O carballo foi o principal recurso madeireiro na Galicia da Idade de Bronce

Investigadores galegos e portugueses identifican por primeira vez os principais recursos madeireiros consumidos polas pequenas poboacións humanas asentadas no noroeste peninsular na Idade do Bronce Antigo e Medio. Os científicos analizaron cinco asentamentos e un lugar funerario e descubriron que estas comunidades "estableceron unha clara preferencia pola madeira de Quercus", árbore "predominante nos bosques caducifolios que dominaron esta rexión durante ese período".

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 26/05/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As comunidades da Idade do Bronce Antigo e Medio no noroeste da Península Ibérica tiveron no carballo o seu principal recurso madeireiro. Ademais, os datos do carbón vexetal demostran que a actividade madeireira humana en Galicia e norte de Portugal remóntase á Idade do Bronce Antigo e, probablemente, ao Neolítico Final, influíndo na paisaxe forestal e exercendo unha intensa presión sobre os bosques de carballos. Así o conclúe un estudo feito por investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Minho e Porto, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a empresa Zeta Arqueoloxía. Os resultados do estudo publícanse este mes na revista Quaternary International (Volume 437, Part B, 5 maio 2017, páxinas 90–101) nun artigo titulado 'Socio-ecology of Early and Middle Bronze Age communities in the northwest Atlantic region of Iberia: Wood resources procurement and forest management'.

Carballeira galega.
Carballeira galega.

O traballo centrouse en identificar os recursos madeireiros consumidos polas comunidades humanas durante a Idade do Bronce Antigo e Medio (2200-1200 antes de Cristo), para cubrir así unha fenda nos traballos de investigación centrados na análise de carbón vexetal dos asentamentos deste período no noroeste peninsular.

O estudo presenta datos de cinco sitios ao aire libre: Lamas de Abade (Santiago de Compostela), A Pataqueira (Palas de Rei) e Chan das Pozas (Campo Lameiro), todos en Galicia, e Lavra (Matosinhos) e Pego (Braga) no noroeste de Portugal, ademais do contexto funerario de Vale do Chão, en Braga. Segundo os científicos, os restos de carbón vexetal recuperados dos asentamentos humanos analizados e os sitios funerarios nesta rexión están ofrecendo información moi útil para unha maior comprensión da xestión dos recursos madeireiros e as estratexias de manexo forestal adoptadas por estas comunidades a pequena escala.

Un dos obxectivos foi describir as prácticas de manexo forestal desenvolvidas por estes grupos humanos, ao comprobarse que "os recursos madeireiros eran esenciais para a vida cotiá destas comunidades da Idade do Bronce, establecéndose un complexo enredo entre as plantas e os seres humanos", xustifican os seus autores.

"Aínda que a análise de carbón dos contextos con cronoloxías que van desde 2200 a 1200 a.C. non se realiza comunmente nesta área, os datos deste período son de grande importancia porque representan unha etapa de gran deforestación e cambio da paisaxe", aportan os científicos galegos e portugueses.

Imaxes de xacementos nos que se tomaron mostras de carbón vexetal para analizar o uso da madeira na Idade de Bronce: A Pataqueira (a, b), Pego (c), Chan das Pozas (d), Lavra (e) e Vale de Chão (f)
Imaxes de xacementos nos que se tomaron mostras de carbón vexetal para analizar o uso da madeira na Idade de Bronce: A Pataqueira (a, b), Pego (c), Chan das Pozas (d), Lavra (e) e Vale de Chão (f) | Fonte: M. Martín-Seijo et al. , en Quaternary International 437 (2017) 90-101.

Nesta época, explican, os recursos madeireiros eran locais e a explotación estaba condicionada pola súa dispoñibilidade nos arredores dos asentamentos humanos. E estas comunidades "estableceron unha clara preferencia pola madeira de Quercus [carballo], combinada recorrentemente con especies arbustivas da familia Fabaceae [leguminosas]", esclarecen os autores do estudo.

"Esta co-ocorrencia, observada previamente nos contextos de Idade de Bronce Medio e Final, podería estenderse ata a Idade do Bronce Antigo e mesmo ata o Neolítico Final. A presenza de pequenas árbores e arbustos como Rosaceae/Maloideae e Corylus avellana podería estar relacionada coa paisaxe aberta que caracteriza a este período e coa existencia de prácticas de manexo forestal deseñadas para previr a rexeneración do bosque", resaltan.

ANTECEDENTES

Os científicos saben, por estudos palinolóxicos feitos no noroeste da Península Ibérica, que na primeira etapa do Holoceno —que comezou arredor do 10.000 a.C.— "os bosques de carballo caducifolio con Quercus caducifolio, Corylus avellana, Alnus, Ulmus e mesmo Castanea se estableceron lentamente na rexión, en detrimento dos bosques mixtos de Pinus e Betula. Con todo, existen diferenzas intra-rexionais que reflicten a diversidade xeomorfolóxica e bioclimática do noroeste peninsular. Como tal, o establecemento do carballo caducifolio e a retirada de Pinus e Betula ocorreu de maneira diferente dentro da rexión, particularmente nas áreas interiores onde a C. avellana [abeleira] é máis escasa", describen.

Con todo, e a pesar dalgunhas flutuacións climáticas ao longo do Holoceno, "particularmente desde o quinto milenio antes de Cristo a presión humana parece ser o principal motor do cambio da paisaxe", clarifican os científicos, que proseguen en base a estudos anteriores: "Estas flutuacións continuaron ao longo dos milenios cuarto e terceiro antes de Cristo, ata o comezo da Idade do Bronce. Aínda que durante este período se rexistraron flutuacións climáticas e diferenzas intra-rexionais, tamén houbo unha tendencia á diminución do pole arbóreo, que se documentou xunto con probas claras do uso do lume para o desmonte forestal, a expansión de plantas nitrófilas e a presenza de cereais. Estas tendencias foron acompañadas a miúdo de episodios de erosión significativos".

Outros traballos científicos comprobaron que xa durante a Idade do Bronce se produciu unha importante regresión do bosque en amplas zonas de Europa. "No noroeste de Iberia a fase de marcado cambio da paisaxe continuou e a área forestal diminuíu significativamente, a causa do cal parece ser principalmente antropoxénica, aínda que tamén coincidiu cunha fase de deterioración climática que puido ter exacerbado os efectos das actividades humanas", lembran os responsables do estudo que agora se presenta na revista Quaternary International.

Así, entre o 2000 e o 1500 antes de Cristo, aproximadamente, houbo unha diminución no pole arbóreo no noroeste peninsular, documentada en varios traballos. "Isto coincide cun aumento no número de asentamentos [humanos] coñecidos, algúns dos cales eran de grande escala. Nalgunhas áreas, estes sitios parecen estar relacionados cunha intensificación do réxime de lume; noutras áreas hai unha porcentaxe crecente do tipo de pole de Cerealia indicativo de prácticas agrícolas. Estes cambios no uso da terra e nos patróns de vexetación son contemporáneos a unha nova fase de erosión e mesmo de acidificación do chan", continúan os investigadores galegos e portugueses.

Considerando o impacto das comunidades humanas da Idade de Bronce Antigo e Medio nas tendencias ambientais rexionais en termos de vexetación e chans, os autores do estudo consideraron que era de "grande interese avaliar as evidencias directas das accións humanas que conduciron a tales cambios, así como o contexto social e económico (tipo de asentamento, duración da ocupación, tamaño do grupo, desenvolvemento tecnolóxico, etc.)".

Aínda que asumen que a maior parte da deforestación antropoxénica (a causada pola acción do ser humano) estivo "probablemente relacionada coa necesidade de despexar novos campos agrícolas e pasteiros", consideraron que "o estudo da madeira que se utilizou nas actividades diarias para construción, obxectos e combustible ofrece unha visión valiosa da obtención de madeira e a relación entre as comunidades humanas e o seu medio ambiente".

Neste contexto, os investigadores salientan tamén que "foi durante este período cando se desenvolveu a minaría do cobre e a metalurxia do bronce". Estas actividades metalúrxicas, en particular aquelas asociadas coa produción de bronce, tamén exerceron "presión sobre a paisaxe", xa que "a redución do estaño require altas temperaturas e por tanto maiores cantidades de madeira".

PREFERENCIA POLA MADEIRA DE QUERCUS

Nas conclusións do estudo, en base aos datos obtidos, os científicos salientan que "a adquisición de madeira adaptouse á súa dispoñibilidade nos arredores dos asentamentos ou lugares funerarios". As análises do carbón vexetal, subliñan, "indican que estas pequenas sociedades estableceron unha clara preferencia pola madeira de Quercus", árbore "predominante nos bosques caducifolios que dominaron a paisaxe do noroeste peninsular durante este período".

Pero o uso da madeira de Quercus "foi combinado na maioría dos sitios (agás en Lamas de Abade) coa recolección de especies arbóreas como as incluídas na familia Fabaceae", matizan os investigadores.

Os autores do estudo poñen en valor os resultados da súa investigación, xa que "esta co-ocorrencia foi observada previamente por Figueiral e Bettencourt (2004) en contextos da Idade do Bronce Medio e Final", pero os novos datos "estenden esta asociación de especies á Idade do Bronce Antigo e aumentan o número de sitios da Idade de Bronce Medio onde ambas as especies foron documentadas xuntas na rexión atlántica do noroeste de Iberia".

A hipótese que barallan agora estes científicos é que a preferencia por ambas as especies se estableceu probablemente xa no Neolítico Final, se ben recoñecen que "as mostras de carbón desta data aínda son escasas". Con todo, aseveran que "a comparación con outros datos paleoecolóxicos demostra que este uso a longo prazo da madeira de Quercus, xunto co desenvolvemento da cría de animais e de plantacións, tivo impactos importantes nos bosques de carballo caducifolio" no noroeste peninsular, onde eses impactos "aumentaron na Idade do Bronce".

OUTRAS PLANTAS E USO DO LUME

Ademais do Quercus, no estudo identificouse unha presenza recorrente nos xacementos analizados de árbores e arbustos pequenos, incluíndo Fabaceae e Rosaceae/Maloideae, C. avellana, Prunus sp. e A. unedo.

"As relacións establecidas entre as comunidades da Idade de Bronce e as especies leñosas da familia Fabaceae formaban parte dunha complexa rede de interdependencias. Os recursos proporcionados por estas especies eran diversos, incluíndo combustible, materiais de construción lixeiros, materia prima para ferramentas e cestaría, forraxe, follaxe estable, fertilizantes, etc.", descríbese no traballo dos científicos galegos e portugueses, que lembran como estas plantas "colonizaron espazos abertos, campos abandonados ou pastos, protexendo o chan da erosión e mellorando a súa fertilidade". Plantas que, resaltan, "tamén foron favorecidas pola relación establecida coas comunidades humanas", crecendo nos arredores dos asentamentos, onde tamén "o uso do lume para o manexo forestal foi probablemente unha práctica común destas comunidades da Idade de Bronce", sendo Chan das Pozas un "bo exemplo das interaccións entre a paisaxe humana e o lume".

Sobre isto, cabe salientar, para concluír, un estudo feito público polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en 2011 que demostrou que os humanos xa provocaban incendios forestais en Galicia hai máis de 6.000 anos. O traballo, asinado polo holandés Joeri Kaal, centrouse en Campo Lameiro, unha das alfaias arqueolóxicas de Galicia, onde as mostras analizadas evidenciaron que entre o 30% e o 40% da materia orgánica dos chans deriva de incendios acontecidos nos últimos seis milenios

Así, entre as conclusións do traballo destaca que a chamada cultura do lume afunde as súas raíces na Prehistoria e que a práctica do lume para manexar o monte "nunca deixou de ser unha ferramenta importante" en Galicia. Os resultados do estudo revelaron que os chans típicos do monte galego (como o Ranker Atlántico) se sitúan entre os máis ricos do mundo en cantidade de carbón vexetal e sinalan "a ocorrencia sistemática en Galicia de lumes de orixe antrópica dende hai máis de 6.000 anos".

O traballo de Joeri Kaal concluíu que a formación dos Rankeres Atlánticos en toda Galicia "está relacionada co réxime dos paleoincendios ou incendios antigos". Ademais, Kaal xa indicou que arredor do ano 4.000 antes de Cristo a vexetación en Campo Lameiro se caracterizaba por "un bosque aberto de carballo caducifolio" nun hábitat con herbáceas, fentos e arbustos. Porén, a partir dese período, produciuse unha perturbación na vexetación, unha regresión do bosque e unha expansión da matogueira".

AUTORES

O estudo que agora se publica na revista Quaternary International está asinado por María Martín Seijo, João Pedro Tereso, Ana M.S. Bettencourt, Hugo A. Sampaio, Emilio Abad Vidal e Lorena Vidal Caeiro, pertencentes ao Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, o InBio – Research Network in Biodiversity and Evolutionary Biology (Associated Laboratory) e o CIBIO – Research Center in Biodiversity and Genetic Resources da Universidade de Porto, o Landscape, Heritage and Territory Laboratory (Lab2PT) e o Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Minho, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e Zeta Arqueoloxía (en Ames).

Mapa no que se sitúan os asentamentos humanos na Idade de Bronce Antiga e Media onde foron tomadas mostras
Mapa no que se sitúan os asentamentos humanos na Idade de Bronce Antiga e Media onde foron tomadas mostras | Fonte: M. Martín-Seijo et al. , en Quaternary International 437 (2017) 90-101.
Carballeira de Santa Susana, en Compostela
Carballeira de Santa Susana, en Compostela | Fonte: flickr- E.A. Fernán
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Don Pimpón

Era o que había. Que cara***o ían usar se non crecía outra cousa? Eucaliptos non había.