GC é o xornal que máis crece en Internet e sitúase terceiro en Galicia, tras La Voz e Faro de Vigo

Galicia Confidencial marca un fito na prensa galega ao situarse como terceiro xornal dixital do país e consolidarse como o primeiro en lingua galega, segundo a auditora Alexa, do Grupo Amazon. O xornal acada rexistros históricos grazas á cobertura especial da crise catalá e da vaga de incendios que arrasou case 50.000 hectáreas a mediados de outubro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/11/2017 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O ecosistema mediático galego está a mudar substancialmente nos últimos meses. A auditora de sitios web Alexa, do Grupo Amazon, sitúa a Galicia Confidencial (GC) xa como o terceiro xornal de Galicia, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo, e consolídase como líder da prensa en lingua galega.

Clasificación de xornais galegos en Alexa do 18 de novembro de 2017.
Clasificación de xornais galegos en Alexa do 18 de novembro de 2017.

Nos últimos meses, GC experimentou o maior crecemento entre todos os xornais do país, superando na clasificación de Alexa a cabeceiras tradicionais —con edicións en papel— como La Opinión da Coruña, La Región de Ourense, El Correo Gallego ou El Progreso de Lugo máis Diario de Pontevedra, todos eles pertencentes a importantes grupos de comunicación con enorme capital e numerosas axudas económicas das administracións públicas. Só La Voz de Galicia e Faro de Vigo se manteñen por enriba de GC, segundo os datos de Alexa.

GC sitúase así como terceiro xornal de Galicia tanto na clasificación mundial como na do Estado español de Alexa, a principal auditora do mundo que avalía en aberto a calidade e as visitas dos medios de todo o mundo, usada como referente en numerosos traballos científicos de primeiro nivel sobre impacto mediático e tráfico web, ante a imposibilidade de acceder e comparar en aberto datos doutras auditoras. GC tamén afianza así a súa posición como líder dos xornais en galego.

A importancia destes datos é radical para o ecosistema mediático galego, xa que GC marca un fito na historia da prensa galega ao situar un medio independente e en galego entre os tres primeiros do país, por enriba de xornais cun soporte económico e político enorme, como La Opinión da Coruña (do poderoso grupo Prensa Ibérica, ao que tamén pertence Faro de Vigo), El Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra (neste caso, son auditados conxuntamente por Alexa mediante a plataforma compartida Galiciae, do Grupo El Progreso), El Correo Gallego (Grupo Correo) ou La Región de Ourense (cuxo grupo inclúe tamén Atlántico Diario ou Telemiño).

Entre os nativos dixitais, GC tamén destaca como líder, deixando atrás xornais de referencia na prensa en galego como Praza Pública e Sermos Galiza. 

Clasificación de xornais galegos en Alexa do 18 de novembro de 2017.
Clasificación de xornais galegos en Alexa do 18 de novembro de 2017.

CRECEMENTO

GC vén medrando de xeito continuo desde xaneiro deste ano, sendo o xornal entre os máis destacados de Galicia que mostra a mellor curva de crecemento. Neste período, dende o 1 de xaneiro até o 19 de novembro, o número de sesións no noso sitio web aumentou un 35 por cento respecto ao mesmo período do pasado ano, os usuarios únicos creceron un 45 por cento e as páxinas vistas aumentaron un 20 por cento.

Este crecemento ten distintas explicacións. Por un lado, as coberturas especiais que GC fixo nos últimos meses de acontecementos de actualidade como a crise catalá ou os incendios que asolaron Galicia a mediados do mes de outubro situaron a este xornal como un dos principais referentes informativos en Galicia e no Estado sobre os temas de máxima actualidade. 

Por exemplo, GC mantivo unha cobertura especial de todo o acontecido en Cataluña nos últimos dous meses cun equipo especial traballando sobre o terreo, principalmente co fotoxornalista Miguel Núñez e a reporteira Rosalía R. Méndez, e outros colaboradores, cubrindo o referendo de independencia do 1 de outubro, as manifestacións e outros eventos relacionados co proceso catalán.

GC tamén despregou unha importante cobertura da última vaga de incendios en Galicia, con entrevistas, reportaxes, fotorreportaxes e exclusivas como a morte de dúas mulleres no lume en Chandebrito, denunciada en exclusiva por GC no medio do caos informativo que se estaba producindo o 15 de outubro, o domingo negro, ou as críticas á Xunta e Garda Civil dos familiares do primeiro detido por esta onda de incendios, un home que queimou por unha imprudencia menos dunha hectárea da súa leira en Os Blancos (Ourense) e que é a única persoa en prisión, ademais de numerosas entrevistas e reportaxes especiais que tentaron aportar luz sobre esta vaga de lumes e o problema dos incendios no país.

Outras coberturas especiais, como o 15 aniversario da catástrofe do Prestige, ademais da aposta de GC pola información independente e plural, sen ataduras a ningún partido partido político, sindicato, lobby, subvencións públicas ou capital privado, cunha cada vez maior énfase na información en profundidade e na aposta por temas claves para o noso país, como son o medio ambiente, a ciencia, a lingua e o patrimonio galegos, ademais da nosa teima xornalística por profundar nas cuestións políticas do país desde un prisma distinto ao convencional e as denuncias de toda clase de corrupción política e corporativa, veñen afianzando o noso modelo de xornalismo sustentable e cen por cen independente.

A isto hai que sumar a aposta de GC por aumentar a oferta informativa co servizo de Última Hora, prestado pola axencia de noticias Europa Press, e que seguimos tentando mellorar para satisfacer a demanda e necesidades dos nosos usuarios.

REDES SOCIAIS E DISPOSITIVOS MÓBILES, CLAVES NO NOSO CRECEMENTO

A todo isto hai que sumar o espectacular aumento que GC experimentou en tráfico por dispositivos móbiles e por redes sociais.

As sesións vía móbil representan xa o 70 por cento do total do tráfico de Galicia Confidencial no que levamos de 2017. O aumento foi progresivo nos últimos anos e disparouse desde que GC estreou o seu novo deseño, que mellorou a navegación e usabilidade do noso sitio e que se fixo pensando especialmente no tráfico móbil. O redeseño do noso sitio web —adaptable a calquera dispositivo, máis social e máis atractivo— foi estreado en novembro de 2015, e con esta nova imaxe tamén ampliamos as seccións de GC para darlle protagonismo a outros contidos que non son políticos, pero sen perder a esencia e natureza do noso medio, que procura sempre o xornalismo crítico.

Os datos non deixan lugar a dúbidas sobre a importancia das decisións tomadas na dirección deste medio: no ano 2014 o tráfico móbil no noso xornal representaba o 32 por cento do total; en 2015 aumentou ao 47 por cento; en 2016 xa se situou no 58 por cento, e en 2017 xa son sete de cada dez sesións as que se establecen dende un aparello móbil.

O crecemento en redes sociais tamén foi espectacular. GC suma xa arredor de 45.000 seguidores en redes sociais. Segundo os propios datos estatísticos de Facebook, por exemplo, este foi o xornal galego que máis creceu en seguidores durante a semana da vaga de incendios, a mediados de outubro, e o teceriro con maior engagement (compromiso ou implicación, reflectido en interaccións dos usuarios), entre os grandes xornais do país, só por detrás de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. A conta de GC chegou a alcanzar a máis de medio millón de usuarios de Facebook nun día coas publicacións sobre os incendios.

Tamén en Twitter medramos considerablemente, cun aumento notable de seguidores nos últimos dous meses e con máis de dous millóns de impresións durante a onda de lumes o pasado outubro.

As visitas que chegan a GC vía redes sociais xa representan o 57 por cento do total deste xornal. Entre o 1 de xaneiro e o 19 de novembro deste ano, o tráfico social aumentou un 52 por cento respecto do mesmo período o ano pasado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 16 comentarios

10 Cipollina en Barataria

Sempre fun moi crítica con vós, pero malia os malias (ninguén é perfecto) vós, Sermos e Praza foron esenciais cando a vaga de lumes... Cando outra prensa pretendía aparentar que non pasaba nada ou case nada. En fin, unha pequena homenaxe fílmica: https://www.youtube.com/watch?v=6Od...

9 liberdade de expresión

Moi admirábel a vosa coraxe e alento para continuardes coa confianza necesaria. Son tempos moi difíciles, de resistencia e pouco máis. Todo o meu respecto e apoio nun momento onde a supervivencia da liberdade de expresión está cada vez máis en dúbida. Mentres os medios de comunicación afíns, malformadores de opinión, sobreviven grazas ás subvencións é esperanzador vermos como resistides (supoño que con moitísimo sacrificio). Oxalá a prensa escrita ruín só sirva para despois de fregar os bares.

8 lostregos e tronos

Eo mellor sitio para escribir pero as veces notase algo de censura - algo de manexos de mareados - https://www.youtube.com/watch?v=fKo...

7 Braisiño

É importantísimo potenciar medios de comunicación alternativos aos medios que desinforman sobre o país, subvencionados con diñeiro público.

6 Galegus

No está nada mal. Dad gracias también a los muchos que entramos a comentar aquí a pesar de que, como otros medios, confundís frecuentemente opinión con información, hacéis gala de tendenciosidad y sectarismo, así como permitís comentarios propios de denuncia ante juzgado de guardia en personajes próximos a vuestra línea editorial.

1 Xanti

Debe ser frustrante non poder exercer o sectarismo pepero como en medios coma La Región, La Voz de Galicia (o peor), Faro de Vigo, El Progreso... tanto na información coma nos comentarios censurando o que non vos gusta. Pero non te preocupes, co que che paga Feijoo por comentar ten sorna que te queixes do teu traballo.

2 anonimo

Son moi respectuosos e maduros sempre os comentarios non próximos á liña editorial; xa vin chamar a Rosalía de Castro con nome de excrementos e aos seus lectores coprófagos ou algo polo estilo, en linguaxe ben soez. De feito ter que ler comentarios tan infantís e irracionais é o único que me amola deste xornal. Xa procuro non mirar.