A DGT prevé case dez millóns de desprazamentos nas estradas galegas durante o verán

Este venres arrinca a primeira operación especial de tráfico

A CORUÑA | 29/06/2017 | Actualizada ás 14:26 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Dirección General de Tráfico (DGT) prevé case dez millóns de desprazamentos durante este verán nas estradas de Galicia, o que supón un "incremento" respecto dos 9,2 millóns de movementos do ano pasado.

Atasco na AP-9
Atasco na AP-9 | Fonte: Europa Press

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, presentou este xoves as principais cifras e previsións da Operación Verán de Tráfico, que se inicia este venres 30 de xuño ás 15,00 horas.

Ante os medios de comunicación, Villanueva estivo acompañado pola coordinadora da DGT en Galicia, Vitoria Gómez, e o xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, o tenente coronel Francisco Javier Molano.

A DGT prevé que durante os meses de xullo e agosto se efectúen na área noroeste da Península 9.790.000 desprazamentos, un 11% dos previstos en todo o territorio nacional.

Así, durante o mes de xullo prevese que se produzan 4.350.000 desprazamentos, mentres que durante o mes de agosto está previsto que se incremente o número de vehículos nas estradas galegas, chegando aos 5.005.000 desprazamentos.

RECOMENDACIÓNS

Ante este aumento do tráfico, Villanueva pediu "responsabilidade" aos condutores, a quen aconsella "adecuar a velocidade ao tipo de vía e ás condicións climatolóxicas".

Así mesmo, aconsella revisar o vehículo e planificar a viaxe antes de iniciar o desprazamento. Tamén reclamou unha especial atención a ciclistas e peóns porque deben "facerse ver" aos vehículos.

Ademais, ante o incremento de circulación de bicicletas, Villanueva pediu "precaución" aos condutores, a quen chama a "manter a distancia de seguridade" cando circulen preto dun ciclista.

Pola súa banda, ante a "gran accidentalidade" deste ano entre o colectivo ciclista, a coordinadora da DGT fixo fincapé na necesidade de levar unha correcta sinalización cando se transporten bicicletas no vehículo. "Hai un sinal específico para iso", asegura.

PUNTOS CONFLITIVOS

Respecto dos puntos de especial conflitividade o delegado do Goberno sinalou que na provincia da Coruña existen doce puntos conflitivos pola previsión de retencións; en Lugo está rexistrada unha estrada con posibilidade de retención de tráfico, mentres que outros tres están en obras de mellora do firme.

Mentres que en Ourense os puntos conflitivos elévanse a 17, sendo 14 deles correspondentes a estradas con obras de mellora; e finalmente en Pontevedra súmanse 7 vías con puntos conflitivos, especialmente ao coincidir cos accesos a praias e 4 con obras de mellora e acondicionamento.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta