Internet, a táboa de salvación da lingua galega

Analizamos a saúde do galego na Rede, no Día das Letras Galegas e de Internet. O noso idioma consolida o seu crecemento en porcentaxe de penetración nos últimos dous anos. Con todo, medra menos que o éuscaro, que supera por primeira vez ó galego en sitios web. A lingua galega sitúase entre as 50 máis populares do mundo en distintos rankings. Os dominios PuntoGal xa superan os 4.000. O número de sitios web no noso idioma podería ser duns 120.000, segundo datos estimados. Varios informes destacan o papel dos medios nativos dixitais na defensa e promoción do galego en Internet, pero tamén o dominio do castelán entre os mozos e empresas de Galicia na Rede.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 17/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A lingua galega atópase no longo grupo de idiomas que representan o 0,1 por cento ou menos dos contidos en Internet. En concreto, os sitios web en galego son o 0,01 por cento do total da Rede, o que coloca a nosa lingua no posto 49 no mundo. Perdemos un posto respecto a 2016, pero gañamos penetración e presenza na Rede. A finais de 2015, o galego era a lingua 48, pero cunha menor pocentaxe: o 0,0095 por cento do total. A situación actual da lingua galega na Rede é a mellor dos últimos case catro anos, cunha tendencia crecente, segundo datos estimados de W3Techs, división de Q-Success Web-based Services que actualiza a diario estatísticas da Rede a partir dos metadatos recollidos dos dez millóns de sitios web máis populares do mundo.

Asociación puntoGal
Asociación puntoGal

En decembro de 2014, a lingua galega estaba por debaixo do 0,008 por cento e até setembro de 2015 mantívose máis ou menos invariable, pero dende entón a curva é ascendente e o seu peso na Rede vén crecendo até chegar ao actual 0,01 por cento. Porén, o peso do galego en Internet mantense aínda lonxe da porcentaxe que acadara en 2013, un 0,015 por cento do total de contidos web.

Entre maio de 2013 e 2014, a porcentaxe do uso do galego reducírase nada menos que á metade, segundo datos estimados de w3techs.com, pasando de case o 0,015 por cento do total de contidos web no mundo a apenas un 0,0075 por cento un ano despois. Unha caída dramática que se freou e logo se conseguiu remontar, até acadar a maior porcentaxe dende setembro de 2013, aumentando a súa penetración en Internet até o actual 0,01.

A continuación mostramos, por orde, as gráficas de evolución de sitios web en galego para os períodos maio 2016-maio 2017, decembro 2014-decembro 2015 e maio 2013-maio 2014.

Evolución de sitios web en galego entre maio de 2016 e 2017.

Evolución de sitios web en galego en 2015

Evolución de sitios web en galego entre maio de 2013 e 2014.

Tendo en conta que actualmente hai uns 1.200 millóns de sitios web no mundo, segundo internetlivestats.com, podería haber arredor de 120.000 en galego (datos estimados).

Das tres linguas cooficiais no Estado español, o galego pasou a ser a terceira, superada agora polo éuscaro, que a finais de 2015 non chegaba ao 0,007 por cento do total de sitios web no mundo, ocupando o posto 52; agora atópase no 46, con case o 0,013 por cento. O catalán segue no grupo de 38 idiomas que superan o 0,1 por cento e mantén tamén unha tendencia crecente, como o galego e o éuscaro.

O galego sitúase no posto 49 dos idiomas con máis sitios web e no Barómetro Calvet das linguas do mundo, e no 47 por artigos publicados en Wikipedia.

O posto 49 que ocupa o galego en sitios web coincide co posto que lle correspondeu no Barómetro Calvet das linguas do mundo.

O grupo do sociolingüista Louis-Jean Calvet analiza a importancia relativa das linguas a partir dunha serie de variables como o número de falantes, a entropía, o número de persoas que a ten como lingua materna, o número de países onde a lingua ten un estatus oficial, o número de traducións, o idioma fonte e o idioma de destino, o número de premios Nóbel en literatura, o número de artigos publicados en Wikipedia, a taxa de fertilidade, o índice de desenvolvemento humano e a penetración na Internet

Baromètre Calvet des langues du monde
RANG LANGUE SCORE
1 anglais 9.062
2 espagnol 7.806
3 français 7.733
4 allemand 6.987
5 russe 6.335
6 japonais 6.187
7 néerlandais 6.138
8 italien 6.131
9 portugais 5.97
10 mandarin 5.964
11 suédois 5.543
12 turc 5.321
13 norvégien 5.232
14 polonais 5.2
15 danois 5.104
16 finnois 5.103
17 hongrois 5.103
18 roumain 5.05
19 catalan 5.047
20 tchèque 5.02
21 hébreu 4.897
22 farsi 4.867
23 coréen 4.684
24 serbe 4.676
25 hindi 4.656
26 bengali 4.644
27 grec 4.586
28 azéri du Nord 4.488
29 malais 4.451
30 arménien 4.422
31 bulgare 4.335
32 vietnamien 4.33
33 croate 4.308
34 indonésien 4.269
35 slovaque 4.261
36 kazakh 4.259
37 slovène 4.223
38 tamoul 4.215
39 ourdou 4.208
40 thaï 4.127
41 estonien 4.022
42 afrikaans 3.962
43 swahili 3.924
44 albanais Tosk 3.906
45 marathi 3.831
46 occitan 3.829
47 lithuanien 3.817
48 ukrainien 3.793
49 galicien 3.77
50 macédonien 3.763
51 basque 3.747

No caso do galego, tamén existe unha alta coincidencia entre a clasificación de linguas por sitios web de W3Techs, o Barómetro Calvet e a Wikipeda, onde a Galipedia —a versión galega da enciclopedia libre— ocupa o posto 47 entre 296 linguas, por número de artigos publicados. A 16 de maio de 2017, a Galipedia rexistraba 139.094 artigos publicados en galego, é dicir, o 0,31 por cento do total de páxinas de contido publicadas na Wikipedia: 44.735.293.

A saúde das linguas en Internet non depeden tanto do número de falantes que teñan como do volume da produción de contidos.

AS DEZ LINGUAS MÁIS UTILIZADAS NA REDE 

Os datos actuais aínda sitúan o galego moi lonxe dos idiomas que superan o 0,1 por cento dos contidos en liña e que marca a fronteira entre as linguas consideradas relevantes na Rede e as minoritarias. Pero se miramos os datos desde unha perspectiva reintegracionista —aquela que di que o galego e o portugués son a mesma lingua— a realidade muda un chisco, cun idioma, o galego-portugués, no sétimo posto, cun uso en Internet un chisco superior ao 2,5, aínda que por debaixo do pouco máis do 2,6 por cento acadado en decembro de 2015 (o portugués perdeu unha décima neste tempo).

Porcentaxes que ofrece W3Techs dos dez idiomas con máis sitios web (maio 2017).
Inglés
 

51.7%
Ruso
 

6.5%
Xaponés
 

5.6%
Alemán
 

5.5%
Español
 

5.1%
Francés
 

4.1%
Portugués
 

2.5%
Italiano
 

2.4%
Chinés
 

2.0%
Polaco
 

1.7%


O inglés mantén un dominio insultante en Internet, onde máis da metade dos contidos se publican neste idioma. Con todo, baixou case tres puntos, do 54,5 ao 51,7 por cento. Atrás e lonxe séguenlle o ruso e o xaponés, que superou no último ano o alemán, que pasa á cuarta posición. No quinto posto mantense o español, que sobe tres décimas. Francés e portugués seguen practicamente igual, mentres que o chinés supera o italiano, que retrocedeu tres décimas. No décimo posto continúa o polaco, segundo datos de W3Techs.

Destes datos é doado deducir que a saúde das linguas, cando menos na Rede, non pasa só polo número de falantes que teñan, senón, e sobre todo, polo volume da produción de contidos. Así, por exemplo, o dominio absoluto do inglés na Rede contrasta co número total de falantes nativos que hai no mundo, uns 335 millóns, segundo datos de Ethnologue. É dicir, só o 4,7% da poboación mundial ten como lingua materna o inglés, pero máis da metade de Internet está nese idioma. Porén, o español, que é a lingua natural duns 400 millóns de persoas (o 5,6 por cento da poboación mundial) apenas supera o 5 por cento de sitios web. Relevantes tamén son os datos para idiomas como o xaponés, falado por uns 128 millóns de persoas, é dicir, só o 1,8 por cento da poboación mundial, pero que supera en produción web o español ou o portugués, esta última, lingua falada por preto de 203 millóns de persoas.

O caso do portugués é curioso, porque o peso da súa fala no mundo (2,8 por cento da poboación) practicamente é o mesmo co da sua presenza na Rede (2,5 por cento). Outros casos substanciais son o do alemán, falado por 78 millóns de persoas (só o 1,1 por cento da poboación mundial), pero que é a cuarta lingua con máis peso na Rede; ou o do ruso, falado por 166 millóns de persoas (o 2,3 por cento da poboación total), pero que ocupa o segundo posto en Internet (neste caso poderiamos plantexar a hipótese de que os spammers rusos, moi activos en Internet, contribúen de xeito notable a este protagonismo).

MOZOS E EMPRESAS DE GALICIA PREFIREN O CASTELÁN

En setembro de 2016 presentouse o estudo 'Multilinguismo e a Representatividade Online: a Situação do Idioma Galego na Web', no marco do no XXXIX Congresso Brasileiro de Ciências da Comunicação. O informe apunta a un predominio do castelán entre os usuarios galegos da Rede: "As empresas, mesmo as locais, ainda preferem utilizar o castelhano no ciberespaço certamente por razões comerciais. Da mesma forma, os jovens, que procuram inserção na Internet, também preferem o uso desse idioma para se expressar online e como língua principal para suas interfaces", concluiron os asinantes do traballo, Ester Coelho e Riverson Rios.

O artigo analiza a presenza do idioma galego "nos ciberespaços internacionais e da Galiza" parta tentar "compreender a presença de idiomas cooficiais na internet, mais especificamente a apresentação e produção de conteúdo comparados aos idiomas oficiais da região", explican os seus autores.

Para isto, analizaron datos referidos ás políticas de protección da lingua, estatísticas e exemplos práticos, poñendo especial atención ao uso do galego en distintas páxinas web de empresas, blogs, Wikipedia (no caso do galego, Galipedia) e redes sociais, para "montar o panorama de representatividade e inclusão digital proporcionada pelo idioma galego em relação ao castelhano", considerando "tanto o uso do idioma para produção de conteúdo (como forma de expressão linguística na web) quanto na interface das páginas web", describen os investigadores.

 "A Internet possibilitou que idiomas ‘grandes’ e ‘pequenos’ pudessem aumentar seu número de usuários. Neste panorama também se enquadra a presença do galego no ciberespaço, que tem crescido", di un estudo.

De acordo coas pescudas feitas neste campo, os autores observaron que "nem sempre a quantidade de inserção online de falantes nativos corresponde à utilização de seu idioma na web quando se trata de uma situação de multilinguismo, mais especificamente analisado, uma situação de idioma cooficial".

Así, no caso de Galicia, consideran que malia que a lingua galega "possui grande representatividade online, porém ela não impreterivelmente corresponde ao nível de inclusão digital dos seus falantes, já que a presença do castelhano também cumpre esse papel dentro do território". Por iso aconsellan aos estudosos sobre acceso ás novas tecnoloxías da comunicación e da información e uso das linguas en Internet que teñan en conta que "a relação da inclusão digital na região geográfica da Galiza e a utilização da internet são dois fatores que se distinguem e que devem ser levados em conta no momento de analisar a representatividade online do galego".

Os investigadores conclúen que "não necessariamente o fato de que o nível de inclusão digital da Galiza seja alto vai garantir também a vitalidade do idioma local na Internet, pois é constatado que ele não é utilizado para todos os tipos de atividades online por seus falantes e 'concorre' com o idioma oficial da Espanha. Dessa forma, no que tange o fator linguístico, a inclusão digital desse povo se dá também através do uso do castelhano", explican Coelho e Rios.

Segundo Coelho e Rios, e seguindo outras liñas de investigación, "é perceptível que a Internet possibilitou que outros idiomas, tanto ‘grandes’ (ex: alemão, francês, japonês e espanhol) quanto ‘pequenos’ (ex: catalão), pudessem não só sobreviver, mas também aumentar seu número de usuários. Neste panorama também se enquadra a presença do galego no ciberespaço, que tem crescido", salientan.

Así, lembran que a organización Ethnologue, dedicada ao estudo das linguas do mundo, considera que, entre as características para o desenvolvemento dun idioma, é necesario o “uso da linguagem na chamada ‘nova mídia’, como páginas web, salas de bate-papo, podcasts, downloads em MP3 e mensagens de texto em telefones móveis ou outros aparelhos eletrônicos".

O certo é que algúns dos aplicativos mais utilizados na Internet xa ofrecen a súa versión en galego: navegadores como Firefox, Chrome e Explorer; buscadores como Google ou Bing; as redes sociais Facebook ou Twitter; ou as plataformas de websites como Wordpress e Xoops. Ademais, a lingua galega tamén pode ser usada en tradutores en liña ou en aplicativos comercias e de software libre.

OS MEDIOS ALTERNATIVOS TIRAN DA INTERNET GALEGA

Nas últimas dúas décadas, o ecosistema mediático galego experimentou unha mudanza notable coa aparición de medios nativos dixitais alternativos aos tradicionais. Co ánimo de dar a coñecer o primeiro mapa dos nativos dixitais en Galicia, o catedrático de Xornalismo Xosé López e a doutoranda Cruz Negreira, da Universidade de Santiago de Compostela, publicaron recentemente un estudo nun capítulo do libro Media and Metamedia Management (Springer, 2017), unha magna obra editada polos profesores das universidades galegas Francisco Campos Freire, Xosé Rúas Araújo, Valentín Alejandro Martínez Fernández e o propio Xosé López García, que contén principalmente os traballos presentados en Pontevedra no marco do 'I Simposio Internacional sobre Gestión de la Comunicación: de los Medios a los Metamedios', organizado por XESCOM, Red Internacional de Investigación de Gestión de la Comunicación. 

No seu capítulo, titulado 'Web-Native Media in Galicia. Trends and Characteristics of a Booming Model', Negreira e López expoñen os resultados da súa investigación, na que deron cun total de 164 medios galegos, dos cales 62 (38%) son nativos dixitais. Entre os cibermedios que se publican e distribúen exclusivamente en Internet, unha amplísima maioría, o 92%, son medios de prensa, fronte a tan só o 6% de audiovisuais e o 2% de radiofónicos.

No uso do galego, "os nativos dixitais conseguen cubrir un oco esquecido e silenciado polos grandes medios xeralistas de referencia", aporta un estudo da Universidade de Santiago.

No que se refire ao idioma, imponse entre os nativos dixitais como único idioma de publicación, xa que arredor da metade destes aposta exclusivamente pola lingua propia de Galcia, fronte a un terzo que se comunica só en castelán. O resto combina ambos os dous idiomas, algúns deles mesturando galego e castelán na mesa edición e outros valéndose de sistemas de tradución automática.

Así, os autores conclúen que é na elección do idioma onde se atopa unha "maior diversidade fronte aos cibermedios con matriz tradicional". Neste sentido, "os nativos dixitais conseguen cubrir un oco esquecido e silenciado polos grandes medios xeralistas de referencia", din.

O GALEGO, EN PERIGO?

Aínda que na era dixital as transformacións son constantes e intensas, mudando a realidade case dun ano para outro, hai que salientar tamén un informe europeo publicado en 2012 que advertiu dalgúns perigos para o galego na sociedade rede.

'O idioma galego na era dixital' ('The Galician Language in the Digital Age') forma parte da Serie de Libros Brancos de META-NET, Rede de Excelencia financiada parcialmente pola Unión Europea. O documento, asinado por Carmen García Mateo e Montserrat Arza Rodríguez, investigadoras da Universidad de Vigo alertaba dunha "cantidade bastante reducida de produtos, tecnoloxías e recursos deseñados para o galego" no ámbito das tecnoloxías lingüísticas.

O informe xa apuntaba á necesidade de ter dispoñible unha tecnoloxía lingüística para todas as linguas europeas, que sexa economicamente alcanzable e que se atope perfectamente integrada dentro duns ámbitos informáticos máis amplos para acadar unha experiencia interactiva, multimedia e plurilingüe dos usuarios.

Ante o perigo de que a globalización se converta nun "mecanismo que promova o abandono do noso rico patrimonio lingüístico e cultural (...) a favor dunha lingua franca" —como xa vimos anteriormente, o inglés—, as autoras propuxeron traballar na procura de "formas de comunicarnos co mundo ao mesmo tempo que preservamos a nosa propia lingua e, con iso, a nosa identidade cultural".

A clave para as investigadoras da Universidade de Vigo está no desenvolvemento de "tecnoloxías facilitadoras" da lingua e fala, mais consideraron que as dispoñibles no mercado non satisfacen as necesidades dos usuarios que se comunican en galego

Segundo estas autoras, "o galego é unha das linguas da Unión Europea que necesita aínda máis investigación para que as solucións das tecnoloxías da linguaxe cheguen a ser verdadeiramente eficaces e poidan ser empregadas para un uso diario".

Partindo dun "optimismo cauto" sobre a situación da lingua galega no que se refire ao apoio das tecnoloxías lingüísticas, avisaron de que "é preciso centrar máis esforzos na creación de recursos para o galego, así como na investigación, innovación e desenvolvemento".

Proxectos como Galipedia, Mancomún ou PuntoGAL contribuíron a "aumentar a presenza do galego na web", destacou xa en 2012 un informe financiado pola Unión Europea.

No sector dos xornais, as investigadoras apuntaron á escasa presenza da lingua galega nos diarios tradicionais: "Actualmente non hai ningún xornal integramente escrito en galego. Nalgúns, o idioma non está totalmente ausente, aínda que si arrecunchado na información cultural e nas columnas de colaboradores", describiron hai cinco anos as autoras. Porén, e paradoxalmente, no estudo sobre a situación do galego na era dixital apenas lle dedicaron unhas exiguas palabras aos diarios electrónicos e non se afondou neste sector estratéxico para a supervivencia do galego na sociedade rede. Nin mencións a ningún diario nativo dixital nin valoración dos seus proxectos. Só unhas breves e insubstanciais palabras: "A web tamén ofrece cada vez un maior número de xornais dixitais en galego (ou xornais españois que contan cunha ferramenta de tradución ao galego), así como algúns cursos en liña para a aprendizaxe do idioma", describiron con levidade. 

Sobre a presenza do galego na Internet, se ben as autoras consideraron que era "bastante limitada", salientaron xa por entón algunhas iniciativas que "intentan aumentar a presenza do galego na web", como por exemplo a Galipedia (a Wikipedia en galego), "ao mesmo nivel que algúns idiomas oficiais da UE como o grego ou o letón", aportaron.

García Mateo e Arza Rodríguez tamén destacaron o labor do Goberno autonómico, que "levou a cabo algunhas iniciativas para dar apoio á creación de páxinas web en galego" con proxectos como Mancomún, que "ofrece unha serie de ferramentas informáticas de balde en galego creadas coa axuda da Xunta de Galicia" e que puxo en marcha proxectos como Galinux, "unha distribución GNU/Linux en galego deseñada para finalidades educativas", destacan as investigadoras.

Outro exemplo que puxeron foi a iniciativa PuntoGAL, que "intenta obter un dominio na Internet para o idioma e a cultura galegos", indicaron as investigadoras da Universidade de Vigo, que consideraron que "a través deste dominio, a sociedade galega pasaría a ter máis visibilidade na rede e en todo o mundo".

Con todo, o identificador do país é o que menos creceu entre todos os novos dominios creados para linguas e culturas europeas, aprobados no seu día pola ICANN nun período similar. Así, o .scot (para a lingua e cultura escocesas) son xa os 11.584 dominios, o .cyrmru (para a lingua e cultura galesas) son 6.907, o .bzh (para a lingua e cultura bretonas) anda polos 6.592 dominios e o .eus (para a lingua e cultura éuscaras) ten uns 6.675 dominios,  segundo datos de NTLDstats.com a día 15 de maio de 2017.

Na actualidade existen 4.028 dominios .gal rexistrados. Hai dous anos, ao pouco de abrirse ao público, o PuntoGAL andaba polos 1.600 identificadores. Polo tanto, e malia o seu prezo moito máis elevado que outras opción, o dominio está crecendo a un ritmo lento, pero constante, sen que se produzan retrocesos a causa de non renovacións. Se consideramos válida a cifra estimada de 120.000 sitios web en galego, os dominios PuntoGAL suporían o 3,3 por cento do total.

Cinco anos despois daquel informe, semella que algunhas cousas mudaron. O ciberespazo e as tecnoloxías da información e da comunicación poden ser a táboa de salvación dunha lingua que nas rúas semella en claro retroceso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Gamela

algunhas reflexións sobre a lingua e os medios... cicais vellas de máis...? http://gamela00.blogspot.com.es/sea...

2 Peliqueiro

Quizais deberíamos pensar o porque de que o éuscaro esteja adaptándo-se melhor ás novas tecnologías e esteja ganhando falantes mesmo (mentres o galego vai esmorecendo). Quizais é pola política educativa, porque dende logo a intercompressom co castelhano nom é... Pola contra, o galego nom se emprega a pesar de ter umhas posibilidades de comprenssom maiores por qualquera castelhano e a capacidade de conectarmos con máis de 200 milhóns de falantes de português

1 JXxz

Un castelán entende o portugués como un galego, e non por iso cambia a súa lingua.

2 Meeeentirooso

Estas moi confundido JXxz, un castelán non comprende o portugués coma un galego, os galegos comprenden moito mellor a lusofonia inclusive no Brasil, iso é un feito que se pode contrastar perfectamente e é evidente. Outra cousa é que moitos portugueses xovenes comprendan tan ben o castelán coma o galego porque están afeitos o idioma e teñen unhas competencias lingüísticas moi altas ata en inglés.

3 bwYq

Xoven=novo. Polo demais, vai falar cos estremeño a ver se non entenden o portugués.

1 panfletoslusistasnon

A salvación está en internet claro, cun traductor podes navegar en galego por 7 billóns de páxinas web, facer medios de comunicacion dixitais en galego, e mil cousas máis. Por iso este artigo non ten sentido, só defende adoptar o portugués como lingua superior, cando xa non fan falta linguas superiores.

1 Kollontai luguesa

Xa... Nunca faltan motivos para atacar o galego e a súa supervivencia. A lusofonía é o futuro lingüístico e, quen sabe se económico. Seguro que niso coincides con Nostrus, se non es el mesmo.

2 TWrm

Se queres recoller cocos, a lusofonia ten futuro, pra outra cousa non vexo.