Gómez Noya, a por outro título

O triatleta ferrolán busca este domingo en Tenneesse (13.30 hora galega) o seu segundo Mundial de Ironman 70.3 tralo acadado en 2014 no Canadá, a tan só seis días de disputar a final das Series Mundiais en Rotterdam.

Por gcdeportes | Pontevedra | 10/09/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Con permiso do alemán Sebastian Kienle, vencedor no 2012 e 2013 e campión do Mundo Ironman de Hawai en 2014, é o gran favorito. Xa gañou no 2014 en Mont Tremblant (Canadá), pero foi terceiro no 2015 en Zell Am See (Austria), por detrás de Jan Frodeno, o gran ausente deste ano, e precisamente de Kienle, o principal rival.

Javi Gómez Noya, tras vencer en xaneiro no Ironman 70.3 de Dubai.
Javi Gómez Noya, tras vencer en xaneiro no Ironman 70.3 de Dubai. | Fonte: ironman.com

O ferrolán Javi Gómez Noya, pentacampión das Series Mundiais de tríatlon, busca este domingo en Chattanooga (Tenneesee) o seu segundo título de campión mundial Ironman 70.3 na súa terceira participación. Un novo reto (1,9 kilómetros de natación no río Tenneesee, 90 de bicicleta e 21, medio maratón, de carreira a pé) no que, como el mesmo recoñece, é o seu grande obxectivo, o que máis ilusión lle fai, nesta campaña.

Con 56 triatletas inscritos, a cita será ás 7:30 horas (13.30 hora galega) e poderá seguirse en directo en ironmanlive.com. Para ultimar a súa preparación e adaptarse ao formato sen drafting (con bicicleta de contrarreloxo e sen opcións de ir a roda dos rivais), Gómez Noya participou e venceu a fin de semana pasada no tríatlon Des Moines Escape Triathlon. Este domingo, en Tenneesee, o circuíto será máis esixente e os rivais, os mellores especialistas na media distancia.

Ademáis de Kienle, estará o australiano Tim Reed, que defende o título acadado o ano pasado; Rudi Wield, terceiro en 2016 por detrás de Reed e Kienle; os xermanos Michael Raelert, vencedor en 2009 e 2010, e Andreas Dreitz; o británico Tim Don, terceiro en 2014; e nomes coma o sudafricano James Cunamma e o neozelandés Terenzo Bozzone.

“Una vez reconocidos los recorridos, tengo claro que va a ser un triatlón muy exigente. La primera parte del ciclismo presenta mucho desnivel con varios repechos, mientras que la segunda es más plana. Y el de carrera es durísimo, continuas subidas y bajadas, con lo que no se podrá llevar un ritmo uniforme y habrá que afrontarlo habiendo conservado bien las fuerzas durante el ciclismo”, escribiu Gómez Noya nas redes sociais despois de recoñecer o percorrido. Como na súa vitoria no 2014, o galego tentará quitar vantaxe na natación, para manterse nas primeiras posicións na bicicleta e chegar con opcións de rematar o seu triunfo na carreira a pé.

E todo a seis días da gran final das Series Mundiales en Rotterdam, onde podería acadar o seu sexto título mundial na distancia olímpica: necesita vencer e que o mallorquino Mario Mola, actual líder, non estea entre os cinco primeiros.

Ademáis, de vencer en Chattaanoga, Javi Gómez Noya estaría a tan só un triunfo de ser o primeiro triatleta da historia en acadar a Triple Coroa, cun premio de un millón de dólares que o príncipe Nasser de Bahrain entrega a quen sexa quen de gañar tres probas o mesmo ano: Ironman 70.3 de Dubai, campionato do Mundo Ironman 70.3 e o Ironman 70.3 de Bahrain. O ferrolán xa venceu en xaneiro en Dubai.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta