Temas: EóLICO

Anular o concurso do bipartito custou, polo de agora, 1,3 millóns

As piruetas dialécticas no mundo da política son frecuentes. Con todo, a deste mércores do conselleiro de Industria sobre os 842.000 euros a pagar a unha adxudicataria do concurso eólico do bipartito dá vertixe.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 22/03/2017 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

Francisco Conde culpa ao goberno de PSOE e BNG de que a Xunta teña que indemnizar con 842.000 euros a unha concesionaria do concurso de 2009. A Xustiza obriga a Administración a pagarlle a Ventoauria os custes que xa incorrera no deseño dos seus parques eólicos.

Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta
Alberto Núñez Feijóo e Francisco Conde nunha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

De quen a culpa de que todos os galegos teñan que sufragar eses estudos? Para Conde trátase de facer fronte  "simplemente a eses gastos administrativos nos que tivo que incorrer unha empresa para presentar a súa oferta nun concurso que, lamentablemente, foi a demostración de como non se deben facer as cousas".

É dicir, que máis de 800.000 euros son para o mandatario simplemente “gastos administrativos” e o motivo de ter que pagalos é que o concurso deseñado polo goberno de esquerdas era erróneo. 

É obvio que se Alberto Nuñez Feijóo non anulara ese concurso do bipartito non habería indemnización. Ademais, a única adxudicación que declarou ilegal a Xustiza foi a deseñada en 2010, polo PPdeG, que é un dos factores que explica porque Galicia perdeu o liderado do sector. O concurso do bipartitode 2009 nunca foi tirado pola Xustiza, se ben tamén é certo que o Tribunal Supremo tampouco revocou a decisión política de Feijóo de anulalo. 

Así as cousas, Ventauria gaña a indemnización, como xa fixera outra gañadora do concurso  en 2016 (EDP 500.000 euros por catro parques eólicos) e probablemente a gañarán outras ex-concesionarias que sigan adiante cos preitos en marcha.

Tras analizar o novo ditame xudicial, fontes do sector consultadas por GC explican que a sentencia non dá a razón completa a ningunha das partes. Non obriga á Xunta a abonar os 15 millóns que reclamaba Ventauria, que presentou facturas de empresas filiais que o xuíz non admitiu, pero tampouco considera apropiada a indemnización que ofrecida pola Consellería, 400.000 euros. 

Que pasará coas outras adxudicatarias de 2009 que sigan cos preitos? Visto o visto, probablemente gañen indemnizacións maiores das aprobadas pola Xunta, de saberen xogar con tino as súas bazas legais. 

Cómpre ter en conta que nesta sentencia o TSXG valora entre entre 150.000 e 200.000 o custe incorrido no seu día no deseño de cada un dos catro parques  que lle adxudicaran (Porteliña, Outeiro do Home, Coto da Lebre e San Sebastián). Con todo, expertos do sector estiman que o custe real de cada proxecto presentado no seu día non superaría os 100.000 euros. Polo tantoa é posíbel que os concesionarios saquen algo de diñeiro de todo isto. 

Diñeiro que sairá das arcas públicas. Polo de agora, a factura da anulación do concurso do bipartito suma máis de 1.3 millóns de euros. En realidade son máis, porque a Xustiza obriga a Xunta a pagar os intereses dende a reclamación en vía administrativa e a metade das costas. 

Temas: EóLICO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta