Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/05/2017 | Actualizada ás 14:49
Galicia entrou de cheo no período de lumes. Desde que se iniciou o ano arderon case 3.000 hectáreas. Tan só no mes de abril rexistráronse 380 incendios, dos que 33 superaron as 20 hectáreas. E, a pesar desta situación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cre que non hai motivo para a preocupación.
“Os incendios desta primavera están por debaixo da media da década no mesmo período e tamén en número de hectáreas afectadas”, suliñou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Feijóo tivo que botar man da media da década, e non do pasado ano, como soe ser habitual, a pesar de que en 2016 tamén houbo moitos lumes na primavera, aínda que menos graves que o das últimas semanas.
Con todo, e para facer fronte a vaga de incendios, a Xunta anunciou un novo acordo co Exército español para que patrullen os montes galegos. Así, Feijóo salientou que este ano sumaranse dúas novas patrullas terrestres da UNidade Militar de Emergencias (UME) ás 25 que xa estiveron ao pasado ano e que tamén haberá dous equipos de mantemento móbil más.
Non obstante, non soubo especificar que número de militares participará neste novo operativo. O que si foi é aclarar que en caso de risco severo aumentaranse a 50 esas patrullas que disporán dun helicóptero e se é risco moi severo serán 75 e dous elipcópteros.
Seca
Por outra banda, o presidente galego tamén se referiu a prolongada seca que vive o país e suliñou que, a pesar de todo, o consumo de auga está garantido ata o verán. Así, indicou que nos encoros de Galicia-Costa, dependentes da Xunta, a auga embalsada é similar ao do pasado. “O que nos preocupa é o caudal dos ríos”, dixo.
Por iso, a Xunta manterá a prealerta activa á espera das condicións meteorolóxias porque teme que poida haber problemas de subministro no verán. “O que nos preocupa son os caudais fluviais e as augas subterráneas que, se non chove, se verán moi afectados para o verán”, indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.