Todos unidos en contra da vespa velutina

Colectivos de diferentes sectores e varias comunidades autónomas únense na loita contra a vespa asiática e preparan xa unha marcha por toda a cornixa cantábrica para chamar a atención sobre os perigos desta especie invasiva.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 04/06/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Máis de trinta organizacións de diferentes sectores; apícola, agrario, ambiental, concellos e universidades uníronse xa as reivindicacións da Plataforma Stop Velutina que anuncia mobilizacións en Galicia e noutras autonomías para chamar a atencións sobre os perigos da vespa asiática.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

Tamén a Asociación Galega de Apicultura (AGA) presentou a Marcha Stop Velutina pola Cornixa Cantábrica na que se unirán asociacións das diferentes comunidades autónomas afectadas pola praga da velutina para chamar a atención da sociedade e gobernos sobre a problemática medioambiental que xera esta especie exótica invasora.

Son iniciativas que se anunciaron na 32ª Mostra Galega de Apicultura, celebrada en Arzúa este sábado. Un congreso no que se puxo sobre a mesa que a loita contra a Vespa velutina gaña forzas coa unión de colectivos de diferentes sectores e comunidades autónomas afectadas. As reivindicacións da plataforma insisten en que a administración competente nesta problemática asuma a súa responsabilidade e poña en práctica as medidas para controlala e erradicala. 

Por outro lado, AGA presentou a iniciativa de realizar a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá en tren a Cornixa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas polo tártago asiático. Será no mes de outubro e nela convidarase a participar tanto ós  socios e socias de AGA como dos demais colectivos da Plataforma e da CODACC, Confederación pola Defensa da Abella na Cornisa Cantábrica. Durante a marcha, faranse actos informativos coa poboación e colectivos locais e unha gran concentración final en Torrelavega, coincidindo coa Feira Nacional Apícola de Torrelavega.

Concienciación sobre a praga

Mentres se poñen en marcha investigacións para desenvolver mellores métodos de control e se informa á sociedade da gravidade deste problema, é necesario buscar solucións prácticas e inmediatas para evitar os graves danos que causa a velutina nas colmeas. “De cara a próxima chegada do verán, cando é maior o número de velutinas, compre reducir o ataque nas colmeas”, apuntaron desde AGA.

Asistentes á  32ª Mostra Galega de Apicultura
Asistentes á 32ª Mostra Galega de Apicultura | Fonte: AGA

Para iso, deron a coñecer as primeiras conclusións dun estudo no que levan traballando varios meses. Trátase dun sistema denominado arpa eléctrica, que elimina os tártagos que se achegan ás colmeas mediante unha descarga eléctrica cando os insectos atravesan un sistema de fíos metálicos. O grupo desenvolveu un sistema de alimentación autónoma do aparato, que se pode fabricar de xeito caseiro. Para que os apicultores e apicultoras poidan poñelo en práctica, ofreceron un obradoiro no que explicaron como construír este aparato.

Sobre a importancia das abellas e a necesidade de prohibir os pesticidas causantes dunha gran parte da mortandade das abellas a nivel mundial falou Luis Ferreirim, responsable de Greenpeace da campaña "Salvemos ás Abellas". Con esta campaña a organización ecoloxista leva tempo divulgando na sociedade a importancia dos polinizadores, xa que deles depende a polinización do 90% das plantas con flores.

Uso de químicos

Segundo estudios de Greenpeace, explicou Ferreirim, un dos principais causantes desta situación é o modelo agrícola industrial, baseado no uso de químicos. Pero este problema ten unha solución directa, a prohibición dos pesticidas. Greenpeace, basándose sempre en información científica, reivindica a prohibición total dos cualificados como máis tóxicos, pero habería que continuar co resto, ata que se reduza polo menos ata o 30 % do seu uso. Para conseguilo, esta organización está levando a cabo a campaña “Salvemos ás abellas”, coa que leva xuntado máis de 400.000 sinaturas, e está presionando os governos para que finalmente apoien esta prohibición, que xa aconsellou a Comisión Europea dende o ano 2013.

Tamén Bee Life, a Coordinadora Apícola Europea da que forma parte AGA, cre é é absolutamente necesario protexer a polinización para mellorar a produción e seguridade alimentaria. Para isto, di, é preciso reducir a toxicidade dos seres vivos, realizar un monitoreo dos polinizadores, analizar o contido de pesticidas na auga e no pole e considerar as abellas como un factor de produción de apoio á agricultura. 

Os asistentes á xornada tamén puideron facer consultas ós apiterapeutas José Castro e Leonor Varela, que ofreceron información sobre os beneficios deste tratamentos que utilizan os produtos das abellas para solucionar moitos problemas de saúde. E na feira de material apícola, amosáronse as últimas innovacións apícolas, como a colmea termosolar, que presentou Celso Cadahía e Leona Rehakova e tamén José Mª Bello explicou en que consiste o método Astiz, un novo sistema de protección fronte a velutina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 FRIJOL PRAGA DO CAMPO

Desde que desgoberna o faron frijoles caeron sobre a inocente Galiza e o campesinado todalas pragas bíblicas: vespas asasinas velutinas, xeadas escarallantes dos viñedos, moscardas dos castiñeiros, bolboretas que meten os vermes nas patacas, gorgoxos dos piñeiros, os lumes que arrasan os montes, os xabaris que toman o banquete nas hortas, pero onde imos parar di o pobo galego... esperaremos a ter cascudas dun metro correndo polas nosas casas? non nos damos conta que é todo un castigo Divino por ter os gobernantes que temos DO PARTIDO POPULETA PP??? DEUS NOS ESTA CASTIGANDO POLA CORRUppCION DELES!!!!

1 Mame a das zocas

Por curiosidade, inclúeste ti na lista?