Unha escola para emancipar?

Por Xabier Ron | | 18/06/2010

Comparte esta noticia

Se nos deixamos levar pola escuridade destes desacougantes días, onde todas as novas veñen a abafar as nosas perspectivas vitais, un podería ter a tentación de sentarse na soleira da porta da casa e ver o tempo pasar ata que, de forma definitiva, pase por riba de nós.

Pero non. Fronte á perfecta estratexia da escola da resignación que é o capitalismo, cómpre pensar e repensar que escola queremos e, sobre todo, que educación queremos e para que.

Dicía, non hai moito, o mestre de mestres que é Herminio Barreiro, que cómpre cambiar a educación para poder cambiar os parámetros que rexen a nosa sociedade. E ten razón.

En efecto, durante moito tempo pensouse que a escola era como unha illa, onde o saber e o coñecer eran a resistencia axeitada para que os e as discentes se puidesen enfrontar ao mundo con garantías. A escola era a forxa da cidadanía crítica e ben informada. Arcadia resistente e utópica ou inxenuidade, o certo é que todo o que envolve á illa-escola (familia; medios de comunicación; sistemas de aprendizaxe e conduta social; etc...) é demasiado poderoso e, por riba de todo, achega o ruído educativo principal co que se configura o alimento do intelecto de alumnos e alumnas.

Fronte a ese ruído cabe preguntarse que facer: se axeonllarse e deixar que o discurso dominante impregne pupitres e libros de texto, ou ben manterse resistentes, críticos co sistema imperante, ben ergueitos, orgullosos do traballo e conscientes do duro labor de educar ensinando.

A primeira escolla responde ao prototipo do que Chomsky define como deseducación, onde o exército de docentes responde aos desexos do aparato burocrático do Estado e desenvolve os preceptos axeitados para que alumnos e alumnas se adapten á vida en sociedade. Programas e leis educativas aprobadas baixo o bisturí do discurso dominante alimentan os seus textos cun argumento tan sensible como competitividade, animando a que o alumnado se lance, entusiasta, a competir e demostrar que é o mellor. O triunfo da meritocracia da que François Dubet alerta sobre a súa condición xeradora de desigualdade sobre todo nos “derrotados”, nos “inadaptados”. A adaptación ao medio significa non ver a dimensión crítica da historia e implica a resignación do presente que nos toca vivir.

A segunda escolla inscríbese no sendeiro de pensadores coma Heinz Wismann, onde as tarefas educadoras da escola recollen a forza da etimoloxía. Así, educere, “levar fóra de”, sería un proceso mediante o cal liberamos ao alumno e alumna das forzas do contexto que lle impoñen unha forma de ser e de pensar. Esta escolla procura a emancipación do alumnado. Liberar o pensamento como dirían os mestres da República. Por iso foron os máis represaliados: eran liberadores de pensamento e iso, para o discurso dominante, é insoportable.

Emanciparse significa dotarse de razóns suficientes para analizar criticamente a realidade que nos envolve. Significa non ignorar a historia que nos dá forma como pobo e extraer da memoria o que é xusto.

Dous camiños, dúas opcións: ensinar como adaptarse ou ensinar como emanciparse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Ron Nado en Lyon (Francia), 16 de febreiro de 1970. Licenciado en Filoloxía Románica pola USC. Na actualidade docente de lingua francesa no CPI Pontecesures. Especialista na lírica dos trobadores románicos, sobre todo do cancioneiro galego-portugués, dos que versa a súa tese de doutoramente, en fase de elaboración. Activista político e social, milita no Partido Comunista de Galicia, sendo membro do Comité Central; é igualmente membro da executiva de Esquerda Unida, onde desenvolve a responsabilidade de Secretario de Movementos Sociais; coordinador comarcal de Esquerda Unida en Compostela. Vencellado ás reivindicacións do movemento migratorio de Galicia é membro do Foro Galego de Inmigración desde a súa creación. É deputado por AGE no Parlamento galego.