O número dous da CRTVG defende a cobertura que se fixo dos lumes

Xaime Arias suxire que a cobertura destes días foi mellor que a de 2006 e insiste que a TVG e a RG "estiveron alí", nos principais incendios, informando. Os sindicatos da CRTVG critican que o seu comunicado é "desafortunado" e "carente da humildade e da autocrítica que o momento requría, e prepotente ata o extremo".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/10/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Xaime Arias, director do departamento de Proxección Social da CRTVG e número dous de facto do ente público, remitiu este xoves un comunicado interno aos traballadores da TVG e da RG no que defende a cobertura que os medios públicos fixeron da vaga incendiaria, especialmente, no domingo.

Protesta dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa durante a crise dos lumes
Protesta dos traballadores da CRTVG contra a manipulación informativa durante a crise dos lumes | Fonte: Comité CRTVG

Un comunicado que chega logo das numerosas chamadas recibidas durante o domingo e o luns por parte de cidadáns indignados coa RG e a TVG que emitían reposición do Luar ou do Land Rober, e emisións deportivas, mentres media Galicia se queimaba, tal e como publicou o GC. E tamén chega despois dunha entrevista da ex presidenta do Comité Interempresa da CRTVG, Raquel Lema, publicada o mércores no Galicia Confidencial, na que pedía perdón pola cobertura informativa destes días en nome dos traballadores do ente público, moitos dos que o pasado luns saíron a rúa para protestar pola "manipulación" da dirección dos medios públicos.

Nesta carta, Xaime Arias insiste en que "é inxusto, inmoral e fundamentalmente mentira dicir que chegamos tarde cando desde o venres pola noite xa na Radio Galega se falaba dos incendios con intensidade". "Xa comezamos o venres cando para o resto de canles nin existía Galicia", indica. E lembra que os galegos elixiron os medios públicos para informarse durante o fatídico fin de semana. 

Comparación co 2006

Arias defende o "despregamento informativo realizado", que "non ten precedentes", e asumindo o argumentario que utilizaron algúns dirixentes do Partido Popular estes días, compara a situación coa de 2006, na vaga de lumes de hai once anos co bipartito, "onde desgraciadamente tamén morreron 4 persoas, e a superficie queimada foi aínda maior". "Daquela en ningún momento na CRTVG se cortou a programación con informativos e nin moito menos se fixeron 24 horas seguidas de información monográfica sobre os incendios como se fixo o domingo ao luns na TVG e na Radio Galega", indica. 

Xaime Arias, número dous da CRTVG
Xaime Arias, número dous da CRTVG

En todo caso, avanza que o obxectivo dos medios públicos é implementar un "protocolo de breaking news" que permita, no futuro, "unha reacción máis rápida" e ter "mellores protocolos de comunicación entre as distintas canles". 

Duras críticas dos traballadores

A reacción dos sindicatos non se fixo agardar. A CUT-CRTVG, o sindicato maioritario nos medios públicos criticou duramente nas redes sociais a Arias por "un comunicado interno desafortunado, carente da humildade e a autocrítica que o momento requiría e prepotente ata o extremo".

"A proxección social é algo que descoñeces, e a nivel interno, temos que dicirche que erraches de xeito descomunal. Lamentable. Moi moi lamentable. E a hemeroteca desmóntache soa a comparativa cos lumes de 2006. Revísaa, que ben se ve que aí tamén escribiches ao dictado. Breaking news dis? This is not USA. Esto é a empresa pública de comunicación de Galicia. Apunta por aí", escribiu.

COMUNICADO INTERNO DE XAIME ARIAS

"Carta aberta a todos os traballadores: Nós estivemos alí"

Están a piques de ser extinguidos os últimos incendios. XA podemos comezar a baixar o nivel de emerxencia e volver pouco a pouco á normalidade. Agora podemos tamén falar do sucedido, agora temos tempo para facelo. A nosa prioridade como servizo público era estar preto dos falegos que viviron pegadas ás lapas durante 5 días, a prioridade era traballar sobre o terreo, e a reflexión vén agora.

E dicimos agora proque, mentres houbo perigo polo lume en Galicia, houbo e segue a haber traballadores da CRTVG ao carón dos galegos. Ningún de nós chegou tarde. É inxusto, inmoral e fundamentalmente mentira dicir que chegamos tarde cando desde o venres pola noite xa na Radio Galega se falaba dos incendios con intensidade. Xa comezamos o venres cando para o resto de canles nin existía Galicia.

Non é certo que os galegos elixiran maioritariamente outra canle para informarse. É mentira. A audiencia, as persoas, os galegos, si que estiveron con nós, aínda que o importante nestes casos, como todos podemos entender non só o domingo, tamén o sábado, o luns, o marTes e ata hoxe. Ninguén en Galicia fixo nunca un depregamento informativo como o que se fixo nos días pasados por mor dunha vaga de incendios. Nunca. O precedente co que se pode comparar é a vaga de incendios do verán de 2006, onde desgraciadamente tamén morreron 4 persoas, e a superficie queimada foi aínda maior. Daquela en ningún momento na CRTVG se cortou a programación con informativos e nin moito menos se fixeron 24 horas seguidas de información monográfica sobre os incendios como se fixo o domingo ao luns na TVG e na Radio Galega.

Nós estabamos alí. Moitos podemos falar en primeira persoa esta fin de semana porque estabamos alí, ao carón dos nosos compañeiros, de todos os nosos compañeiros, non nolo contaron. Os directivos, os coordinadores, os redactores estabamos alí tomando decisións no medio dunhad as maiores catástrofes da historia recente do país. Nós estamos alí. Os traballadores estamos alí. Estabamos o propio domingo pola mañá. Xa estamos desprazados nas que máis tarde serían desgraciadamente as 'Zonas Cero'. Compañeiros, a reflexión ten que ir máis aló. Por suposto que houbo críticas, desde dentro e desde fóra da CRTVG, e temos que recibilas con respecto e analizalas, pero partindo sempre da realidade dos feitos. De onde vimos, onde estamos e a onde queremos ir. Vimos da cobertura de 2006, estamos na cobertura de 2017, e queremos ir a facelo todos mellor.

Queremos ir a ter implementado un protocolo de 'breaking news' que nos permita unha reacción máis rápida, ou a ter mellores protocolos de comunicación entre as nosas novas canles -que informaron de todo minuto a minuto- e as nosas canles tradicionais, todos temos que ser máis rápidos na interacción. Temos traballo que facr.

Moito se mellorou con respecto a 2006, e moito queda por emllorar, pero o que ten que quedar moi claro é que a CRTVG, todos, si respondemos. Os galegos víronnos e séguennos a ver.

Nós etivemos alí. Estivemos onde tiñamos que estar e volveremos facelo as veces que sexa preciso.

Gracias a todos polo voso esforzo e traballo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Xesus Rodriguez

Que a facer o probe....... pero na noite do dia 15 mentres ardia no monte xiabre avanzando cara a estrada Caldas-Catoira e os vehiculos de trafico movilizabanse para cortar a estrada ..a radio galega non cumpliu a funcion se servizo publico para informar a poboacion e mantiña a programacion sobre futbol....

3 galegoexiliado

A cobertura dos lumes foi a mellor de todalas TVs, certo que se nos colaron alguns planos nos que non saía Feijo ou algún menbro do goberno, pero eso foi culpa do montador que xa foi espedientado e sancionado. Tivemos que agardar a que acabara o Luar e os deportes, pero logo estivemos a carón dos políticos toada a noite. Y punto.

2 Yaestabien

Veo como no que la tv está llena de peperos enchufados como no

1 cesc

Falas o que tes que falar, o que manda o teu amo... Chegastes tarde, e tarde porque xa non había remedio... xa todo o mundo sabía o que vós non informastes. E sabíao pola Sexta, que estaba a facer o traballo da "nosa" TVG. Que pouca obxectividade e humildade. Despois si, pódese dicir que si, que empezastes a cubrir o "esperpento" e a "desgraza" pero porque xa non podiades estar máis tempo coa cabeza debaixo da terra como as avestruces. Fóra !!