Temas: INCENDIOS LUMES

A Xunta repartirá 11,2 millóns da UE entre comunidades de montes para loitar contra os lumes

Os fondos servirán para fomentar a mellora silvícola das masas forestais existentes e conseguir un aumento da superficie forestal arborizada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2017 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A pesar de que aínda non acabou a campaña de lumes deste ano, a Xunta quere xa a comezar a que ben con axudas millonarias para as comunidades de montes. Por iso, mobilizará un total de 11.246.303,85 euros que repartirá entra 422 comunidades de montes en man común.

Souto de castiñeiros
Souto de castiñeiros | Fonte: galiciaunica.es

O obxectivo é realizar accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais. Unhas acións que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Estes fondos, segundo a Xunta, permitirán actuar nun total de 6.404,47 hectáreas de territorio forestal galego nos vindeiros nove meses, o que permitirá que estean rematados antes do inicio da campaña de perigo alto de incendios forestais no verán, que comeza cada 1 de xullo. 

O que se pretende con estas achegas é tanto prever os lumes como poñer en valor o monte, a través de traballos silvícolas e plantacións de árbores vinculado ao incremento dos valores ecolóxicos dos bosques. Os beneficiarios destas subvencións son na súa maior parte comunidades de montes veciñais en man común, xa que representan o 75% do total e acadan arredor do 90% tanto do importe aprobado (correspóndenlles 10,1 millóns de euros) como das hectáreas de actuación (cun total de 5.804,34 ha). 

Tamén recibiron axudas as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, sociedades de fomento forestal (Sofor), outras persoas xurídicas e propietarios particulares de xeito individual.

Plantación de eucalipto
Plantación de eucalipto | Fonte: greenpeace.org

As podas, as máis financiadas

As podas en masas de coníferas son as actuacións cun maior importe e hectáreas aprobados (7,3 millóns de euros e 4.350,78 hectáreas), o que supón o 65,6% e o 67,9% en cada caso, seguidas polos tratamentos silvícolas en masas de frondosas (2,8 millóns de euros e 1.452,80 hectáreas), que acadan así o 25,2% e o 22,7%, respectivamente. Por provincias, a que maior número de beneficiarios acumula é Ourense (con 149, o 35,3% do total), seguida por Lugo (co 31,3%). Tamén Ourense é o territorio provincial con maior importe aprobado e máis hectáreas de actuación (máis da metade do total en ambos casos).

Obxectivos das axudas

Os principais obxectivos destas achegas, segundo a Xunta, pasan por fomentar a competitividade do sector forestal, garantir a xestión sustentable dos recursos naturais e a acción polo clima e lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego.

"Trátase tamén de fomentar a mellora silvícola das masas forestais existentes, con especial atención á consolidación dos bosques de frondosas caducifolias e sobreiras, e de conseguir un aumento da superficie forestal arborizada. Búscanse montes con producións elevadas e de calidade suficiente, que posibiliten o desenvolvemento da industria de transformación da madeira e a consolidación de aproveitamentos complementarios. E, por suposto, promover actuacións preventivas recollidas na lexislación galega sobre incendios forestais", conclúe.

Temas: INCENDIOS LUMES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta