Á luz un dos grandes misterios submarinos: o mundo dos cabaliños de mar, peixes pipa e dragóns de mar

O Instituto de Investigacións Mariñas presentará en sociedade en Vigo o documental 'SyngDoc: O descoñecido mundo dos signátidos'.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 10/11/2017 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

Un mundo descoñecido agóchase nas rías galegas: o dos signátidos. O mércores 15 de novembro, o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo (IIM-CSIC) e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) presentarán o documental SyngDoc: O descoñecido mundo dos signátidos, financiado por FECYT-MINECO e coordinado polo investigador Miquel Planas Oliver. Será no salón de actos do IIM.

Esta é a primeira referencia documentada de cabaliños de mar nas illas Cíes
Esta é a primeira referencia documentada de cabaliños de mar nas illas Cíes | Fonte: Manuel E. García Blanco.

A longametraxe documental foi realizada no marco do Proxecto SyngDoc, cuxo obxectivo é sensibilizar á sociedade de maneira divulgativa e a través de coidadas imaxes sobre a importancia da conservación da biodiversidade mariña. Para iso, céntrase nos signátidos, unha familia de peixes da que forman parte os cabaliños de mar, os peixes pipa e os dragóns de mar.

O documental aborda a bioloxía, ecoloxía, evolución e conservación destas especies xunto co desenvolvemento de técnicas de cría en catividade, mergullando ao espectador nun mundo asombroso no que descubrirá uns peixes cuxa evolución lles permitiu adaptarse a novos ambientes no planeta e adquirir unhas características únicas no reino animal. Pero esas mesmas características fíxolles moi vulnerables nunha contorna sometida a unha crecente destrución pola acción do ser humano. O seu futuro depende do desenvolvemento de plans adecuados de sensibilización e de conservación.

No proxecto SyngDoc participaron investigadores de Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) de Vigo, Instituto Mediterráneo de Estudos Avanzados (centro mixto CSIC -Universidade das Illas Baleares), Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e Gimnazija Kranj (Eslovenia). 

SyngDoc está patrocinado polo Museo do Mar de Galicia, Fundación Zoo de Barcelona, Getxo Aquarium, Aquagest Xixón e Disetecmar S.L. e conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

Cabaliño de mar na ría de Arousa
Cabaliño de mar na ría de Arousa | Fonte: Pedro Alonso.

O documental estará dispoñible en versións en español, inglés e galego e contará con tres curtas especialmente dirixidas á comunidade educativa.

Con motivo da presentación do documental expoñeranse ilustracións científicas e bosquexos realizados en acuarela pola ilustradora galega Clara Cerviño. 

Velaquí o tráiler do documental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta