Podio para Martín Bouzas

O ciclista de Rois, de 19 anos, outorga o bronce á Selección de Galicia na CRI sub-23 dos Campionatos de España de Soria, o seu terceiro metal en tres anos consecutivos. A viguesa Paula Sanmartín, cuarta.

Por gcdeportes | Compostela | 23/06/2017 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

Terceira medalla consecutiva para Martín Bouzas. Arrincaron este venres en Soria os Campionatos de España de ciclismo en estrada e fixérono con presenza galega no podio. O ciclista de Rois, con tan só 19 anos, defendía o título sub-23 de contrarreloxo acadado o ano pasado en Alacante, pero desta volta tivo que conformarse co bronce, o seu terceiro metal en tres anos no campionato estatal.

A entrada de Martín Bouzas na meta de Soria.
A entrada de Martín Bouzas na meta de Soria. | Fonte: @RFEC

Empregou 25 minutos e 3 segundos o ciclista do Supermercados Froiz en completar os 18,9 quilómetros de percorrido, quedando a 13 segundos do gañador, Jaime Castrillo (Aragón), e a 9 do segundo clasificado, Sergio Samitier (Aragón). Os dous aragoneses tamén superaron ao representante da Selección de Galicia no punto intermedio (KM 10,5), onde Samitier foi 7 segundos máis rápido que Castrillo e 10 que Martín Bouzas.

“Fixen moi boa crono e estou moi contento. Non cometín ningún erro e calculei á perfección os puntos nos que tiña que apertar. Non se puido gañar porque dous rivais estiveron máis fortes e foron superiores. Non hai outra explicación”, sinalou o de Rois. Para Martín Bouzas, de segundo ano na cateoría sub-23, este metal supón prolongar a súa espectacular xeira: no 2015 proclamouse campión júnior de contrarreloxo e o ano pasado sub-23 da mesma modalidade. “Este bronce é un pasiño máis. Vou sumando resultados para seguir avanzando e poder algún día chegar aí arriba”, sinalou.

A participación da Selección de Galicia nesta proba completouna Diego González. O coruñés do Club Ciclista Rías Baixas rematou 22º a 1:49 de Jaime Castrillo. Tanto González como Bouzas volverán competir este sábado na proba en liña.

Paula Sanmartín, cuarta sub-23

A continuación chegou a quenda das mulleres elite e sub-23 sobre o mesmo percorrido. A galega Paula Sanmartín foi a quinta mellor sub-23 cun tempo de 32:10, a tan so 1 segundo da cuarta Miriam Gardachal (Navarra) e a 22 segundos da terceira clasificada Julia Rodríguez (Castela e León). A viguesa do Bioracer Elmet ocupou a 16ª praza na táboa absoluta. Pola súa banda, a súa compañeira de selección Sandra Moral finalizou 28ª. A elite do Cidade de Lugo-Esturión detivo o reloxo en 34:40.

Martín Bouzas, coa súa medalla de bronce na CRI sub-23.
Martín Bouzas, coa súa medalla de bronce na CRI sub-23. | Fonte: @RFEC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta