Temas: TRANSFUGUISMO

Os votos do PP permiten a un edil expulsado do PSOE ser alcalde de Coristanco

Terra Galega denuncia intentos de suborno e que levará o caso aos xulgados, o PP expedienta aos seus concelleiros e Gerpe, o novo alcalde, alega que só Madrid o pode botar do partido.

Por E.P. | Coristanco | 25/08/2017 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

Abraham Gerpe, o concelleiro expulsado do PSOE en Coristanco, logrou o bastón de mando deste municipio coruñés ao prosperar a moción de censura presentada contra Amancio Lavandeira (Terra Galega) co seu voto e o seis do PP.

Laura Mariño, Amancio Lavandeira e  Abraham Gerpe o día da toma de posesión do segundo
Laura Mariño, Amancio Lavandeira e Abraham Gerpe o día da toma de posesión do segundo | Fonte: Que pasa na costa

Aínda que o xa exsocialista está actualmente no grupo do non adscritos, o seu voto foi considerado válido no pleno que se celebrou este venres e que foi considerado "ilegal" por quen ata agora exercía a alcaldía.

É por iso que Lavandeira anunciou accións legais, ao entender que non é posible aceptar o voto dun edil expulsado dun grupo en base aos cambios normativos para frear o transfuguismo.

En concreto, segundo a modificación da Lei orgánica do réxime electoral xeral (Loreg), o voto dos edís que xa non se atopan nos grupos polos que concorreron ás eleccións (neste caso, son non adscritos unha concelleira de Terra Galega e o do PSOE) non suma.

Por este motivo, para que se aprobase a moción de censura en Coristanco, o PP necesitaría sumar un voto máis ao seu seis representantes. Podería saír, ben da única concelleira do BNG, Laura Mariño, ou dalgún integrante de Terra Galega.

GERPE, "TRÁNSFUGA"

Así o fixo constar, xa antes do pleno, a propia Laura Mariño, quen presidiu a mesa por tratarse da máis nova da corporación. En concreto, advertiu de que a sesión plenaria non debería celebrarse por non darse os requisitos legais e chegou a tachar de "tránsfuga" a Gerpe, en liña co argumento do xa exalcalde Amancio Lavandeira.

Pola contra, Gerpe puxo en dúbida a validez do documento da executiva provincial do PSOE no que comunicaba a súa expulsión como portavoz municipal e o seu paso ao grupo do non adscritos.

É máis, a pesar de non ser militante socialista, na súa intervención defendeu que só Ferraz ten a capacidade de expulsalo.

Finalmente, ao facerse valer o voto do concelleiro de máis idade --Luís Souto, do PP--, aprobouse a celebración da sesión plenaria na que saíu adiante o cambio de rexedor.

Esta decisión choca coa postura da dirección provincial do PP, que optou por "dar por pechado" este asunto co argumento de que non se daban "as condicións legais" para que a censura saíse adiante. De feito, este mesmo venres anunciou a apertura dun expediente disciplinario aos seus concelleiros en Coristanco.

ARGUMENTOS DA MOCIÓN

Como nas últimas semanas, os promotores da moción denunciaron un "autoritarismo exasperado" na xestión do alcalde e o gasto de diñeiro en actuacións de "nulo impacto" no municipio. De igual modo, cualificaron de "insustentable" a situación.

No seu discurso, Gerpe volveu apelar á vontade da militancia socialista de Coristanco para xustificar a moción de censura en contra da vontade dos órganos do partido, á vez que exhibiu unha decena de fotos para mostrar a existencia de "deficiencias" en instalacións municipais. "E logo presumimos de goberno e de quitar débeda en tempo marca", ironizou.

"Eu vin para representar ao pobo", sentenciou, e recalcou que a súa decisión de subscribir a moción de censura obedece á súa intención de "beneficiar" ao municipio. A pesar diso, durante a súa intervención ante o case centenar de asistentes ao pleno escoitou algún berro de "corrupto".

Por parte do PP, tomou a palabra o concelleiro Juan García e non o seu portavoz municipal e exalcalde de Coristanco, Antonio Pensado. E fíxoo para soster que é "xusto para os veciños" que se produza un cambio de goberno, xa que o concello está "sen perspectivas de futuro" e con "posibilidade real de que se perdan proxectos importantes".

O PP, "ARTÍFICE DA MOCIÓN"

Na súa contestación, Amancio Lavandeira sacou a relucir "intentos de suborno a concelleiros de Terra Galega", denunciados en Fiscalía hai meses, para suxerir unha vinculación con esta moción de censura.

E, tras criticar a herdanza que recibiu do PP no Consistorio, considerou a este partido "o verdadeiro artífice" da manobra para retirarlle do cargo e a Gerpe como "cómplice".

Así, acusou aos populares de deixar un concello con "débedas" e contrapuxo esta xestión coa súa, que deixa as "contas saldadas". En canto ao exsocialista, reprochoulle non impulsar iniciativas cando formou parte do goberno tripartito.

"Todas esas obras eran da súa competencia", replicou ás fotos mostradas por Abraham Gerpe, non sen afearlle estar a actuar "ás costas do seu partido" para acceder á alcaldía.

"ANSIA DE PODER"

Finalmente, a concelleira nacionalista admitiu que a xestión de Terra Galega é "nefasta", pero censurou a "ansia de poder desmedida" que ve tras a moción de censura.

E, para argumentar o seu rexeitamento, deixou claro que o Bloque non vai "de golpista pola vida". "E menos, da man do PP", salientou a modo de conclusión.

Temas: TRANSFUGUISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta