Lea entre La Voz de Galicia e Gznación

O diario dixital defende a súa independencia en resposta a un artigo no xornal de Santiago Rey que o vincula coa UPG.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/03/2010 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

La Voz de Galicia publicou esta ponte unha crónica sobre as webs relacionadas co Bloque. O diario coruñés constrúe unha información en base á suposta proximidade do blog "Renovar o BNG" con Carlos Aymerich (+G) e a do diario Gznacion coa Unión do Pobo Galego (UPG).

Para La Voz o xornal dixital é en realidade unha “plataforma web” promovida por un partido, a UPG, o máis poderoso na fronte. 

Gznacion.com reaccionou esta mañá cun comunicado oficial no que defende a súa independencia respecto a UPG e ao seu líder, Francisco Rodríguez. O xornal argumenta que ten entrevistado a políticos de varios partidos e concedidas tribunas de opinión a voceiros doutras familias do nacionalismo, como +G ou o Encontro Irmandiño. 

Axudas da Xunta a La Voz 

Gznacion láiase do trato recibido na citada crónica. E manda un recado á cabeceira de Santiago Rey: “La Voz de Galicia, cobra sustanciosas subvencións da Xunta en ningún momento este xornal publicou ningunha información aludindo a que la Voz puidera orbitar arredor do Partido Popular”. Galicia Confidencial informou que La Voz recibiu o 33% das axudas a dedo, mediante convenios, que reparte o Executivo, case 900.000 euros.

Na noticia que desatou a polémica descríbese a importancia que ten Internet no debate interno da coalición nacionalista. A crónica tamén fai unha tentativa de humor ao fío das webs relacionadas coas familias integradas na fronte. “Hasta el punto de que, irónicamente, ya ha salido el previsible chiste sobre el Bloge Nacionalista Galego, en el que cada vez hay menos bloqueiros y más blogueiros”, sinala. 

A continuación reprodúcese íntegro o comunicado de resposta á noticia de La Voz: 

“Diante da análise publicada en La Voz de Galicia no día de hoxe, GZnación quere aclarar, antes de máis, que é un medio de comunicación e non a páxina de ningún partido político, tal e como se afirma na dita peza.

Sorprende ver con que facilidade se etiqueta neste país e o gusto que hai por facelo. Sirva este editorial para aclarar que as informacións e opinións publicadas no xornal dixital Gznación non están controladas por ninguén. Certamente, e coma calquera publicación, este medio ten unha liña editorial, se ben, non adscrita a ningún partido político e si próxima ao movemento nacionalista galego e aos colectivos afins a el. 

Deste xeito, en Gznación caben todos os articulistas, desde o mencionado neste artigo -Francisco Rodríguez- até Maurício Castro ou os tantas veces convidados Carlos Aymerich ou Martiño Noriega, entre outros. Ademais, recóllense informacións de moi diversos colectivos e tense entrevistado a responsábeis de moitos partidos políticos, sexan da tendencia que foren. 

Se algo tamén quere lembrar Gznación a respecto desta etiquetaxe como “a páxina da UPG” é que, por exemplo, o medio que recolle a análise referida, La Voz de Galicia, cobra sustanciosas subvencións da Xunta en ningún momento este xornal publicou ningunha información aludindo a que la Voz puidera orbitar arredor do Partido Popular. 

Na dita análise lémbrase como exemplo desa afirmación un artigo asinado por Francisco Rodríguez que, serve, segundo se recolle nese texto, para “discrepar abertamente do defendido por outros militantes no consello nacional” do BNG. Ese “durísimo artigo” que na dita análise se cualifica como “contra Beiras” por oporse á fusión das dúas caixas galegas é un máis dos artigos de opinión que se publican no Gznación coa posibilidade de que calquera persoa poida comentar neles ou que o/a os/as aludidos/as poidan pronunciarse ao respecto.

 Gznación é un medio comprometido co país que naceu e traballa para dar conta á cidadanía galega das novas que lle afectan en clave de país. Gznación é, polo tanto, unha das moitas voces de Galiza a nivel informativo. Comprometida e libre”.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Pedrito

todos saben que GZ Nación é da UPG e controlado directamente por Mexuto así que non sei a que ven esta parvada de tentar enfrontarse a La Voz

1 Miro e vexo

Gz Nación ten moito prestixio para enlearse cun medio mercenario de baixa ralea como é a Voz.