Un mapa de tempo mostra a marxinación que sofre Vigo en materia de transporte

Investigadores da Universidad de Jaén desenvolven un método de representación do tempo de viaxe e distancias entre cidades. O seu mapa mostra que Vigo, malia ser un dos centros económicos máis importantes do Estado, ten unha comunicación "moi pobre" co resto de cidades.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 26/04/2017 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

O tempo tamén pode ser cartografado. Investigadores dos departamentos de Ingeniería Cartográfica, Geodésica y Fotogrametría y de Organización de Empresas da Universidad de Jaén desenvolveron un método para mapear o tempo de viaxe entre varias cidades e as distancias entre elas. En concreto, as cidades de referencia mapeadas foron Madrid, Bilbao, Valencia, Alxeciras e Vigo, "elixidas non só pola súa situación xeográfica, senón tamén pola súa importancia económica", aportan os seus autores. Para obter unha comparación precisa dos diferentes tempos de viaxe, utilizaron Madrid como eixo central. O mapa resultante evidencia que Vigo, malia ser o primeiro porto pesqueiro de Europa e un dos centros industriais máis importantes do Estado, ten unha comunicación "moi pobre" co resto de cidades, con tempos moi elevados para a distancia física que a separa doutras urbes.

Mapa que mostra o tempo necesario para viaxar dende Vigo a outras cidades
Mapa que mostra o tempo necesario para viaxar dende Vigo a outras cidades | Fonte: Enríquez et al, Computers in Industry 89 (2017) 1–12.

Os autores do experimento propoñen un método para representar distancias e tempos nun mapa, principalmente para axudar á toma de decisións loxísticas relacionadas coa distribución. Para a súa elaboración implementaron un software beta chamado Chronas-Map, que permite representar o tempo como distancias en minutos de viaxe dunha cidade tomada como orixe a outras urbes. Con este puideron crear a cartografía comparativa de distancias e tempos entre diferentes áreas xeográficas para o transporte por estrada e por ferrocarril (tamén é aplicable a voos, por exemplo). O obxectivo é obter un mapa que permita tomar decisións relativas ao tipo de transporte que debe usarse para minimizar o tempo de viaxe entre dous puntos.

Utilizando Chronas-Map, todos os puntos foron representados sobre o mapa xeral da España peninsular nunha proxección equidistante azimutal oblicua centrada en Madrid. Primeiro, crearon a cartografía do tempo de viaxe por estrada e por tren desde o centro (Madrid) e desde catro cidades situadas ao norte, sur, leste e oeste, e logo fixeron unha comparación entre o tempo de viaxe por estrada e por tren das cinco cidades.

Para o caso de Vigo, os investigadores explican nos seus resultados:

"Vigo, situado no noroeste de España, é o municipio máis poboado de Galicia e o 14 en España. Vigo ten o porto pesqueiro máis grande de Europa, de feito, a sede da Axencia Europea de Control da Pesca atópase na cidade. O tráfico total de carga aproxímase aos catro millóns de toneladas, o que o converte no segundo porto de España en tráfico Ro-Ro, con preto dun cuarto de millón de toneladas e con máis de 600.000 toneladas para vehículos novos. Vigo é a zona industrial líder en Galicia e o municipio con maior PIB de Galicia en 2013, sendo coa súa área metropolitana un dos principais axentes económicos da rexión. Como podemos ver [no mapa], malia súa importancia económica, a súa comunicación co resto de España, tanto a través da rede ferroviaria como das estradas, é moi pobre, debido principalmente á difícil orografía galega e aos os atrasos no desenvolvemento de infraestruturas".

Mapas que mostran o tempo necesario para viaxar a outras cidades dende Vigo, Bilbao, Valencia e Alxeciras (por orde, de esquerda a dereita comezando por arriba)
Mapas que mostran o tempo necesario para viaxar a outras cidades dende Vigo, Bilbao, Valencia e Alxeciras (por orde, de esquerda a dereita comezando por arriba) | Fonte: Enríquez et al, Computers in Industry 89 (2017) 1–12.

No estudo tamén é salientable o caso de Valencia, a terceira cidade máis grande de España, despois de Madrid e Barcelona, onde o tren de alta velocidade que a conecta coa capital do Estado "achegouna ao noroeste de España, mentres que a falta dun ferrocarril de alta velocidade na costa mediterránea fai que Almería, a 443 km, estea máis lonxe que A Coruña, a 948 km", aportan os autores do estudo.

En liñas xerais, os investigadores conclúen que "a estrutura de estradas en España é radial e homoxénea: o perfil xeográfico de España coincide co do Chronas-Map, o que significa que o tempo necesario para viaxar desde Madrid a outra cidade é proporcional á súa distancia".

Con todo, matizan, "o sueste e o norte de España están mal comunicados por tren xa que a infraestrutura ferroviaria non é homoxénea", de xeito que cidades conectadas por tren de alta velocidade como Valencia, Málaga ou Barcelona están máis preto de Madrid ca outras que non están conectadas por AVE, como Vigo, Bilbao ou Almería.

Os autores do estudo consideran que "pode ser importante representar conxuntamente o tempo de viaxe entre dúas cidades e as distancias entre estas, xa que as distancias maiores non sempre se asocian con tempos máis longos".

O estudo preséntase no último número da revista científica Computers in Industry (volume 89, pp. 1-12) co título 'Mapping the time. Method for logistics management software: Application in Spain'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Arturo

De Vigo a Santiago non hai 73 km de distancia. Hai uns 90 e tantos, algo mais por tren polo desvío por Vilagarcía. O tren de Vigo a Santiago fai paradas en Pontevedra e Vilagarcía, co cal o tempo de percorrido é maior. O tren que so fai duas paradas, tarda 50 minutos, con puntas de 200 km/hora, Hai una cousa que se chama mapas ( xa se inventaron fai moito ) no que ven a distancia entre as poboacións. Algunha xente mesmo os consulta antes de opinar.

1 Vigués

Xa todos sabemos que temos a mellor rede e servizos ferroviarios de España. Como non me decatei!!!! Trens de cercanías cada 7 minutos, como en Madrid; trens AVE, trens directos, trens novos de alta velocidade a Porto, trens a esgalla!!!! Que si, ho, que si, que nunca se viu tal en ningún sitio de Europa. E os nosos son os máis rápidos. Vigo-Porto, 120 km de distancia; tempo en tren, dúas horas e 20 min. Madrid-Valencia, 302 km de distancia; tempo en tren, unha hora e 40 min. Eu non necesito consultar mapas, son máis empírico: só necesito subirme ao tren en Galicia e en Madrid para decatarme da diferente realidade.

1 Arturo

Vigo está a 50 minutos de tren de Santiago e a una hora e vinte minutos de Coruña, tamén por tren. Eso non o di o estudo, pero é verdade.

1 Vigués

Distancia entre Madrid e Toledo por tren, 70 km; tempo de viaxe, 33 minutos. Distancia entre Vigo e Compostela en tren, 73 km; tempo de viaxe, entre 50 minutos e hora e media en tren. Habitantes de Vigo: 300.000. Habitantes de Toledo, 83.000. Busque, compare e se atopa algo mellor...