Temas: PP RAJOY FEIJóO

Feijóo defende a “política á galega” que practica Rajoy

O PP inaugura en Galicia o curso político, como xa é tradición, co presidente do partido á fronte.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 27/08/2017 | Actualizada ás 15:32

Comparte esta noticia

O presidente do PPdeG e presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este domingo a "política á galega" da que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, é "o mellor embaixador", e subliñou que esa política "significa falar pouco e traballar moito". Así o proclamou durante a súa intervención no acto de apertura do curso político que o PP celebrou en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), e no que, ademais de Feijóo, participaron o presidente do Goberno e do partido, Mariano Rajoy; e o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda; e no que estiveron presentes o ministro de Xustiza, Rafael Catalá; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; conselleiros, deputados e alcaldes populares.

Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, de esquerda a dereita
Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, de esquerda a dereita | Fonte: Europa Press

Feijóo agradeceu a "confianza" dos galegos, que lle deron a maioría absoluta nas eleccións autonómicas do pasado ano, e constatou que o PPdeG está "a transformar en feitos" os compromisos expostos. Así, subliñou que, en Galicia, tal e como se prometeu, "hai un goberno que é garantía de estabilidade política, de funcionamento das institucións" e non de "lea nin multipartitos inestables". "A política son feitos, solucións, diálogo, rigor, ser útiles á sociedade. Os galegos rexeitamos o política espectáculo, preferimos a política útil", afirmou.

Nesa liña, defendeu a "política á galega", que "significa traballar máis do que se fala" e tamén "lealdade ao resto de España e aos españois". "É que Galicia mellore día a día e, co presidente Rajoy, que España tamén mellore día a día", incidiu, e proclamou que, fronte a quen din "non" ao diálogo, ao crecemento ou ao turismo, o PP "está a favor" e "contrapón un rotundo si en España e en Galicia".

Feijóo lembrou que, aínda que "hai xente que aínda o pasa mal", "é xusto recoñecer" que España e Galicia están a saír da crise, crecendo por terceiro ano consecutivo. "E Galicia está a cumprir como a que máis. É un mérito colectivo dos cidadáns que non nos poden quitar", apostilou, á vez que lembrou os dous principais "retos" para este curso político: "reforzar os cimentos do progreso económico" e "que a recuperación se traduza para a maioría de fogares".

GALICIA, "MODELO DE ÉXITO"

Na súa intervención, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, eloxiou a xestión de Núñez Feijóo, e sinalou que Galicia "marcou, unha vez máis, o rumbo" ao resto de España. Así, segundo afirmou, a vitoria do PPdeG nas autonómicas do ano pasado "marcou o rumbo da moderación, e a eficacia e o éxito, que sempre van da man".

Rajoy proclamou que "Galicia está a vivir algúns dos mellores anos que se lembran". "Unha Galicia como nos gusta, integrada en España e en Europa, fiel a si mesma, aberta ao mundo e un modelo de éxito como ningún no Estado da Autonomía", concluíu.

Temas: PP RAJOY FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

4 Fada-Laverca

Eu, por exemplo, republicana, marxista libertaria e galeguista votaría por unha forza galeguista integradora, liderada por alguén coma Rafael Cuiña. El representa o que eu son en certa parte, malia que eu estea moito máis á esquerda ca el. Pero nestes momentos precisamos de persoas que unan e integren e Rafael é dos poucos que o poden facer. Gustaríame tamén un PP liderado por Pedro Puig e un PSdG liderado por Gonzalo Caballero. E coma non unha Compostela rexida polo mellor alcalde que polo momento podo imaxinar: Leiceaga.

1 Berros

Cuiña, ponte a traballar que todos sabemos que gostas moito de inventar identidades no internet

3 Fada-laverca

Nunca na miña vida hei de esquecer a quen me fixeron ser estranxeira na miña terra. NUNCA. Agás que houbese medidas (por tímidas que fosen cara a miña lingua). Nunca vos hei de perdoar que me fixésedes sentir estranxeira na miña terra. E sei ben que os que levaron a voz cantante eran os que todos sabemos, pero tamén sei que hai xente de esquerdas que pensa igual ca eles e que hoxe mesmo virá aquí a me insultar. Os vosos insultos choven sobre min. Levo a moito orgullo ser unha das derradeiras mohicanas e saber quen son e de onde veño.

2 Fada-laverca

A ver, eu hoxe por hoxe prefería ser navarra ou vasca. Precisamos unha voz propia e galeguista. En realidade, necesitamos a unión de todos os galeguistas. A min críaronme con valores e co orgullo de ser galega... Pero non quero ser galega así. De feito prefería mil veces que meus pais tiveran emigrado, coma meu pai xa tiña feito, a criarme nunha Galicia na que tiven que escoitar que impoñía a lingua dos meus avós, bisavós, tataravós...

1 Fada-laverca

E isto que quere dicir? A ver, refírese á excelente diplomacia que os galegos (os nosos antergos e hoxe a xente "daldea" que te dicen los de las capetales) de sempre practicamos? Non sei. Pero véñenme á cabeza datos da miña Galicia: http://www.farodevigo.es/galicia/20... https://www.lavozdegalicia.es/notic... http://www.eldiario.es/galicia/pena...