Unha oportunidade única para os negocios do sector termal e turístico

Máis de 260 empresas e institucións confluirán en Ourense a partir do día 21. Acudirán a Termatalia, a feira do sector que está plenamente consolidada, con presencia de 40 países e 30 operadores de turismo.

Por GC Emprende | Ourense | 19/09/2017 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

A organización informa que  Expourense acollerá o evento os días 21 e 22 de setembro e será de carácter profesional, pero, en todo caso, haberá actividades previas durante toda a semana,  que xa comezou con cursos e rematará o sábado 23 coas Rutas Termais.

Presentación de Termatalia 2017
Presentación de Termatalia 2017

PRESENZA INTERNACIONAL

O país invitado nesta ocasión é México, que xa conta con numerosos empresarios galegos.  A delegación azteca estará liderada polo  Goberno de Coahuila. En total, na feira están representados 40 países procedentes de Europa, América, África e Asia. 

A Bolsa de Contratación Turística desta edición contará con 30 operadores de turismo e almacenistas de viaxes nacionais e internacionais (Alemaña, Arxentina, Chile, Colombia, Dinamarca, España e Finlandia).  

Termatalia servirá de plataforma para a Industria da auga Mineral envasada con actividades como a Cata Internacional de Augas que celebrará a súa 15ª edición ou os Cursos de Hidrosumiller (1º e 2º nivel) impartidos pola catadora Mercedes González. Ademais, a Asociación Nacional de Empresas de Auga Envasada, ANEABE, presentará a súa nova campaña “Claros coa auga”.

PROGRAMA PARA O PÚBLICO EN XERAL

A pesar de que a feira adquire un carácter máis profesional, a organización preparou un completo programa de actividades para “Vivir Termatalia” e promover estilos de vida saudables. Unha das novidades desta edición será a posibilidade de enviar unha postal personalizada e exclusiva de Ourense (tamén selo e cuño oficial)  desde a propia feira onde estará instalado a caixa de correos de Correos, unha acción que conta coa colaboración da Sociedade Filatélica Miño.

Outra das novidades será a área Audiovisual no que se proxectarán os vídeos e anuncios presentados ao Concurso organizado entre a feira e o festival Internacional de Cinema Turístico ART&TUR. 

A feira conta de novo cunha Aula de Alimentación Saudable que inclúe un programa de exhibicións de cociña en directo e degustacións e catas que serán impartidas por chefs de Galicia, Illas Azores (Portugal) e Panamá.  

A Zona Shopping presentará a distintas firmas de moda e tamén a viños e gastronomía de Galicia que se promocionarán ante visitantes internacionais. Termatalia aproveita esta área para potenciar outro dos atractivos de Galicia como “marca-destino”: a moda e a enogastronomía. 

Estas actividades compleméntanse co Bar de Augas, que presentará augas de distintas marcas e categorías de varios países; coa recreación dun Centro Termal, que presenta os últimos equipamentos que se poden gozar nun balneario e coa área de Relax, no que poder gozar de forma gratuíta dunha masaxe. 

Haberá ademais unha Área de Prevención da Saúde, onde se concentrarán colectivos afectados por determinadas doenzas crónicas, e que recibirán información sobre prescricións das augas máis indicadas para as súas necesidades.

O horario de feira será de 10.00 a 19.30 horas xoves 21 e venres 22. Toda a información está dispoñible en www.termatalia.com e nas súas redes sociais. A inauguración oficial da feira será o xoves 21 de setembro ás 12:30 h. e estará presidida pola Secretaria de Estado de Turismo do Goberno de España, Matilde Asián.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta