Por Homo ambulans - Guido Álvarez | Lugo | 22/03/2017 | Actualizada ás 17:47
Algo xa contei no GC sobre a miña viaxe-aventura de xaneiro polo centro de Europa. Un percorrido en tren, durante 15 días, por algunhas das cidades máis fermosas, cultas e apaixonantes do mundo.
Praga foi a miña segunda parada tras Budapest (sobre a que xa escribín hai un par de meses) e lonxe de defraudarme, superou con creces as miñas expectativas. Píntana como tan turística e de moda que eu temía atoparme un parque temático... pero polo menos neste mes de xaneiro non me deu esa impresión. Si está chea de negocios turísticos, si que é unha cidade aberta ó mundo... pero non se parece a eses outros famosos destinos que xa perderon, como mínimo, unha gran parte da súa alma.
Río Moldava e castelo de Praga (Foto: Guido Álvarez Parga)
Praga mantén unha esencia, unha identidade propia, un estilo auténtico e xenuino. E a miña sensación foi que todos os turistas que por alí pasean son conscientes de estar visitando un lugar preferente do mundo.
Monicreques no barrio xudeu (Foto: Guido Álvarez Parga)
Fixen 3 tours, e todos eles con diferentes empresas. Todos saíndo dende a Praza da Cidade Vella:
O free tour con PRG Tours e o seu guía asturiano Alfonso. Actor profesional e un gran coñecedor da cidade. Levounos pola cidade vella, polo barrio xudeu e tamén por parte da cidade nova. Moi aconsellable na aterraxe a Praga.
A visita ó campo de concentración de Theresienstadt, con White Umbrella Tours. Custoume 32 € incluíndo a viaxe en autobús (ida e volta). Unha experiencia tan forte como construtiva.
O tour do castelo de Praga, con Sandemans New Europe. Custoume 11 € que valeron moito a pena. Máis ca un castelo semella unha cidade enteira... non por nada é un dos máis grandes do mundo! Palacios, igrexas, a catedral de San Vito, o calello de Ouro (onde viviu Franz Kafka)... un paseo de máis de 600 anos.
Václavské náměstí, praza de Wenceslao (Foto: Guido Álvarez Parga)
Aloxeime no Hostel Santini, un lugar que recomendo completamente, sobre todo para quen busque tranquilidade e comodidade a bo prezo... 10,5 € por noite! Nun palacio do século XVII, e a só 500-600 metros da Ponte de Carlos. Almorzo gratis, toalla, taquilla, roupa de cama, boa calefacción...
Muro en homenaxe a John Lennon (Foto: Guido Álvarez Parga)
Beleza polos catro costados, monumentalidade, gran presenza de edificios medievais, renacentistas e barrocos... un dos castelos máis grandes do mundo... teatro, música, arte na rúa... e moita historia. Quedan ganas de voltar por Praga, que agora xa é unha das miñas cidades favoritas.
Guido Álvarez Parga (Lugo, 1985).Guía Oficial de Turismo de Galicia. Axente de viaxes. Diplomado en Turismo, máster en Planificación e máster internacional en Paisaxes Culturais. Percorrido formativo e laboral en varios países europeos (Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido).
Twitter: @guidoalvarezp / Facebook: guidoalvarezp / Flickr: guidoalvarezparga
Máis artigos de Guido Álvarez aquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.