2010, Ano Internacional da Biodiversidade

Hai uns días fun dar un paseo polas traseiras da miña vila. Cando deixei a praza maior xa andaban as pombas acomodando na fachada do mosteiro para pasar a noite, e a pouco saíu dunha das sebes que dividen as hortas a rentes das casas un nubeiro de pardaos con moito balbordo e algarabía. E cando comecei a subir a leve costa saíume ao paso do valado un pisco ou paporrubio que é un paxaro moi valente de canto afrautado e metálico. Logo, cando xa asomaban as primeiras penedías e fragas sobre das agras e os campos, vin un bando de ferreiriños martelando co seu canto no peito do camiñante. Lonxe, cara ao monte da neve, voaba alto, pendurado do vento que nace naquelas alturas, un miñato, ou quizais un azor, que tamén os hai por aló. Logo, un pouco máis adiante, nunha silveira próxima, rebulía unha carriza fuxidía, e un pouco mais enriba, na xesteira descontra o alto piñeiral, gorgolexaban varias papuxas invisibles e con moito frenesí. Xa de volta uns xílgaros envurullados nunha luzada de cores apuraban o seu último alimento na curupela dunhas verzas, e na fonte das Lobeiras camiñaba con moita cerimonia, bambeando a cola con moita chulería, unha lavandeira branca. Nese mesmo intre partiu cun berro estridente un merlo por baixo dunha maceira.

Por X.Benito Reza | Celanova | 16/02/2010

Comparte esta noticia

Finalmente, cando xa entraba na vila polos arrabaldes do norte, dexerguei unha pica dos prados, aló moi queda e calada na póla alta e núa dunha nogueira, quizais soñando co gran norte, co Báltico brumoso ou coa península de Jutlandia, onde volverá nun par de meses. De volta á praza xa caía a noitiña, rulaban e facíanse carantoñas dúas pombas nunha das ménsulas do mosteiro, e un feixe de estorniños pintos outeaban dende o máis alto da torre o horizonte de poñente.

Pero todas estas especies non están alí só para aledarnos o espírito, ou para amolecer a nosa alma das zoupadas da vida. Senón que toda esta “xente” segue alí para cumprir con infinita paciencia o ciclo da vida e a morte sobre o planeta, igual que nós. Todos eles forman parte consubstancial dos ecosistemas e alí teñen o seu hábitat, o seu lugar de nidificación, de refuxio e de alimentación, igual que nós. Por eles flúe constantemente a enerxía que fai que a vida siga a ser vida, igual que nós. E son o resultado evolutivo de centos de millóns de anos, igual que nós. E, non obstante, tantos anos de crecemento desenfreado nos fixeron crer, inxenuos, que os recursos e as especies son imperecedoiros, e chegamos a esquecer que todos eles son o eslavón que nos xungue con esta terra onde aparecemos por primeira vez. Porque os polos non nacen por xeración espontánea no Hipercor, nin o leite sae dunha billa nun lavadoiro de Alcampo, nin as lentellas agroman nas plantas de plástico do Carrefour.

A diversidade biolóxica ou biodiversidade é un termo que acugula todas as formas de vida do planeta. E de todas elas, en maior ou menor medida, dependemos os humanos. Porque o queriamos ou non, somos o que somos, vimos de onde vimos, e vivimos do que vivimos. Porque estamos xunguidos inexorablemente ao complexo e delicado mecanismo que regula  o funcionamento dos sistemas naturais do planeta. Elas son a nosa fonte de alimento; delas dependen moitas industrias dedicadas á agricultura, cosméticos, papel e construción; son as que purifican o aire que respiramos e a auga que bebemos, e tamén as que regulan o clima; son as que nos subministran os medicamentos e as que polinizan e facilitan a reproducción de tantos cultivos vitais para a nosa supervivencia, e sen elas seriamos incapaces de controlar as pragas que destruirían todas as nosas colleitas.  E, con todo, os últimos datos que manexamos son estarrecedores: segundo a lista vermella da UICN hoxe están en perigo o 21% dos mamíferos, o 12% das aves, o 37% dos peixes de auga doce e o 70% das plantas. E isto, din , é só a punta do iceberg, porque unicamente temos avaliado 47.675 especies dos preto de dous millóns que coñecemos, pero calcúlase que na Terra existen uns 13 millóns de especies!

No pasado mes de xullo a Comisión Europea emitiu un dictame sinalando que o 65% dos hábitats e o 52% das especies europeas teñen un estado de conservación malo ou desfavorable, e España leva a peor parte nese informe, sobre todo en canto ao alarmante descoñecemento que temos de todo canto nos rodea. E tamén que só destinamos na rica e orgullosa Europa o 0,1% do presuposto á conservación da natureza, ou o que é o mesmo: dos 235 € que nos tocan por cidadán da UE tan só destinamos a conservar a vida da que vivimos 30 céntimos. Quizais por todo iso Nacións Unidas, logo do chasco da iniciativa de 2002 para frear a perda de especies no planeta “conta atrás 2010”, acordou declarar este ano internacional da biodiversidade. Inxerido neste acontecemento e aproveitando a presidencia española celebrouse en Madrid os pasados 26 e 27 de xaneiro a conferencia “Meta e Visón post-2010 en materia de biodiversidade”, onde se concluíu que Europa ten que convencerse de que acadar uns niveis elevados de desenvolvemento económico e de benestar social é compatible e incluso pode contribuír á conservación da biodiversidade. E se propoñen unha serie de prioridades como que os servizos que presta a biodiversidade deben cuantificarse e de tal xeito incorporarse nas políticas sectoriais, porque parece que só deste xeito, cando se escoita o ruxerruxe do diñeiro, somos quen de pensar con racionalidade; que debemos ampliar os espazos protexidos; fomentar o coñecemento científico; reforzar a gobernanza; e animar ao Consello de Europa a elaborar un ambicioso Plan de Acción Pan-Europeo, con obxectivos realistas, concretos e medibles. E dámonos de prazo outros dez anos máis, deica o 2020…  En Galicia no ano 2006 iniciamos o primeiro programa para a conservación da biodiversidade galega, no 2007 aprobamos o catálogo de especies ameazadas e creamos o observatorio da biodiversidade, e comezamos a elaborar os primeiros 28 plans de recuperación para 64 especies; e no 2008 puxemos en marcha o servizo de información territorial da biodiversidade (SITEB). Pero inda queda un mundo por percorrer.

Pensaron algunha vez que as moscas son os mellores limpadores que temos e que sen elas todo isto sería unha porcallada..? Ou que sen miñocas todas as nosas terras serían improductivas e morreriamos de fame..? Se imaxinan un mundo sen merlos, sen pombas, sen bolboretas, sen peixes nin roseiras nin cerdeiras nin ortigas ...? Se non son capaces aconséllolles que lean “The road” (A estrada) de Cormac McCarthy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Benito Reza Nace en Celanova en 1956. Ex Director Xeral de Conservación da Natureza 2005-2009, Xefe do Servizo de Medio Ambiente Natural (Ourense, 1988-1997), Director dos Parques Naturais “Baixa Limia-Serra do Xurés” e Invernadoiro (1995-1999) e Promotor das propostas de creación das Reservas da Biosfera do Río Eo e da Internacional Gerês-Xurés (UNESCO) 2009. Tamén é membro fundador do Padroado “Curros Enríquez”, secretario do grupo Histórico-Arqueológico “Larouco” – Lugo, secretario da Asociación “Amigos do Couto Mixto” – Ourense e Vocal da Asociación Álvaro das Casas - Ourense. Ten publicado varios libros, entre eles “O Macizo Central Ourensán” e as biografías de Curros Enríquez e Arturo Nogerol Buján.