Temas: IMPOSTOS RENDA

Por que marcar o recadro de Fins Sociais na Declaración da Renda

Os galegos impediron que 10 millóns financiaran proxectos concretos de ONGs sociais ao non marcar a casilla 106 no seu IRPF o ano pasado. A diferencia das ONGs, a Igrexa pode adicar, e adica, o diñeiro do 0,7% ao seu propio sostemento.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 26/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Unha das dúbidas máis frecuentes da Renda é que facer cos recadros de contribucións voluntarias da declaración do RIPF.  É dicir, o de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social e as da Igrexa Católica.

Presentación da campaña Rentaterapia en Galicia
Presentación da campaña Rentaterapia en Galicia | Fonte: Fademga

O primeiro que hai que ter en conta é que por marcalas non pagaremos máis impostos. De saírnos a devolver, tampouco recibiremos menos diñeiro de Facenda.  Ademais, pódense marcar ambos os recadros (o 0,7% da Igrexa, e o 0,7%de Fins Sociais). Así, ambas asignacións sumarían o 1,4%.

Segundo datos da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, o 55% dos contribuíntes galegos xa risca o recadro 106 de “Actividades de interese social”.  Uns 684.000 cidadáns do país na campaña do ano pasado. A porcentaxe de galegos que risca o recadro 106 é moi similar ao conxunto do estado, 55 fronte a 56 por cento.

Moi lonxe queda o nivel de contribución á Igrexa Católica en Galicia. Marcárona unhas 144.000, apenas un 11% do 1,24 millóns de galegos que presentaron IRPF en 2016. Os que non marcaron ningún recadro foron uns 416.000, máis do 33%. 

Que máis dunha terceira parte non asigne o 0,7% dos seus impostos a ningunha causa indica que unha parte importante da poboación aínda pensa que pagará máis ao riscar eses recadros?

Pode ser, malia que tanto a Igrexa como as ONGs do sector social levan anos con importantes campañas de concienciación e propaganda.

En Galicia, por exemplo,  as entidades do terceiro sector galego agrupadas en EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD lanzaron este mes “Rentaterapia”. Trátase dunha campaña  que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.

En xogo hai moitos cartos para estes colectivos, que ademais levan anos sufrindo recortes das administracións públicas. Polo feito de que o 45% dos galegos non marcaran o recadro de fins sociais o ano pasado, o Estado deixou de adicarlle directamente a estas entidades 10,7 millóns de euros.

Pero realmente esta asignación social pode implicar unha maior atención as persoas en risco de exclusión? O vicepresidente e tesoureiro do CERMI-Galicia, Elías Palacio Verdini,  explica que “o diñeiro recadado destínase integramente a proxectos concretos que se presentaron previamente ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e en ningún caso se destina ás estruturas das entidades”.

Segundo a Plataforma de ONG de Acción Social, entre os programas subvencionados grazas ao recadro 106 están  a teleasistencia a persoas maiores de Cruz Vermella, a axuda a domicilio para persoas con discapacidade física realizados por COCEMFE, o apoio a persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias deFademga-Plena Inclusión,  a integración laboral da muller da Federación de Mulleres Progresistas, centros   de atención      psicosocial   a nenos      diagnosticados   de cancro   a través da Asociación Española contra o Cancro, etc.

Proxectos concretos que defiren moito do xeito no que xestiona a Igrexa Católica o seu 0,7%. Esta relixión pode adicar os cartos ao propio sostemento da institución e aos investimentos que estime oportuno. 

É dicir, pode adicalo tanto a súa labor asistencial -por exemplo a Cáritas- como para o seu funcioamento, por exemplo o salario dos obispos, ou a súa inversión en medios de comunicación como COPE ou 13TV ou as súas campañas antiabortistas. De feito, o 80% dos 250 millóns que a Igrexa ven recibindo pola vía do IRPF vai a actividades non asistenciais.

Temas: IMPOSTOS RENDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 galegoexiliado

O 0,7% é un diñeiro que se resta dos impostos dos cidadans, non é unha achega voluntaria a maiores do IRPF. Si a un ultra lle deixan marcaría o 50 ou o cen por cen dos seus impostos pa sua organización, laica ou relixiosa. Ai que suprimir ese 0,7% e que cada quén done a maiores o que queira e non que reste parte dos seus impostos pa donalo aos seus amigos, en detrimento da sanidade, educación ou asistencia social. 0,7 do teu peto, non das arcas públicas.

3 Sesees

Algún vive moi ben a conta dos demais

2 Xosé

A Igrexa recive das dúas partes, por iso o da súa campaña. Deixémonos de caridade, e pidamos xustiza nos orzamentos das administracións púlbicas.

1 Manu2

Nin marca para fins relixiosos, nin marca para fins sociais. Non quero que se privatizen os servizos sociais con ningunha empresa, nin relixiosa nin laica.