Mondoñedo é festa, Mondoñedo é poesía

Dende hoxe e ata o vindeiro luns a cidade mindoniense acolle unha nova edición das Quendas e a IV edición de Mondoñedo é poesía.

Por GC Tendencias | Mondoñedo | 28/04/2017 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

Fin de semana longo para aproveitar, se se quere, e gozar do amplo e variado feixe de actividades que nos ofrecen estas festas, as máis coñecidas despois das San Lucas e que organiza cada ano a asociación cultural co mesmo nome.

Manuel Rivas
Manuel Rivas | Fonte: cuaderno10.com

Hoxe venres ás 20.30 h. no Auditorio “Pascual Veiga” será o pregón a cargo de Sara González García, veciña de Mondoñedo e elixida a mellor enxeñeira química xove de España pola Real Academia de Enxeñería. Un tanto para os organizadores que apostan cada ano por poñer en valor o talento local e darlle visibilidade e recoñecemento nas festas do lugar.

Para a fin de semana destacan o sábado a IV Ruta a cabalo “As Quendas 2017”, teatro e concerto de Hugo Torreiro que presenta o seu último disco “Vuelvo a las andadas” na Casa da Xuventude ás 21.00 h. Xa o domingo exhibición hípica con concurso de saltos na Granxa e o concerto do grupo A Roda no Auditorio Pascual Veiga ás 20.00 h.

E para o luns, 1 de maio, “vai haber traballo” para atender a todo. No plano gastronómico temos a Feira de Gando e mercado de produtos do campo galego, pasando pola XXXIV Festa da Empanada e a VI Edición de degustación de carne de poldro galego; no apartado musical, coplas satíricas con Trioliro Regueifeiros, grupos de gaitas e coro “Mestre Pacheco” e para os máis pequenos obradoiros de amasado de pan e monicreques. Pero non queda aí a cousa porque temos tamén o IV Mondoñedo é poesía.

Este certame chega á súa cuarta edición convocando, como en edicións anteriores, a uns vinte homes e mulleres, poetas e músicos, que recitarán e cantarán os seus poemas nas rúas, prazas e espazos culturais da cidade e poñerán colofón á xornada coa Gala no Auditorio “Pascual Veiga” ás 19.00 h.

Cartel Mondoñedo É Poesía. Obra de Antón Caxoto.
Cartel Mondoñedo É Poesía. Obra de Antón Caxoto.

Os pases poéticos terán lugar ás 17.30 h. na Praza do Concello, ás 18.00 h. na Praza da Catedral e ás 18.30 h. na Praza Jaime Cabot.

Os artistas convocados para esta edición son: Tamara Andrés, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Antón Fortes, Modesto Fraga, Eva García González, Montse González, Antón de Guitián, Daniel Irimia Yáñez, Carmen Lage Fernández, Marina Oural Villapol, Xavier R. Baixeras, Manuel Rivas, Carmen Rodríguez Lage, África Sánchez, Paloma Suanzes, Trioliro Regueifeiros, Eva Veiga e Ana Vila Portomeñe.

Como en anos anteriores haberá un “tendal de poesía” con poemas elaborados polo alumnado do IES “San Rosendo” e do CEIP “Álvaro Cunqueiro” e este ano renderase unha homenaxe a Eduardo Lence-Santar co gallo de terse cumprido este mes o centenario do seu nomeamento como primeiro cronista oficial de Mondoñedo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pasabaporaí

Pois xa podían ter a cidade máis coidada que dá peniña pasear por aquel marabilloso lugar vendo coma os coches case se meten na catedral. E xa non vou escribir sobre o fermoso barrio dos Muíños tan descoidado. Mágoa de cidade, tan fermosa!