Por gcdeportes | Compostela | 02/08/2017 | Actualizada ás 08:52
O novo proxecto do Santiago Futsal para o curso 2017-18 comezou a rodar este martes, na que será a 15ª campaña consecutiva do conxunto compostelán en Primeira División, de novo co obxectivo de acadar a permanencia na máxima categoría canto antes.
A primeira cita, recepción oficial aos xogadores no Fontes do Sar por parte do club, co presidente Ramón García, e presentación co corpo técnico do primeiro equipo. A continuación, as pertinentes probas médicas na Clínica Amerguín e pola tarde primeiro contacto co balón tras o parón vacacional, nunha sesión celebrada no pavillón municipal de Santa Isabel.
A estrutura do equipo mantén, case na súa totalidade, o bloque da pasada campaña, ao que se suman tres incorporacións: Everton, Iago Barro e Álex Verdejo. Á experiencia de Hugo Sánchez, David Palmas e Santi, súmase a determinación de Antonio e Álex Diz e Juanjo Catela, que cumprirán a súa terceira temporada no equipo compostelán. Armando, Víctor López, Álex Velasco e Ismael cumprirán o seu segundo ano consecutivo ás ordes de Santi Valladares.
Pola súa banda, Brian Niebla e Gonzalo Alonso, xogadores do filial, incorporaranse ao plantel para realizar a pretemporada. Ademais, haberá dous xogadores que adestrarán co primeiro equipo durante este período preparatorio: Blai Pascual, procedente do Denia FS, e Ezequiel Montero ‘Zeki’, do Xerez FS. Un total de 17 xogadores que traballan xa ás ordes do corpo técnico que dirixe un ano máis Santi Valladares.
Durante todo o mes de agosto alternarán sesións de traballo físico con adestramentos tácticos. Á espera de pechar o calendario de partidos de preparación. O Santiago Futsal debutará na LNFS o 15-16 de setembro a domicilio contra Osasuna Magna.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.