Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/10/2017 | Actualizada ás 15:01
O comité Interempresas da CRTVG (Compañía de Radio Televisión de Galicia) posicionouse claramente na crise incendiaria para denunciar as prácticas de manipulación informativa por parte da dirección do ente público, especialmente, o pasado domingo.
Por iso, piden a dimisión do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o cese da responsable de informativos, Concepción Pombo Otero, que non se presentou na redacción ata pasadas as 11 da noite do pasado domingo, pola “nefasta” cobertura informativa que realizaron os medios públicos dos lumes.
Así, tras concentrarse o luns diante das portas da CRTVG, e ler un manifesto na manifestación de Santiago de Compostela ese mesmo día pola noite, o comité decidiu publicar e difundir un vídeo co seu posicionamento e as súas críticas pola manipulación informativa. O comité considera a reacción dos medios como tardía, xa que as críticas contra Televisión de Galicia e a Radio Galega, empezaron a crecer a primeiras horas da tarde nas redes sociais.
Por iso, considera “vergoñenta” a cobertura de dez minutos que se lle dedicou no informativo do mediodía, ademais dun pequeno avance informativo, ao redor de sete minutos ás 8 da tarde, cando os incendios levaban máis dun día converténdose nunha traxedia. Así mesmo sinalan que, no informativo da noite, seguiuse o mesmo pobre esquema do informativo anterior, non chegando ao verdadeiro especial ata as 11 da noite, cando xa era tarde para prestar a información necesaria para reaccionar a unha comunidade asfixiada, que se cobrou a vida de catro persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.