Temas: INDUSTRIA

Baixa a produción industrial en Galicia, sobe no resto do Estado

Descende un 2,9% no mes de marzo no noso país mentres ten o seu maior aumento en nove anos en España.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) baixou un 2,9% en Galicia en marzo en comparación co mesmo mes de 2016, mentres a media en España aumentou un 9%, o que supón o maior incremento en nove anos.

Factoría de Peugeot Citroën en Vigo
Factoría de Peugeot Citroën en Vigo | Fonte: Europa Press

Así, no primeiro trimestre, entre xaneiro e marzo, Galicia acumula a maior caída da súa produción industrial (-3%) do Estado, sendo unha das tres únicas autonomías nas que baixa xunto coa Rioxa (-1,9%) e Castela e León (-1,8%). En cambio, en España de media sobe un 4,9%.

Galicia é unha das catro autonomía que rexistraron retrocesos na súa produción industrial en marzo, de feito o noso país ten a segunda maior caída (-2,9%) este mes, só superada por Castela e León (-4,3%). Tamén baixan Asturias (-0,9%) e A Rioxa (-0,1%).

As outras 13 comunidades incrementaron a produción das súas industrias en marzo respecto ao mesmo mes de 2016. Destacan os aumentos de Cataluña (+14,2%), Murcia e País Vasco (+13,5% en ambos os casos) e Comunidade Valenciana (+12,7%).

DATOS ESTATAIS

O Índice Xeral de Produción Industrial (IPI) aumentou un 9% en marzo en relación ao mesmo mes de 2016 en España, taxa 10,6 puntos superior á de febreiro e a máis alta desde abril de 2008, segundo informou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Co avance interanual de marzo, a produción industrial volve a terreo positivo tras rexistrar en febreiro un retroceso do 1,6%.

Todos os sectores elevaron a súa produción respecto de marzo de 2016, agás a enerxía, que reduciu a súa produción un 4,3% interanual. O maior aumento correspondeu aos bens de consumo duradeiro (+27,1%), seguido de bens de equipo e bens intermedios (+12,5% en ambos os casos) e dos bens de consumo non duradeiro (+9,3%).

Corrixida de efectos estacionais e de calendario, a produción industrial presentou en marzo un crecemento do 0,4% respecto ao mesmo mes de 2016, taxa 2,1 puntos inferior á rexistrada en febreiro. Con este crecemento, a produción industrial, corrixida de estacionalidade e calendario, acumula 41 meses consecutivos de incrementos interanuais.

En taxa mensual (marzo sobre febreiro) e eliminando os efectos estacionales e de calendario, a produción industrial diminuíu un 0,4% no terceiro mes do ano, fronte ao retroceso do 0,2% de febreiro e o aumento do 1,6% experimentado un ano antes.

A enerxía e os bens intermedios presentaron recortes mensuais da produción do 3,1% e do 0,2%, respectivamente. O resto de sectores elevaron a súa produción respecto ao mes anterior, principalmente os bens de consumo duradeiro (+1,9%), seguidos dos bens de consumo non duradeiro (+0,5%) e os bens de equipo (+0,2%).

Temas: INDUSTRIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sesees

Si se pechan fábricas e o normal. Como exemplo está a antiga fabrica de armas de Coruña. Ahí están as instalacions infrausadas