Os peritos apuntan que o acusado de matar á súa esposa no Hospital de Ourense non sufriu un trastorno transitorio

Forenses e psicólogos coinciden en que trata de aparentar estar máis danado do que realmente se atopa

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2017 | Actualizada ás 16:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os peritos que realizaron os informes psicolóxicos de Aniceto R. (79 anos), o home que presuntamente asasinou á súa esposa Isabel Fuentes (66 anos) no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) o 8 de maio de 2015, non apreciaron que o acusado sufrise algunha enfermidade mental no momento do delito e consideraron que tenta presentarse máis danado do que realmente está.

Así o sinalaron durante a terceira das xornadas do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Ourense contra Aniceto R., por dous delitos de intento de asasinato e de asasinato consumado, na que tamén se confirmou que o sangue que apareceu na suposta arma do crime pertence soamente ao acusado e que non contén restos do ADN da súa esposa.

Os forenses que realizaron os informes para determinar a capacidade intelectual e cognitiva do acusado no momento dos feitos sinalaron este mércores que as súas análises "non evidencian fenómenos psicolóxicos que afectasen á capacidade cognitiva (do acusado) no momento do delito".

As súas conclusións baséanse en que o acusado non tiña ningún antecedente médico, e que as entrevistas coa filla e a sobriña de Aniceto R. non revelaron "nada", salvo certo "ensimismamiento e illamento".

Para os forenses este estado era "congruente" coa situación que vivía, coa súa muller ingresada no CHUO tras unha agresión no domicilio conxugal, e non apreciaron que no momento dos feitos puidese sufrir unha enfermidade mental.

INTENTO DE "SUICIDIO LÚCIDO"

Respecto das explicacións sobre a suposta autolesión tras acabar coa vida da súa esposa, que lle produciría un ictus que minguaría a súa mobilidade e capacidades intelectuais, os forenses apuntaron a posibilidade dun intento de "suicidio lúcido", que "vén detrás duns feitos" e que pode producirse por "unha situación de tensión, ansiedade ou elaborada".

En relación ás lesións cognitivas que lle provocou a lesión, os forenses apuntaron que as probas realizadas a Aniceto R. "suxiren que tenta presentarse máis danado do que realmente está" e que sufriu un "dano cognitivo leve" que non afecta á súa capacidade procesual.

Este extremo foi reiterado polas psicólogas que lle realizaron o test para detectar se o acusado simula o seu estado mental e que incidiron en que "en termos xerais" as probas "suxiren que o home tenta presentarse máis danado do que está".

O SANGUE DO COITELO É DO ACUSADO

Os peritos da Policía Nacional que se encargaron de analizar as probas recollidas na habitación do CHUO confirmaron que as análises das mostras de sangue do coitelo (no fío, o mango e nunhas letras) revelan que pertencía ao acusado, pero que non hai restos de ADN de Isabel Fuentes.

O xuízo tamén contou coa declaración dunha das curmás da vítima, que reside habitualmente en Andorra, que tras a primeira agresión na casa de Pazos (Verín) pasou case unha semana co seu familiar na UCI do CHUO.

A muller relatou que a súa curmá reaccionaba aos estímulos que ela lle daba en forma de bicos e caricias, pero que o seu marido "sentaba e non se achegaba".

Na súa declaración a muller apuntou aos motivos que puideron levar a Aniceto a escoller a noite do oito de maio para acabar coa vida da súa esposa.

Así, sinalou que esa noite "por primeira vez non había ningún familiar" coa outra muller que ocupaba a habitación e que ela lle comentou a Aniceto que a partir do día seguinte chegarían uns curmáns de Madrid para pasar as noites con Isabel.

Os FEITOS

O asasinato tivo lugar o 8 de maio de 2015 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, CHUO, cando o acusado presuntamente asasinou á súa esposa cravándolle un coitelo no peito. Tras a agresión mortal o procesado deuse a si mesmo varias puñaladas no abdome, brazo esquerdo e pescozo, que lle provocaron unha hemiplejía e infarto cerebral.

A muller atopábase ingresada e estaba a se recuperar dun forte traumatismo cranioencefálico que, segundo relatara o seu marido, provocáranlle uns ladróns que tentaran entrar na súa casa a madrugada do 2 de abril.

Desde un primeiro momento a Garda Civil descartara a tese dunha agresión por roubo, xa que non atoparan a porta forzada e as investigacións apuntaban a unha posible agresión por parte do marido.

PETICIÓN DE PENAS

O home enfróntase a unha pena que oscila entre os 39 anos que pide a Fiscalía e os 49 que reclama a acusación particular exercida pola familia da vítima, por senllos delitos de asasinato tentado e asasinado consumado.

A defensa reclama sete anos, tres por un delito de lesións (por mor da primeira agresión, no domicilio conxugal) e catro por homicidio consumado, no que reclama unha atenuante en base a un trastorno mental do acusado.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta