O poder da gomina

Os electores non votamos ideas; os cidadáns somos consumidores que mercamos imaxes.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 12/04/2017

Comparte esta noticia
Dise que unha das claves para que Feijoo acumulase tres vitorias seguidas é que seguiu o consello de non pórse gomina no pelo, para non parecer un chulo de Vigo e máis un fillo estudado dos Peares. Non estou de acordo. As eleccións do 2009 non só se gañaron pola campaña Trumpiana de desinformación -a posverdade non se inventou en Galicia, senón polo menos, en Roma- senón pola imaxe subliminal de fiabilidade que presentaba a proposta do PP.  Dicían que o segredo do éxito de Cristina Fernández de Kirchner non estaba no que dicía, senón no tremendo Rolex de ouro que levaba: para uns era un signo que era dos seus, para a maioría o desexo do que quererían ser. Pois aquí o mesmo. 
 
Semella que é algo que a oposición non acaba de entender. Como é posible que o PPdG sexa un partido tan amplo que aglutine a grandes empresarios, pequena burguesía vilega, galegofalantes de aldea, castelánfalantes de polígono, cando obviamente todos estes colectivos teñen intereses contrapostos? Obviamente non serán as súas brillantes políticas, capaz como é de ser, por exemplo, o mellor amigo das grandes superficies sen importar o que lle pase a un dos seus sectores máis fieis coma é o do pequeño comercio.  Se tantos e tan variados sectores fan suspensión da súa incredulidade e apoian cerradamente ós populares  , chova ou vente, por algo será. Non se trata só unha reacción antialérxica verbo da pouca credibilidade das telenovelas internas dos bipartidos e mareas varias, nin o quixotismo das demandas do eleitorado de esquerda. Trátase simplemente do que os norteamericanos cháman ser aspirational. Para eles votar, militar e en definitiva “ser do PP” ó cabo é iso.
 
Lembro unha enquisa hai anos no Faro de Vigo, no que se dicía que máis da metade da xuventude desa supostamente cidade industrial se ubicaba no colectivo dos “pijos”. O cal é ben curioso porque a base mesma ser desa tribo urbana, por chamarlles algo, é ser unha élite por enriba da purrela xeral.  O PP -non só o partido, senón todo o mundo social que se move arredor del- é un mestre en vender luxo para as masas. Algo así coma o Ferrero Rocher.
 
Por algo, malia que moi boa parte da base social do Partido Popular é, ou era, galegofalante, tradicionalista, escéptica co centralismo, ruralista, ó final acaba falándolle ós fillos en español e  mandándoos para a cidade. Cando non eles mesmos se convirten en parodias provincianas dos engominados da capital con polos náuticos bandeira de España e rizo cola de rata jerezano. Simplemente, ós seus ollos, non hai outra opción factible. Por algo un señor traxeado, independentemente do que diga, ten máis visto de ser tomado en serio ca un mozo, unha muller ou un galegofalante.
 
O curioso é que non hai demasiado tempo (bueno, 20 anos) sí que existía unha alternativa político-estética. Era a época na que semellaba que os nacionalistas ían todos vestidos con liño e pana e o facían tan ben coma o líder carismático, Beiras. Ata xente pouco sospeitosa de sediciosa llo recoñecía. O appeal dáballe credibilidade ás ideas.
 
Logo iso perdeuse. Os esforzos de Quintana por presentar unha imaxe máis amable e homologable facían pensar que era mellor o orixinal que a copia. Por algo unas vellas fotos nun barco e unha soa comida-encerrona con xubilados (comparado con miles do lado popular) bastaron para enterrar unha elección e provocar unha desbandada de ducias de miles de votos, que nunca voltaron.
 
Agora esa imaxe alternativa está no mundo de Podemos e confluencias. Iglesias ten unha moi traballada imaxe de cristo redentor á moda de monologuista do Clube da Comedia ou colaborador de El intermedio. O perfil nas redes sociais súa íntima colaboradora e portavoz captura perfectamente a imaxe da épica militante pero asequible para as masas da que fai gala ese mundiño.
 
Dicían as Irmandades hai un século que os galegos debemos conquerir a nosa soberanía estética. Seguramente se referían á arquitectura e arte en xeral. Máis o mesmo se pode dicir da estética da política. Non é que o medio sexa a mensaxe, é que seguramente, a falta de estética propia é un indicador de que, logo das proclamas, igual non hai ideas detrás.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA