Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2017 | Actualizada ás 17:14
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este luns unha campaña de recollida de sinaturas en apoio a unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) coa que pretende "garantir os dereitos lingüísticos dos galegos no ámbito socioeconómico".
Na presentación desta, que ten por título 'Cárgate de sentido común e asina', o presidente da Mesa, Marcos Maceira, explicou que para que a proposición de lei sexa discutida no Parlamento autonómico necesítanse 10.000 sinaturas.
Neste sentido, asegurou que xa recolleron "algúns miles", aínda que non concretou a cifra posto que admitiu non coñecela.
En defensa desta iniciativa lexislativa, o presidente da Mesa declarou que hai unha "vulneración sistemática" dos dereitos lingüísticos dos galegos posto que, aínda que existen "en teoría, non hai garantías" para a aplicación práctica dos mesmos.
Por iso, Maceira afirmou que "existe un baleiro legal" que impide "a utilización normal do galego" e que leva "moitas veces" a "negación de servizos". "Isto pon en evidencia que hoxe, en 2017, o galego non é unha lingua normal", engadiu.
APOIO DE 120 PERSOAS AO COMEZO
Do mesmo xeito, o presidente da Mesa lembrou que o dereito de falar unha lingua non se basea "soamente" en poder expresarse nela, senón que tamén debe de haber unha "devolución".
Esta proposición de lei presentouse a mediados do pasado mes de febreiro na asemblea xeral da Mesa e, desde o principio, conta co apoio de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos: académico, cultural, deportivo, empresarial, organizacións sindicais e de consumidores, entre outros.
DISPOSICIÓNS LEGAIS
Segundo sinalou o presidente da Mesa, no Estado español existen "máis de 500 disposicións legais" que "obrigan ao uso" do castelán. Ademais, especificou que "máis de 200 están relacionadas co ámbito do consumo".
Pola contra, en canto á utilización do galego, hai "catro ou cinco disposicións e a maior parte das veces nin sequera se cumpren".
CONTIDO DA ILP
A continuación, Maceira detallou o contido da ILP, formada por catro artigos. O primeiro e máis extenso deles establece o dereito dos consumidores a "ser atendidos en galego polas empresas que prestan servizos ou fornecen bens en Galicia".
En canto ao segundo e terceiro, estes céntranse na necesidade de que cando entidades do sector público contraten servizos a terceiros estes non só "garantan o dereito á atención" en galego, senón que tamén que "promovan a normalización lingüística".
O último dos artigos especifica o deber do Goberno autonómico de "desenvolver unha campaña de concienciación cidadá nos medios de comunicación" para dar a coñecer "o pleno dereito á utilización do galego e de recibir atención oral e escrita" en "todos os servizos e empresas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.