Almuiña espera que o protocolo de prevención fronte ao suicidio nas aulas estea listo a final de ano

A oposición censura o plan e incide en que non contempla a influencia de factores económicos e o conselleiro replica que "non está demostrada"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2017 | Actualizada ás 15:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ratificou este martes que o plan de prevención co que o seu departamento espera reducir o número de suicidios en Galicia contempla, entre outras medidas, a implantación no sistema educativo dun protocolo de prevención e intervención do risco suicida no ámbito educativo, que se integrará na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.

Nunha comparecencia parlamentaria, explicou que "actualmente estáse a traballar de forma moi activa" coa Consellería de Educación, co fin de "mellorar os procesos de seguimento" dos nenos que sofren de condutas de risco suicida ou outro tipo de patoloxías mentais. "Esperamos que, a finais deste ano, teñamos preparado un proxecto consensuado", sentenciou.

Tamén incidiu, fronte ás críticas da oposición sobre a falta de recursos e dunha estratexia máis ampla, na importancia da coordinación entre autonomías e en que o Executivo traballa coa "axilidade" que pode para desenvolver un plan galego de saúde mental. Sen cifras concretas, avanzou que neste ámbito (o da saúde mental) introduciranse "melloras" nos próximos orzamentos.

O conselleiro, que xa presentara o plan, repasou as súas sete liñas estratéxicas. Á marxe do protocolo educativo, a primeira delas, centrada na coordinación, recolle a creación dunha comisión interdepartamental de coordinación con representantes dos diferentes sectores da sociedade centrados na prevención do suicidio, que promova acordos e instrumentos de coordinación entre os ámbitos sanitario, educación e social.

No apartado de sensibilización e diminución do estigma social, fai fincapé na necesidade de mellorar aspectos relativos ao tratamento informativo sobre esta problemática tanto en medios de comunicación como en redes sociais.

Nesta segunda liña tamén se establecen medidas como a colaboración cos colexios profesionais de xornalismo e psicoloxía de Galicia nunha guía de estilo, co fin de informar simultaneamente de canles de axuda a sobreviventes e familiares, e coas forzas de seguridade do Estado na supervisión da contidos web prosuicidas, especialmente nocivos para nenos e mozos.

No campo de prevención e abordaxe inclúense medidas como a fixación na historia clínica do Sergas dunha codificación que permita tanto facilitar o seguimento do paciente que presentase unha conduta suicida nun momento dado. Como aspecto relevante, Sanidade alude á detección dos trastornos mentais, especialmente o trastorno depresivo maior e o abuso do alcol, "altamente relacionados co suicidio".

LIMITAR ACCESO A MEDIOS LETAIS

A cuarta liña do plan refírese a limitar o acceso a medios letais, impulsando barreiras arquitectónicas que impidan o acceso en "puntos negros" asociados ao suicidio, supervisar a dispensación de fármacos e controlar o acceso a pesticidas.

En quinto lugar, o conselleiro incidiu na formación. Non en balde, subliñou que os axentes de policía local e nacional, bombeiros e outro persoal de primeira liña de intervención son "os primeiros en responder" ante unha emerxencia deste tipo, polo que as súas habilidades e capacidades son "fundamentais" para determinar o curso e resultado desta situacións.

A sexta liña recolle a importancia de ofrecer unha atención específica aos sobreviventes a través de intervencións preventivas e terapéuticas, proporcionándolle ás profesionais ferramentas e técnicas para reducir o impacto persoal e profesional dun suicidio.

Finalmente, no apartado da investigación sobre a conduta suicida, o plan contempla promover as autopsias psicolóxicas para coñecer os factores determinantes, e a creación do Observatorio Galego do Suicidio.

FACTORES SOCIOLÓXICOS E ECONÓMICOS

En fronte, os grupos da oposición criticaron este plan, coincidiron en que chega "tarde", que non aborda os factores sociolóxicos --tales como a incidencia da crise e das dificultades económicas-- e que non conta con respaldo orzamentario. "Levamos anos denunciando o deterioro da saúde mental", esgrimiu a deputada do BNG Montse Prado.

Prado, quen alertou dos "dramáticos" datos de suicidios na comunidade, que "nunca baixan de 300 nos últimos anos", advertiu que o plan supón "un avance" porque "non había nada", pero mostrouse convencida de que é un documento "virtual que só vale para cubrir o expediente e finxir que están a facer algo".

"Chega tarde e mal. Algo chega, pero debería ser un plan completo, un plan de saúde mental, e este nin sequera ten unha dotación económica concreta. As propostas políticas sen dotación económica nin prazos son márketing, pura propaganda", engadiu o parlamentario do PSdeG Julio Torrado, quen coincidiu con Eva Solla (En Marea) en reprobar "un plan de cartón pedra".

Solla tamén aludiu a que se conte con empresas privadas para o deseño deste tipo de documentos da administración --unha consultora limitouse a maquetar, segundo Sanidade-- e incidiu en que non se abordan os factores económicos e sociolóxicos. "Onde está a prevención? Hai que pagar un psicólogo privado, precisamente, as persoas que teñen dificultades económicas? Por que non figuran os determinantes sociais?", preguntou.

"NON SE DEMOSTROU A INFLUENCIA DA CRISE"

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, lamentou a postura da oposición e concluíu que, en vista das intervencións dos distintos portavoces, "non leron o plan". Ao tempo, subliñou que, "aínda que falar de privatizacións e recortes é o recurso de sempre", debería evitarse ante un tema "tan sensible".

"Deberíase fuxir deles, ser un pouco máis serios, estudar o documento. Os datos son os que son e hai factores que inciden, pero non se demostrou que a crise sexa un deles", defendeu o conselleiro, quen aludiu á taxa elevada de suicidios, por exemplo, nalgúns países nórdicos e descartou que se poida vincular coa situación económica.

"A ver se os que non se leron o plan son vostedes", contestou Torrado, quen subliñou que, no propio documento, cítanse varios estudos que si ligan os suicidios coas condicións económicas. "E logo fan unha pirueta espectacular para dicir que non son concluíntes", remarcou, antes de pedir que se faga unha investigación "real".

Pola súa banda, o parlamentario popular Aurelio Núñez Centeno defendeu un plan "participativo" e consensuado, que cualificou, fronte ás críticas da oposición, de "ambicioso e completo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta