Temas: LUMES INCENDIOS

Falta de medios, caos, pánico, frustración... Así viviron os veciños as peores horas dos incendios

Yanka Soto, da empresa 1.1 Fotografía, viviu en primeira persoa o drama e o caos do domingo no sur da provincia de Pontevedra pola vaga de incendios. Neste relato para GC describe como os veciños dos distintos lugares afectados, sós e sen apenas recursos, tiveron que arriscar as súas vidas para salvar todo canto podían.

Por Galicia Confidencial | Tomiño | 18/10/2017 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

1.1 Fotografía formámolo dúas persoas, Elia Fuentes e Yanka Soto (nados en Vigo e Nigrán, respectivamente), polo que a ambos tocáronnos directamente as imaxes que captamos polos incendios, xa que coñecemos de man toda a contorna.

Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro
Unha muller en Vincios (Gondomar), no medio do fume causado pola vaga de incendios que asolou Galicia en pleno mes de outubro | Fonte: 1.1 Fotografía.

A mañá do domingo, eu, Yanka, estaba en Baiona, onde sobre as dez da mañá prendera o lume novamente na contorna da Virxe da Roca e o IES Primeiro de Marzo.

A calor que había a esa hora e o fortísimo vento do sur eran inusuais e contextualizou todo o ambiente nunha bomba de reloxería. E así foi.

Dende Baiona xa divisei un foco na serra do Galiñeiro (Gondomar), non moi grande, pero xa deducín que aquílo ía acabar mal, moi mal. E publiquei no meu perfil en FB as primeiras imaxes advertíndoo. "Hoxe será un desastre dos grandes".

De regreso á miña casa en Candeán, pola autoestrada xa podo ver como arde o Galleiro, Soutelo, Redondela, e cando chego ao aeroporto de Peinador xa constato que os lumes están moi avanzados, xa que levaban ardendo dende primeiras horas da noite.

A miña compañeira, Elia, ponse en contacto comigo e coméntame que está en Vincios no medio dun caos absoluto. Entre coñecidos aferrados a axudar á xente, nada que non fixese calquera persoa ese día neses lugares. Era un patrón que se repetía en todos os focos. Os veciños tentando parar o lume como podían... Bombeiros, efectivos policiais, Protección Civil, Garda Civil e, sobre todos a veciñanza, o colectivo máis numeroso, organizándose pola súa conta, correndo dun lado a outro, sumidos nun caos absoluto.

O aire irrespirable por fume e cinza, e a calor do propio día e do lume. Un vento fortísimo incrustaba ainda máis nos ollos todo a cinza e o lume. Sen apenas visibilidade, e todos correndo cos escasos medios que había: cubos, capachos e mangueiras de xardín e ramallos a modo de bate de lume, no mellor dos casos. E camións cargados con colectores de lixo cheos de auga.

Moita xente acudindo a axudar a Beade, Vincios, Meixoeiro, San Paio, Cuvi, Camos, Chandebrito, Tui, Amorín en Tomiño... 

A xente instintivamente trataba de salvar o seu, sacar os animais aos camiños, recoller  aveños, roupa... de todo. Temendo xa polo peor. Tratan de chegar a lugares controlados e bloqueados por seguridade e vívense momentos de pánico e frustración. Carreiras atropeladas entre uns e outros e ti no medio, implicado, porque non podes estar alí sacando fotos vendo aquel desastre sen implicarte e axudar. As fotos xa pasan a segundo plano nese momento.

Acaba o dia tentando sortear as estradas cortadas, PO552 en Roteas, Coruxo, Fragoselo, co lume cada vez máis avivado, e topas de noite con rapaces novos enfrontándose eles sós ao lume. Policia por todas partes, e xa percibes o ambiente que se viviu neses momentos en Vigo; policías de incógnito vixiando calquera movemento nas zonas boscosas, patrullas cidadás tomando matriculas de vehiculos...     

As nosas contas nas redes e nos grupos de Whatsapp xa son imposibles de seguir, o chorreo de información é constante durante todo o día. A xente que tiña o lume diante estaba desesperada e en moitos casos soa. Pero tamén moita información falsa, e sen ningún referente oficial que poder seguir e informarte nestes casos.

Elia volve na noite para Tomiño. A súa casa está arrodeada no linde co monte e xa nos preparamos para o peor. Sen luz, coas mangueiras preparadas e o coche listo para escapar. Todos os veciños de Carregal de Arriba (Tomiño) estaban na mesma situación, cos ollos postos no monte e nas súas casas.

O froito de todo isto son tres publicacións, concisas pero moi contundentes... 

Chegada a choiva, o luns pola mañá, decidimos volver polos nosos pasos, a Baiona, Vincios e Chandebrito, para deixar reflectida a barbarie que NUNCA debeu acontecer. De aí este vídeo, porque queríamos que a xente tivese unha visión da magnitude do que vivimos e viviron os veciños o domingo 15 de setembro de 2017. Outra data marcada na historia negra de Galicia.

Este é voo con dron que realizamos:

Temas: LUMES INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Pondaliao

Ou reconocemos definitivamente que somos unha colonia, non soio cada quince anos; ou estaremos eternamente colonizados e agradecidos á nosa dona e señora España. Porque o que nos están a vender é que este pobo está subdesenvolvido e que non somos quén de autoxestionarmonos. Estou farto de dar pena!!!

1 carmen baz

totalmente dacordo contigo, ou moitos se olvidan de España como España se olvida de nós, ou seremos sempre de segunda e xa o decía Rosalía "Galicia non queiras nunca chamarte española, que España de ti se olvida, cando eres ¡ai! tan fermosa"

2 Fada laverca

E quedamos sós... Unha vez máis... E unha vez máis a nosa brava xente foi un exemplo de afouteza... https://www.youtube.com/watch?v=jZP... Impactoume a foto da muller. Que bravas, traballadoras e valentes as mulleres galegas sempre. Galicia é unha terra de grandes mulleres, valentes e esforzadas. Quizais sería hora de ter unha presidenta ou cando menos unha vicepresidenta. Creo que xa vai sendo hora.

1 Moimento ao povo descoñecido

Non lle importamos a ninguén, tan só somos unha estadistica. O Rajoles deulle tempo o día da traxedia a felicitar o gañador das eleccións austriacas, condear o atentado de Solamia, e polas 23.30 da noite, lembrou darlle o pésame as familias dos finados. Hoxe no parlamento da metrópoli, nin una verba, nin unha referencia...a teima con Catalunya, a reforma da constitución e lerias e mais lerias. A Potemos do coletas que levou a acusación particular xunto con Ecologistas en Acción cando a vaga de lunes en Andalucia hoxe xunto os seus mariachis, mosca porque non lle toquen un pelo, da sacrosanta constitución. O vello tan activo contra o bipartito naquela vaga de lunes, semella coma se tivera sobredoses de tranquimazin. Será que non era retransmitido pola televisión, e o mais mesias, ordeu por electoralismo, non dar imaxe de desunión do expañolismo co tema catalán.