Por Galicia Confidencial | As Neves | 23/10/2017 | Actualizada ás 09:00
Unha semana despois do domingo negro, o alcalde das Neves, Xosé Rodríguez Méndez (BNG), alerta de que a vila segue incomunicada e paralizada pola falla de servizo de Movistar. Empresas e servizos públicos non poden operar ao non dispoñer de rede. Ademais, nesta entrevista, o rexedor advirte da necesidade "urxente" de "mudar radicalmente" as políticas públicas sobre a xestión dos lumes e sobre o rural, polo que pide unha "mirada intelixente e sensible" ás administracións competentes.
Velaquí a entrevista transcrita e o vídeo:
SEN SERVIZO DE TELEFONÍA
"Hai unha circunstancia que se está poñendo de manifesto unha semana despois de que ocurrise a traxedia do incendio, que é que non temos servizo de telefonía. O servizo de telefonía é algo esencial en moitas partes das nosas vidas privadas, pero é esencial tamén para as empresas; temos neste momento, as poucas ou moitas empresas que aínda están activas nas Neves, servizos de restauración, servizos de gasolineira..., todas aquelas que operan a través de telefonía móbil e de TPV para poder cobrar aos clientes, están sen servizo. É algo inadmisíble. E ademais diso, nin sequera se dignaron dende a compañía telefónica, nomeadamente Movistar, que é a que ten a rede de servizo é pola que operan o resto das compañías, en prestar unha atención personalizada ou por teléfono; cando chamas nin sequera collen. Queremos reposición de servizo inmediato para que as empresas das Neves, amáis de sufrir o incendio, non sigan sufrindo consecuencias económicas, a maiores das que xa padecen".
ASUMIR ERROS E MUDAR AS POLÍTICAS PARA O RURAL
"O máis urxente de resolver é o futuro. Evidentemente, nós temos unha solución para esa perspectiva de futuro, e queremos animar ás persoas das Neves a ir todos con moita enerxía e con moita forza moral a esixir que o futuro nos pertence e queremos que as administracións competentes dean solucións a unha proposta de futuro que nós imos plantexar. A atención inmediata, o día a día, as persoas, atendémolas dende o Concello, dende un servizo marabilloso de voluntariado que está indo casa por casa a atender as necesidades cotiás, dende a auga até a compañía. Pero o que necesitamos agora é un compromiso de futuro, un compromiso ao que teñen que achegarse, cunha mirada intelixente e sensible, as administracións competentes. Nós propoñeremos a solución. A xente das Neves sabe o que non quere que se volva repetir, e as administracións públicas con competencia nesta materia teñen que asumir que as súas decisións políticas foron erradas, e que se queremos un rural habitado e un rural con economía e un rural con vida digna, temos que mudar radicalmente esas políticas e comprometerse coas Neves, que ten que renacer. É unha oportunidade para reconstruír o noso territorio con acerto, con esa mirada intelixente que reclamamos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.