Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2017 | Actualizada ás 17:02
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "reformar a Constitución cos que non queren ningunha Constitución española é un camiño estéril", en referencia ao desafío soberanista de Cataluña que, na súa opinión, supón un "golpe de Estado" a través "dunha concatenación de acontecementos" prolongados no tempo.
Feijóo pronunciou estas palabras durante a súa intervención no 'Simposio Internacional: Gerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente' que se celebrou en Santiago e que foi clausurado polo xefe do Goberno central, Mariano Rajoy, quen entregou a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo ao primeiro presidente da Xunta de Galicia.
Nun discurso sobre o Estado autonómico, Feijóo destacou a figura de Albor como un exemplo de "galeguismo próximo, leal, institucional e estatutario" que logrou que Galicia teña "un modelo propio e exitoso" afastado do "despotismo ilustrado" baseado no "pensamento único" que "despreza" a un "pobo abstracto" escrito "en maiúscula".
Así, contrapuxo ese modelo galego do "sentidiño" de Albor fronte a "comunidades que comparten con Galicia a denominación de nacionalidade histórica" pero cuxa "evolución" estivo marcada "nun caso, polo terrorismo" e, noutro, por "quimeras imposibles", que supoñen unha "burla para as institucións democráticas" e que recuperaron "unha palabra desterrada do vocabulario político: traidor".
"Conceptos como independencia ou autodeterminación son anacronismos. Nin Galicia, nin Cataluña nin outro país dotado de personalidade pode aspirar a defendela retrocedendo, senón adaptándose ao tempo", incidiu Feijóo.
"GOLPE DE ESTADO"
Deste xeito, o xefe do Executivo autonómico insistiu, como xa fixera en anteriores declaracións, en que o proceso de independencia iniciado pola Generalitat catalán é o acontecemento "máis grave" ao que se enfronta España desde o golpe de estado do 23F.
Feijóo recuperou a teoría do ex-presidente da República Francesa, François Mitterand, sobre os golpes de estado "prolongados", aqueles que se producen a través "dunha concatenación de acontecementos que teñen lugar en días, meses e mesmo anos". "É o que se vive en Cataluña", apostilou.
A continuación, convidou a "non caer na trampa grotesca de comparar o Estado das Autonomías cun federalismo platónico", á vez que cualificou como "estéril" tentar "reformar a Constitución" con aqueles que "non queren ningunha constitución española".
"VELLOS DESQUITES"
Así mesmo, Feijóo asegurou que "a nova política reivindica unha vella política de vencedores e perdedores" na que "non hai novos valores" senón "vellas vinganzas", para logo contrapor esa idea ao "consenso" promovido por figuras como Albor, que "derrubaron muros" sabendo que "o custo" do consenso "é non satisfacer completamente a ninguén".
Por iso, chamou a que Galicia "escolla o seu camiño de man dos seus dirixentes" e tomando como exemplo o legado do expresidente Gerardo Fernández Albor, un "político excepcional, diferente, nada convencional" que forxou "un galeguismo singular". "A historia puido ser outra de reinar un galeguismo patrimonial ou exclusivo", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.