reprodutora) nin a mortalidade de cachorros nesta estima", expón a asociación, que pon coma exemplo o último censo de Castela e León, no que "hai grupos que se dan como reprodutores e non o son, chegando a eses 1.600 lobos que establecen".

Anadel lembra a importancia de ser precisos á hora de contar os exemplares de lobos, xa que o número é o que establece as cotas de exemplares a matar.

A asociación tamén denuncia o que está a suceder nos Parques Nacionais, onde "inconcebiblemente tamén se mata lobo". "Non pode ser que a actividade humana prevaleza sobre a biodiversidade existente", advirte a ONG, que engade: "A gandería expándese ás súas anchas sen control modificando, contaminando e erosionando a paisaxe. Non hai medidas de prevención que se adapten á presenza de depredadores. Non hai cans que vixíen, non hai presenza humana co gando nin sequera nos partos dos animais, non hai recollida nocturna".

ADAPTACIÓN

Anadel considera que "o ser humano debe adaptarse á contorna na que realiza a súa actividade e non ao contrario", e alerta de que "mentres todos os factores que rodean a xestión do lobo non comprendan que se trata dunha especie fundamental, necesaria e insubstituíble polo papel controlador e de saneamento que realiza no ecosistema, que non se pode maltratar nin matar dunha forma indiscriminada e irracional baseada en limbos normativos, ilegalidades, datos inflados, supersticiones e mentiras, iremos perdendo progresivamente o lobo".

O "máis triste de todo", din, é que "non hai conciencia de que os humanos tamén formamos parte desta cadea; danar a biodiversidade é danarnos a nós mesmos. Ela a nós non nos necesita, pero nós a ela si", conclúen. 

Temas: LOBO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta