A Xustiza recoñece por primeira vez en España o dereito a indemnización a un funcionario interino da Xunta

A sentenza recoñece 20 días por ano traballado a un profesor funcionario interino, cesado tras unha substitución, e equipárao a un despedimento por razóns obxectivasNa Xunta de Galicia a porcentaxe de persoal laboral temporal é moi alto, alcanza o 36% do todo o persoal laboral e supón un total de 3.600 traballadores.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/07/2017 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) conseguiu unha sentenza que recoñece, por primeira vez en toda España, o dereito a indemnización a un funcionario interino tras o seu cesamento.

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

A sentenza pioneira provén do Xulgado Contencioso Administrativo número 2 da Coruña e recoñece o dereito dun docente, F.L.R, a percibir unha indemnización polo período no que estivo a cubrir unha substitución. A sentenza, "contra a que só cabe recurso ante o Tribunal Supremo", recoñécelle unha indemnización de 20 días por ano traballado, similar á que corresponde a un despedimento por razóns obxectivas, técnicas, económicas, organizativas ou de produción.

O xuíz entende que o funcionario interino ten o mesmo dereito que os empregados temporais en réxime laboral da Administración Pública, como sucedeu na sentenza do auxiliar administrativo Diego Porras, que motivou a chamada de atención do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Esta sentenza, segundo apunta CSIF, "abre a porta a miles de reclamacións, por exemplo, de profesores interinos que son cesados durante os meses de verán para reincorporarse en setembro co comezo do curso escolar". Soamente no mes de xuño, foron cesados 51.487 persoas, a cifra máis alta do últimos nove anos. Pero tamén ocorre o mesmo noutros sectores das Administracións Públicas onde a taxa de postos cuberta por funcionarios interinos é moi alta.

Outras sentenzas

Ata a data, os tribunais unicamente pronunciáronse a favor do persoal laboral das administracións (persoal contratado conforme ao Estatuto dos Traballadores), aínda que non se recoñecía este dereito aos funcionarios interinos (funcionarios que por razóns de necesidade ou urxencia son nomeados para cubrir prazas vacantes, realizar substitucións ou afrontar exceso de tarefas ou programas, como ocorre en ámbitos como o Ensino, a Xustiza ou a Sanidade). Calcúlase que en España hai unhas 250.000 persoas nesta situación.

"CSIF valora de maneira positiva esta sentenza gañada polos seus servizos xurídicos, que pon de manifesto a necesidade de abordar de maneira inmediata o proceso de estabilización do emprego público no conxunto das comunidades autónomas, dado que podería producirse un aluvión de reclamacións e a saturación dos xulgados", destaca.

O caso especial na Administración da Xunta de Galicia

Como consecuencia das sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea as indemnizacións do persoal laboral fixo e persoal laboral temporal foron equiparadas en 20 días por ano traballado.

Para evitar o ter que indemnizar a este persoal en caso de cesamento ou despedimento, a Xunta de Galicia, a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos da Comunidade Autónoma, modificou a Lei de Emprego Público incluíndo unha Disposición pola cal se establece a "transformación en postos de traballo de natureza funcionarial daquelas postos vacantes que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal". É dicir, a Xunta con esta Disposición o que pretende é converter en funcionarios interinos ao persoal laboral temporal para evitar así o pago das indemnizacións en caso de despedimento ou de amortización dos postos de traballo.

E é que na Administración Xeral da Xunta de Galicia a porcentaxe de persoal laboral temporal é moi alto, alcanza o 36% do todo o persoal laboral e supón un total de 3.600 traballadores aos que, en caso de convertelos en interinos, non se lles indemnizaría. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta