Flores sobre Treblinka

Para Ángeles Fernández López Resulta imposible non sentirse afectados polas imaxes procedentes de Siria, onde a poboación foi atacada con armas químicas. Como con outros exemplos de infernos creados polos humanos na Terra, non acoden palabras adecuadas para expresar a desolación.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 15/04/2017

Comparte esta noticia

    Resulta imposible non estremecerse coa información sobre o que o historiador Richard Bessel cualifica como os peores crimes na historia da raza humana. Refírese aos procesos de exterminación efectuados no Holocausto ou Shoah. Segundo algunhas fontes, por dar un inefable exemplo, no campo da morte de Treblinka, próximo a Varsovia, chegaban a asasinar nunha xornada de catorce horas a unha media de entre quince e vinte mil persoas. Un oficial nazi presumía de que nalgúns días chegaba o número a vinte e cinco mil. Non vén á mente nada semellante, se exceptuamos os campos de concentración da antiga Unión Soviética, os bombardeos efectuados por Estados Unidos sobre Hiroshima e Nagasaki ou masacres como as de Ruanda ou Armenia. Unha das claves do horror queda ben explicada na maxistral película de Steven Spielberg titulada “A lista de Schindler”: chégase á kafkiana aberración de considerar a certos seres humanos como criaturas inmundas.

      Aparecen na conciencia varias ideas. A primeira é a opinión que expresa Sting nunha canción, do tenor de que non existe unha solución militar aos conflictos. Bombardear ou dispararlle á xente so traerá guerras, damnificados inocentes, odio, lobos solitarios e pilotos suicidas. O gasto en armamento pode ser destinado a acabar coa fame, á investigación científica e a coidar a saúde ecolóxica do planeta. A segunda é unha vivencia relatada polo profesor Harry Dawson nos anos oitenta. Contou nunha clase que el fora visitar o enclave onde se librou unha tristemente famosa batalla na segunda guerra mundial. Alí morreron miles de homes, e o que el viu naquel recuncho de Europa foi un campo cuberto de papoulas. A terceira é que talvez a solución está en adoptar formas humanitarias de información que eviten provocar unha soa morte, un so individuo ferido. Ao escritor Frederic Raphael preocúpalle que ninguén - por radio ou por outros medios - avisara ós xudeus para escapar ou dispersarse antes de entrar nos trens. As Nacións Unidas poderían crear unha axencia de información humanitaria (a HIA?) formada por sabios, mestres da estratexia, expertos informáticos, profesores, psicólogos, lingüistas e espías benéficos. Estaría encargada de avisar de perigos, de informar e de reeducar baseándose nos contidos preconizados pola Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, de frear abusos de poder, actos terroristas e atrocidades humanas e culturais. En xeral, dedicaríase a velar pola paz no mundo.

      Resulta posible fixarse en que esta primavera está sendo en Galicia especialmente bonita. As árbores de diminutas flores – a maioría brancas e rosadas, pero tamén fucsias, lilas e amarelas – enchen de espectacular beleza a paisaxe verde da nosa terra. A humilde flor que a moza de dezasete anos Jan Rose Kasmir opoñía ao fusil dun soldado en Washington en 1967 apunta ó camiño correcto. Esperemos que as flores cubran os campos da barbarie como os de Treblinka e o de Auschwitz-Birkenau e sexan un símbolo de esperanza e de paz neste planeta tan fermoso - dende os picos do Nepal ata as praias do Mare Nostrum - que temos que coidar na condición de irmáns que somos de tódalas terras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.