Límite antidemocrático ao autogoberno

Finalmente, e con catro anos de retraso, o Tribunal Constitucional emite o seu fallo sobre o recurso plantexado polo Partido Popular ao texto do Estatuto de Cataluña.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 01/07/2010

Comparte esta noticia

Un Tribunal claramente deslexitimado, cun maxistrado recusado, outro morto e catro máis co seu mandato expirado, decide por límites ao aprobado, en forma de esmagante maioria, polo Parlament e o pobo de Cataluña, marcando, polo tanto, límites antidemocráticos aos desexos democráticos dos cidadáns dese territorio.

Dos 220 artigos do Estatuto catalán, 14 son considerados inconstitucionais e 27 pasan a ser "reinterpretados" nunha liña máis restritiva. O fallo sinala de forma obsesiva a indivisibilidade de España como se dun dogma de fé se tratase e mantén o actual sistema centralista no Poder Xudicial ademáis de eliminar certos puntos referidos a un novo réxime fiscal, co que queda definitivamente pechada a porta a un modelo de concerto económico similar ao do Pais Basco e Navarra como o que Converxencia propón para Galicia, na liña do federalismo fiscal que propugna a ideoloxía liberal.

Quen marca os límites das regras de xogo para todo o sistema institucional e político español nen sequera é capaz de respetar as suas propias regras de xogo en canto a renovación dos seus integrantes e emite un fallo máis político que xurídico tanto no fondo como nos tempos, todos os maxistrados do TC nomeados polo PSOE votan a favor da sentenza e todos os nomeados polo PP fano en contra, o que nos remite á politización bochornosa e á falta de independencia do poder xudicial nunha arquitectura do estado, mangoneada por PP e PSOE e nada escrupulosa nas suas formas democráticas.

Que sexan os maxistrados do PSOE os que votan a favor desta sentenza contraria ao desexo democráticamente expresado pola cidadanía de Cataluña, indicanos que esta sentenza marca o fin da transición e o comezo dunha involución no proceso de descentralización do Estado. Coa presente sentenza queda fixado, claramente, o límite de autogoberno ao que se pode aspirar co actual texto constitucional xa que a actual correlación de forzas no TC era a máis sensible posible (dentro da partitocracia española) ao feito diferencial. E ese límite afecta, non só a Cataluña, senón tamén a todas aquelas nacionalidades que aspiren á profundización do autogoberno, entre as que está o noso País.

O desprestixio das institucións do Estado Español chega a uns niveis escandalosos: PP e PSOE non só non se poñen de acordo para renovar os membros do TC, senón que tamén queda no limbo a renovación do cargo de "Defensor del Pueblo", cuxo mandato expirou o 30 de xuño. A situación de interinidade dalgunhas institucións estatais é verdadeiramente preocupante.

Pensar nunha reforma da Constitución que teria que ser consensuada polos mesmos partidos que non se poñen de acordo nen para renovar o TC, nen para renovar o cargo do “Defensor del Pueblo”, nen para casa nada, indicanos que a Constitución de 1978 é estructuralmente irreformable, e que as duas Españas se puxeron de acordo nas circunstancias excepcionais da transición cun resultado que, naquel momento, supuxo un logro, pero que visto en perspectiva é bastante defectuoso e que co paso dos anos estará cada vez máis inadaptado á cambiante realidade.

A cidadania dos territorios con identidade propia teremos que valorar se queremos seguir ancorados antidemocraticamente a este esclerótico amarre. A previsible derrota definitiva dos asasinos descerebrados da ETA deixará sen coartada aos plantexamentos dogmáticos e a verdadeira faciana antidemocrática dos centros de poder de Madrid aparecerá con toda a sua fealdade. Eu propoño desde xa a constitución dun Estado Federal Europeo, coa arquitectura da democracia liberal europea, que PP e PSOE non saben ou non queren imitar, e ao que Galicia esté directamente federada sen intermediarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA