Temas: BALEAS PESCA CEMMA

As baleas, de industria pesqueira a recurso turístico

O enorme cetáceo que estes días se puido ver en Muros é un de moitos que pasa polas nosas augas, aínda que é moi raro velos vivos.

Por Xurxo Salgado | Cee | 12/09/2017 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Hai uns días unha enorme balea causaba conmoción e sensación na ría de Muros. Foi o patrón maior desta vila, Manuel María Candamo Sendón, o que publicaba nas súas redes sociais un vídeo co afán de permitir que a xente disfrutase desta marabilla.

Trátabase dunha balea azul  --unha especie difícil de ver en Galicia--, o que fixo poñerse aos membros da Coordinadora de Estudo dos Mamíferos Mariños CEMMA a recapitular toda a información que tiñan destes cetáceos. Hai constancia nos datos dun varamento hai anos, pero desde CEMMA din que ata agora nas campañas que fixeron na zona nunca as observaran. Alfredo López, de CEMMA, sinala en QPC que “o animal estaba amedrentado, posiblemente pola pouca profundidade, por facer unha inmersión profunda, por estar cerca da costa ou pola presenza da embarcación, ou por todo xunto. O seu xeito de sair a respirar é temeroso, por iso amosa pouco corpo fóra e unha respiración moi intensa".

Labores de despece da balea no porto de Muros en 2013
Labores de despece da balea no porto de Muros en 2013 | Fonte: CEMMA



Máis avistamentos

Nos últimos anos teñen acontecido outros avistamentos de baleas nesta comarca, moi preto de terra. En 2014 era unha balea varaba morta en Corcubión, mentres que en Muros houbo tamén varamentos en 2011 e 2014. Téñense dado casos de baleas vivas, como a que chegou a Ponte do Porto, en Muxía, no ano 1993, ou máis recentemente unha balea que varou viva no Niño do Corvo, en Ponteceso no ano 2004.

Pero é moi habitual velas máis lonxe da costa. Un dos primeiros estudos sobre a poboación de cetáceos baseado no seu avistamento desde barcos de pesca, asinado en 2003 por investigadores da Universidade de Vigo e Cemma, concluía que "a plataforma continental de Galicia, cun 20.000 km2 de superficie e ata 1.000 metros de profundidade, alberga unha das máis importantes comunidades de cetáceos de todo o litoral español". Dez anos despois, os biólogos consideraban que a poboación destes animais non se reducira.

Segundo datos de Cemma, entre 1990 e 2012, contabilizáronse 8.076 avistamentos na costa galega, onde por outra banda vararon no mesmo período 4.241 exemplares. Unha situación que ten provocado o nacemento de empresas turísticas que ofertan viaxes en barco para ver cetáceos e baleas en augas galegas.

Prohibición en 1985

A caza de baleas en Galicia prohibiuse en 1985, en pleno auxe económico de IBSA e a eclosión das exportacións baleeiras galegas ao Xapón. Entón pecháronse as tres baleeiras que existían no país; a de Morás (Xove), Caneliñas (Cee) e Balea (Cangas), que eran abastecidas por até cinco barcos baleeiros: Lobeira, Carrumeiro, Ibsa I, Ibsa II (que foron afundidos con explosivos nun atentado no porto de Marín) e Ibsa III.

Un peche provocado pola presión ecoloxista, e a decisión do Goberno español, e que deixou na rúa a numerosos traballadores --só na factoría de Caneliñas se chegaran a despezar 200 cetáceos ao ano--. A UE obrigounos a unha reconversión á pesca do peixe espada, que non acabou de funcionar en Galicia.

Dous exemplares de balea no Banco de Galicia
Dous exemplares de balea no Banco de Galicia | Fonte: CEMMA.
Temas: BALEAS PESCA CEMMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Baleeiro

No Museo Massó de Bueu hai unha exposición interesantísima sobre a industria baleeira na Galiza. A entrada é de balde e penso que logo acaba.