A maioría das vítimas da violencia machista son mulleres novas e con fillos

Un estudo realizado na área de Santiago de Compostela describe as características e circunstancias dos malos tratos. Case sete de cada dez denuncias remataron en sentenza firme condenatoria contra o agresor.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As vítimas de violencia de xénero son, principalmente, mulleres novas —cunha media de 36,6 anos—, de nacionalidade española (82,91%) e con fillos (69,85%). Así o conclúe un estudo retrospectivo dos casos que pasaron pola Fiscalía de Área de Santiago de Compostela e con sentenza firme condenatoria, durante un período de oito anos. En total, analizáronse 398 casos, entre os que o 39,70% foron casos de mullres casadas, o 40,45% tiña emprego remunerado e o 53,52% presentou un nivel socioeconómico baixo.

Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes
Imaxe ilustrativa sobre o machismo e os abusos as mulleres estudantes | Fonte: uvigo

No que respecta ao perfil dos agresores, estes teñen unha idade media de 39,5 anos, con predominio de españois (85,93%), Ademais, 37,44% presenta un nivel socioeconómico baixo.

Outro dos aspectos analizados foron as circunstancias nas que se produciron os malos tratos. Os investigadores comprobaron que no momento da agresión o 56,03% das parellas convivía e un 62,22% compartía a vivenda cos fillos.

Os malos tratos foron, principalmente, unha combinación de abuso físico e psicolóxico (43,72% dos casos) e producíronse sobre todo no domicilio (65,08%). Ademais, as agresións foron maioritariamente presenciadas por terceiras persoas (64,57%).

Como consecuencia da agresión o 53,02% das mulleres sufriron lesións físicas, basicamente contusións ou hematomas (41,21%), localizadas principalmente nos membros superiores (26,88%) e na cara (24,37%).

Do total de 580 casos clasificados como violencia de xénero na Fiscalía de Santiago de Compostela en oito anos, no 68,6% os feitos foron probados e o acusado foi declarado culpable

Os resultados do estudo preséntanse na Revista Española de Medicina Legal. O traballo está asinado por expertos do Departamento de Ciencias Forenses, Anatomía Patolóxica, Xinecoloxía e Obstetricia, e Pediatría, Instituto de Ciencias Forenses e Instituto de Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, e do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta