146 días para admirar o documento orixinal coas cantigas de amigo de Martín Codax

O Museo do Mar inaugura este martes a exposición na que se mostrará por primeira vez aos galegos o Pergamiño Vindel, de volta ao país tras 800 anos. A inauguración será presidida polo rei emérito español Juan Carlos I.

Por Galicia Confidencial | | 08/10/2017 | Actualizada ás 13:02

Comparte esta noticia

A exposición do Pergamiño Vindel, un manuscrito con sete cantigas de amigo de Martín Codax, será inaugurada na tarde deste martes día 10 nun acto presidido polo rei emérito español Juan Carlos I, no que se descubrirá unha placa e farase un percorrido pola sala de exposicións do Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

O Pergamiño Vindel, exposto en Vigo
O Pergamiño Vindel, exposto en Vigo | Fonte: UVigo. Vindel

Despois de que o Morgan Library&Museum de Nova York cedese temporalmente o documento á Universidade de Vigo (UVigo), o pergamiño chegou á cidade olívica o pasado 26 de setembro, e actualmente atópase depositado no museo vigués dentro dunha urna especial e nunha estancia acondicionada para albergalo.

Este espazo foi reformado cun investimento de case 200.000 euros para poder "controlar" as condicións de luz, humidade e temperatura de forma que permanezan estables. Trátase, ademais, dun espazo para facer fácil a vixilancia do documento, que se atopa en moi bo estado, debido a que foi restaurado e "moi ben tratado", e a que os materiais son duradeiros.

Con motivo da exposición do Pergamiño, a Xunta organizou unha mostra complementaria que, segundo o seu comisario, Francisco Singul, servirá para "contextualizar" o documento. Así, poderán verse obras de arte galega do século XIII, pero tamén creacións contemporáneas de artistas de Vigo e do resto de Galicia.

Á marxe da mostra no Museo do Mar, que permanecerá aberta entre o 10 de outubro e o 4 de marzo próximos, desenvolverase un amplo programa de actividades, entre as que se inclúen varias citas científicas e académicas, xornadas, congresos, a edición dun libro catálogo, concertos e programas didácticos dirixidos a escolares.

UN DOCUMENTO "ÚNICO"

O xefe de manuscritos medievais e do renacemento do Morgan Library&Museum, Roger S. Wieck, destacou previamente á entrega temporal do pergamiño que, "cando a petición veu desde Vigo, dalgunha maneira tocou os corazóns, porque sería moi especial permitir que este manuscrito único volvese ao lugar do que procede".

O Pergamiño Vindel (s.XIII-XIV) recibe o seu nome do libreiro Pedro Vindel, que o descubriu por casualidade en 1914 na garda interior dun libro do século XVIII, e nel están escritas sete cantigas de amigo de Martín Codax, en tinta negra, e figura o nome do autor na parte superior.

Vindel publicou reproducións pero anos despois vendeuno e o documento pasou por distintas mans ata que o adquiriu o libreiro Albi Rosenthal, que o gardou na súa colección privada. Con todo, en 1970 tratou de vendelo ao Morgan, que "nese momento non estaba interesado", aínda que en 1977 finalmente recoñeceu a súa importancia e comprouno.

Ademais do seu valor literario, este manuscrito ten a peculiaridade de que seis das composicións, non relixiosas e en lingua galego-portuguesa, están acompañadas de pentagramas musicais, sendo, xunto coas de Don Dinís, unha das dúas 'cantigas' manuscritas do século XIII que sobreviviron coa súa música".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Fartísimo

Non irei. Pensaba pasar a fin de semana en Vigo, pero despois disto, xa o podo confirmar: NON. http://www.europapress.es/nacional/... E tamén algúns amigos. Non. Ata Codax estaría de acordo comigo de vivir. Non é non. E moito terá que cambiar nese concello a prol da miña lingua para que eu volva.

3 miguel2323

En Frasespedia hay muchas frases bonitas, fomentemos el amor y no la guerra.

2 Pra ben ser

Fora o bribón da inauguración!

1 lástima de bois

Ollo, que está prestado ata marzo. Se estivera escrito en español sería 'asunto de estado' e non permitirían que fuxise outra vez do seu País, onde Martín Códax lle deu vida. Pero .....está escrito en galego. E non se pode aceptar que o galego fose o idioma culto e oficial, nin no século XII.