Clásico na véspera de Noiteboa

O primeiro derbi de Liga entre Deportivo e Celta será o sábado 23 de decembro ás 18.30 horas no estadio Abanca-Riazor. O choque será emitido en aberto por GOL.

Por gcdeportes | A Coruña | 03/11/2017 | Actualizada ás 08:09

Comparte esta noticia

O último partido do ano na Liga española será o clásico do fútbol galego. Se a última edición do derbi foi en Riazor o 19 de marzo, día do Pai; a vindeiro cita será na véspera da Noiteboa no mesmo escenario. A Liga fixo públicos os horarios das dúas últimas xornadas do ano (16ª e 17ª) e fixou o Dépor-Celta no estadio Abanca-Riazor o sábado 23 de decembro ás 18.30 horas. O choque será emitido en aberto por GOL.

Riazor ateigado nunha edición anterior de #ONosoDerbi.
Riazor ateigado nunha edición anterior de #ONosoDerbi. | Fonte: @RCDeportivo

Aínda non se coñecen datas e horarios das xornadas anteriores (13, 14 e 15), pero os seareiros galegos xa teñen cita para o primeiro derbi do país na Liga 2017-18. Falta por ver cal dos dous equipos chega mellor situado na clasificación, pois hoxe en día, trala disputa das dez primeiras xornadas, Deportivo e Celta van empatados con 11 puntos.

Na campaña pasada, o equipo celeste, daquela adestrado polo Toto Berizzo, gañou os dous derbis da Liga: 4-1 na primeira volta en Balaídos e 0-1 en Riazor co primeiro tanto de Iago Aspas no feudo coruñés.

Trala disputa do clásico galego, os xogadores principiarán con presteza as vacacións polo parón do Nadal, volvendo a Liga na primeira fin de semana do ano (6 e 7 de xaneiro). Dáse a casualidade que o derbi Dépor-Celta coincide co Real Madrid-FC Barcelona, que se xogará o mesmo día 23 ás 13.00 horas.

A Liga anunciou tamén os horarios da xornada 16ª, na que o RC Deportivo xogará contra o Barcelona no Camp Nou (domingo 17 ás 20.45h) e o RC Celta recibirá o Vilarreal o mesmo día (domingo 17 ás 16.15h).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta